18 de nov. de 2026

A GUARDA

A Plataforma Cidadá Pro Sección EOI A Guarda eleva ao Pleno unha moción para reclamar unha extensión da Escola Oficial de Idiomas no municipio 

• A iniciativa insta á Consellería de Educación a realizar un estudo de viabilidade co obxectivo de abrir o centro de cara ao próximo curso académico. 

• Proponse aproveitar as instalacións do Instituto de Educación Secundaria (IES A Sangriña) en horario de tarde, ofertando inicialmente inglés, portugués e galego


Macarena González Pena - 3ª pola esq.- con outras persoas integrantes da Plataforma Cidadá Pro Sección EOI A Guarda

Foto: Cedida

Ricardo Rodríguez Vicente/A Guarda

 A  Plataforma Cidadá Pro Sección EOI A Guarda, a través da súa portavoz Macarena González Pena, vén de presentar unha moción ante a Corporación Municipal para o seu debate e aprobación en Pleno. O texto solicita formalmente á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP da Xunta de Galicia a creación dunha extensión da Escola Oficial de Idiomas (EOI) na vila. 

 Desde a plataforma sinalan que a carencia dun centro público regrado obriga actualmente á veciñanza a asumir longos desprazamentos ata a sede central de Vigo ou ás extensións de Tui e Nigrán. Esta situación, agravada polas dificultades de transporte público no concello, supón un importante gasto de tempo e diñeiro que penaliza especialmente á mocidade, persoas desempregadas, familias con cargas e veciños sen vehículo propio, abocando a moitos a ter que custear academias privadas.

Impulso económico e igualdade de oportunidades 

 Na exposición de motivos destácase que o dominio de linguas estranxeiras é unha ferramenta laboral indispensable nunha economía local fortemente vinculada ao turismo, á hostalaría, ao comercio e ao sector marítimo-pesqueiro, ademais de facilitar a comunicación cos peregrinos que percorren o Camiño Portugués da Costa. Así mesmo, a implantación do galego permitiría a integración lingüística de persoas adultas chegadas doutras comunidades ou do estranxeiro.

 Ademais do impacto na empregabilidade do sur do Baixo Miño, o colectivo subliña o carácter inclusivo da ensinanza pública oficial, que garante bolsas do MEC (Ministerio de Educación e Ciencia) e exencións ou descontos de taxas para familias numerosas, persoas con discapacidade ou vítimas de violencia de xénero. Para facer viable a proposta sen grandes investimentos, a moción suxire optimizar os recursos públicos existentes empregando as instalacións do IES local durante o horario de tarde.

Acordos propostos ao Pleno 

 A proposta recolle tres puntos principais para a súa aprobación municipal: 

1. Instar á Consellería de Educación a elaborar un estudo de viabilidade e necesidades na Guarda para planificar a apertura da extensión no vindeiro curso. 

2. Solicitar que a oferta inicial conte, como mínimo, cos niveis básicos e intermedios de inglés, portugués e galego. 

3. Trasladar o acordo á Xunta de Galicia, á dirección da EOI de Vigo e aos colectivos sociais, educativos e empresariais do municipio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario