24 de nov. de 2018

A GUARDA

A GUARDA TRIBUTOU UNHA MERECIDA HOMENAXE PÓSTUMA O POETA E PROFESOR XOSÉ CARLOS GÓMEZ ALFARO 

· A Corporación Municipal en Pleno, acordou por unanimidade decraralo Fillo Adoptivo de A Guarda 

· Súa dona e seu fillo recibiron os correspondentes símbolos acreditativos desa distinción

O alcalde xunto a esposa, nai e fillo de Xosé Carlos Gómez Alfaro logo de serlles entregados os símbolos do Concello de A Guarda
Fotos: Infogauda


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda


 Grazas. Moitísimas grazas. Así queremos comezar esta crónica de hoxe, para deixar constancia do noso agradecemento a tódalas persoas que deron os pasos necesarios ata chegar a este sábado 24 de novembro de 2018, coa sesión plenaria extraordinaria que celebrou á Corporación Municipal, na que por unanimidade de tódolos concelleiros presentes - 16 de un total de 17 -, o Concello de A Guarda decrarou o articulista, escritor, poeta e profesor Xosé Carlos Gómez Alfaro, Fillo Adoptivo de A Guarda.

 Foi, como era de agardar, unha sesión emotiva, tanto para á familia de Xosé Carlos Gómez Alfaro, como para os membros da Corporación Municipal e por suposto para o respectable público que non quixo perderse este acto.

 Grazas. Moitísimas grazas. Porque ata chegar a ese intre tiveron que pasar máis de 10 anos desde o inesperado pasamento de Xosé Carlos Gómez Alfaro, un poeta brillante, que nos legou unha selecta producción lírica. Un ser humano que soubo manter seu compromiso, sen facer del ningún tipo de bandeira. Un esposo que tiña en Rosa Berta, non soio súa esposa e compañeira, nos bos momentos e tamén nos reveses da vida - que desgradazamente tamén os tiveron -, senón súa musa. Un pai que viviu a ledicia da chegada de Carlos e bebeu o fel da súa perda.

 Grazas. Moitísimas grazas. Porque a partires de agora A Guarda está - máis que nunca - na irmandade da Ruta Áurea, pola que transitaron - e transitan - relevantes figuras galegas da Cultura. E entre elas, á de Xosé Carlos Gómez Alfaro, sempre terá, por méritos propios, un lugar destacado.


Vista parcial dos familiares do poeta e público que asistiu o acto

 Coa asistencia de persoas da familia de Xosé Carlos Gómez Alfaro (súa nai Alicia Alfaro, súa esposa Rosa Berta Alfaro Diéguez, seu fillo Daniel Gómez Alfaro, tíos, curmáns,...), amigos e veciños vidos expresamente desde a bisbarra do Ribeiro, do Rosal, da Guarda,..., compañeiros do ensino, tanto do Colexio PP. Somascos - na que tanto Xosé Carlos como Rosa Berta, exerceron súa labor docente -, como doutros centros educativos de A Guarda; así como artistas, representantes de entidades culturais, sociais,... e veciños de A Guarda; o aforo do Salón de Plenos estivo totalmente cuberto. A ocasión non era para menos.


Membros da Corporación Municipal do Concello de A Guarda


 Minutos despois das 12:00 h., o alcalde Antonio Lomba Baz, abriría a sesión plenaria extraordinaria, saudando, en primer lugar "as veciñas, veciños e tódolos convidados, que estades entre o público", para a continuación decir: "Hoxe, a verdade é que temos un pleno moi especial para á Corporación e para toda a vila da Guarda. E atreveríame a decir que moito máis alá. Para ás terras do Ribeiro e incluso para Galicia. Na Corporación falta unha concelleira, que por asuntos persoais hoxe non pudo vir, pero ela exprésame que lle de os parabens á familia e que sintamos como si ela estivera hoxe eiquí (...)".

 Deseguido o alcalde informou da Orde do día deste pleno, en cuxo punto nº 1 figuraba o dictame de nomeamento de Xosé Carlos Gómez Alfaro como Fillo Adoptivo de A Guarda.

 A continuación o alcalde deu lectura á proposta, na que consta que na sesión plenaria de 26 de maio de 2018, se acordou por unanimidade instar ao alcalde a incoación do procedemento establecido no Regulamento de Honras e Distincións do Concello de A Guarda para o nomeamento de Xosé Carlos Gómez Alfaro como Fillo Adoptivo desta localidade. Vista a proposta do instructor designado e practicadas ás correspondentes dilixencias a fin de acreditar os méritos de D. Xosé Carlos Gómez Alfaro, a fin do seu nomeamento como Fillo Adoptivo do Concello de A Guarda, a Comisión de Honras e Distincions do Concello de A Guarda leva ao Pleno o dictame para a adopción do seguinte acordo:

1º.- Conceder a D. Xosé Carlos Gómez Alfaro o título honorífico de Fillo Adoptivo do Concello de A Guarda polos relevantes méritos contraídos e servizos prestados ao Municipio, recollidos no Regulamento de Honras e Dsitincions desta Corporación Municipal.

2º.- Autorizar ao Sr. Alcalde para que dispoña o conveniente a fin de dar cumplimento aos anteriores acordos, organizando a tal efecto o acto público e a solemne ceremonia de entrega da distinción prevista no citado Regulamento.

 Abrimos unha intervención dos grupos políticos para que expresen a súa postura (...)".

 O alcalde cedeulle a palabra a Fátima María Iglesias Ferreira, concelleira non adscrita, quen dixo: "Bos días a todos.

 En especial á familia do distinguido hoxe como Fillo Adoptivo desta vila da Guarda.

 Sr. alcalde, concelleiros, autoridades, veciños e amigos, Rosa, Dna Alicia,...

 Moitos méritos concorren na figura de Xosé Carlos Gómez Alfaro, como docente, como escritor, poeta recoñecido e premiado, que levou na súa pluma este pobo e que fixo da Guarda o seu fogar definitivo.

  Cada día o vía pasar o profesor por diante da miña casa. Sempre ás 3 da tarde subía Concepción Arenal cara Somascos, o seu cole. Sempre acompañado de Rosa. Nunca faltaba o seu maletín.

  Sabía quen era, porque falaba e compartía libros co meu pai. Os seus, adicados, estaban nunha das librerías do salón. Neles están presentes Galicia, a súa terra natal Ourense, e como non A Guarda, Santa Trega e o noso mar.

 Fai 10 anos deixounos, pero non para sempre, porque hoxe e ben seguro que en moitas ocasións, está aquí, porque os que crean, perduran.

 Este é un merecido recoñecemento deste pobo, a un home, que como leín nunha ocasión "nado en Ribadavia (Ourense) en 1949 e guardés desde 1978".

 Enhoraboa a súa familia e amigos. A quenes traballaron tamén para que esto sexa posible.

 40 anos despois, así sea".

 (Aplausos)

 A continuación o alcalde cedeulle o turno da palabra a Celso R. Fariñas, quen despois de saúdar a todos, salientou: "Debía comezar decindo que eu coido que hoxe, indistintamente dos sentimentos que poidan ter seus familiares e amigos, quero decir que hoxe para o pobo de A Guarda é un día de ledicia, de satisfacción, de recoñecemento a un persoaxe que chegou un día caladiño, e se marchou caladiño. Unha persoa que o seu transcorrer foi desde á intimidade e desde súa sensibilidade, pero tamén desde a súa timidez.

 Xosé Carlos Gómez Alfaro foise físicamente, pero segue no esprito de todos aqueles que o tratamos.

 E decir que cando falábamos nas presentacións dalgunhas das súas publicacions sempre, sempre, se ría do apelativo de que era un guardés nado nas Chabolas, fillo do Miño, parido a beira do río Avia, porque é unha realidade. Eran os seus dous mundos. O río Avia e o río Miño eran as súas dúas referencias (...)".

 A continuación Celso R. Fariñas mencionou dúas anecdotas, unha que ten relación coa degustación de anguías fritidas, na compaña de Xosé Carlos Gómez Alfaro, Xesús Alonso Montero, o P. Silva,...

 E a outra foi nunha ocasión, que ademáis de Xosé Carlos Gómez Alfaro, estaban Vicente Araguas, Manuel Peña Rey, Alonso Montero e Celso R. Fariñas, saiu na conversa o tema dos cabaqueiros que ían desta zoa do Baixo Miño a traballar nas telleiras da bisbarra do Ribeiro. E no restaurante onde estaban xantando, o titular do establecemento lles comentou que moi preto deles habían tido unha cabaqueira, e saiu a referencia de un guardés que o comezo da tempada se desprazaba para alá en bicicleta. Un guardés que traballaba súa xornada pero que despois se adicaba pola noite a facelo pan para vender polas aldeas das proximidades. Ese guardés era Morales. En cando viñemos de Ourense foi unha das primeiras cousas que lle fun preguntar, e efectivamente nos comentou da calidade humana da xente coa que convivía alí e súas experiencias naquela zona (...)". 

 Celso R. Fariñas engadiría: "Polo tanto sigo decindo que do mesmo xeito que [Xosé Carlos Gómez Alfaro] se foi, tamén se quedou entre nós.

 Tan soio me queda decir que ainda que fai 10 anos que se marchou son dez anos que nós tardamos en recoñecerlle seus valores literario, humano e como educador. Polo tanto, Xosé Carlos vive, e creo que hoxe é un día de ledicia." 

 (Aplausos).

 Deseguido o alcalde cedeulle o turno da palabra á Angel Luis Baz Vicente, quen visiblemente emocionado dixo: "A primeira imaxe que teño de Xosé Carlos corresponde aqueles anos da infancia. Daqueles primeiros anos da EXB. O profe dos maiores, decía. Un home espigado, de ferro en roupa, camisa, chaqueta,..., sempre con un brazado de xornais.

 Cando a natureza fai que un comece a sentirse maior chegaba aquel ¡bos días!, ca entrada daquel home, daquel profe de Historia e Lingua Galega, de discurso pausado e dilatada paciencia. E foi a curiosidade acumulada durante anos polos corredores compartidos, subidas e baixadas por Concepción Arenal, de idas e voltas, entre o cole e o Pescador, a que fixo esta pregunta: Profe ¿porqué le tantos xornais? 

 A resposta toda unha leición de vida.

 "Hai que ver as novas desde varios ángulos para pensar por un mesmo e decidir por un mesmo".

 E é agora, despois de ter coñecido ao profe, ao escritor, ao veciño,... Despois de ver, escoitar, e ler, a Xosé Carlos Gómez Alfaro cando podo decir abertamente o que son, que defendo o que defendo..."

 A emoción impediu que Ángel Luis pudese continuar súa intervención, polo que a continuación fíxoo seu compañeiro Xan Lois Lomba Alonso, decindo: "Vou ler en nome do portavoz. Son momentos moi tristes agora mesmo. Imos tentar de describir o que de corazón escribiu Anxo. 

 E é agora, despois de ter coñecido ao profe, ao escritor, ao veciño,... Despois de ver, escoitar, e ler, a Xosé Carlos Gómez Alfaro cando podo decir abertamente o que son, que defendo o que defendo, en grande medida grazas a este home de xornais nun brazado. De camisa e chaqueta. De discurso pausado, e dilatada paciencia.

 Un bó e xeneroso do que non deixarmos nunca de aprender.

 E nome do BNG e o pobo da Guarda, moitas grazas Xosé Carlos Gómez Alfaro."

 (Aplausos)

 A continuación o alcalde indicou que polo Partido Popular ía intervir Roberto, quen deseguido diría:

 "Coa autorización do Sr. Alcalde-presidente do Pleno, bos días a tódolos presentes.

 Din que ninguén é profeta na súa terra, pero eu coido que esta insidiosa frase perde hoxe súa afeita validez desde este salón de plenos, porque a pesar que estamos a nomear a un Fillo Adoptivo, nós, todos os que estamos aquí sentimos a Xosé Carlos coma noso. El é noso fillo. Mais ben teríamolo que nomear Fillo Predilecto.

 Cando nun mesmo lugar xúntanse moitas persoas créase unha especie de maxia e isto é o que envolve esta sinceira celebración. Maxia de lembrar, de sentir, de ler, de ouvir, de palpar,...

 Xosé Carlos foi o noso profesor, de moitos dos que estamos aquí. Foi o meu profesor. Ensinounos desde á máis tenra infancia nosa Historia. Con ela aprendemos, ou polo menos esa é a miña experiencia persoal, que o saber non ocupa lugar. Que deberíamos formarnos integralmente. Que a Historia é importante, pero o importante eran os coñecementos para á vida. Esa vida para el era a poesía.

 Da súa boca, creo que varios dos que estamos aquí escoitamos as primeiras veces rimar un verso, unha poesía...

 Claro que cando un é adolescente, xa sabemos como son os rapaces, o que máis nos interesaba era que nos dese poesía a que nos dera Historia ou que nos dera Galego.

 Sempre lembro a algúns líderes xuvenís que decían: "Es que a Don José Carlos le han dado un premio. Vamos a preguntarle donde ha sido que así no vamos a "chupar" clase (...)".

 E efectivamente. El explicábamos con calma. E tamén tiña unha frase simpática que seguro que Anxo que foi compañeiro meu de curso, recordamos que decía: "Estos premios no dan para comer". 

 Efectivamente non daban para comer. Nembargantes todo alimento que nos deu era o seu ensino. Iso é o que perdura na nosa mente, no noso corazón (...)".

 Roberto José Álvarez Carrero dixo tamén: "Creo que todos pudemos facelo, como diría aquel militar romano, porque nós sabíamos que era imposible. E isto sí que foi posible porque todos os grupos políticos quixemos e puxemos a nosa vontade. 

 Unha cousa é certa. Polo menos é o que eu lembro. Nunca o escoitei falar de política na clase. O contrario. O único que un día nos dixo foi que "os políticos andaban como os curas, porque nos cambiaron o Padrenuestro", naquel tempo en que mudara o texto desa oración.

 Hoxe despedimos fai unha hora a un fillo, a un amigo, e hoxe acollemos a outro. Embargado pola emoción deste día, o desexo da discreción e non estorbar o máis mínimo este momento tan especial para todos nós, para a vida do noso pobo, que significa nomear a esta persoa, a ún dos nosos, quixera expresar as sinceiras grazas a súa familia, o colexio, e todas as personas que o coñeceron,... porque nós podemos chorar Xosé Carlos, que te fuches, podemos sorrir, porque viviches. Podemos pechar os ollos e rezar para que volvas, ou podemos abrilos e ver todo o que nos dixeches. Aquí nesta Guarda, teu lar, teu pobo de adopción (...)". 

  (Aplausos)

 O derradeiro turno de intervencións por parte dos diferentes portavoces municipais sería o do alcalde Antonio Lomba Baz, quen dixo: "Fai cuarenta anos Xosé Carlos e Rosa chegaron a nosa vila. Desta manera A Guarda gañou na figura do noso homenaxeado, unha gran persoa pola súa categoría humana. Un profesor para moitas xeracions de guardesas e guardeses, e sobre todo un poeta e escritor.

 Incorporou o noso recuncho na súa obra. Serviulle de inspiración, fíxoo seu para regalarnos fermoso versos.

 "Útero azul da langosta". "Emperatriz do mar". "Aleluia dos ocasos",...

  Xosé Carlos Gómez Alfaro viu unha Guarda fermosa. Acolledora. Chea de elementos e fitos inspiradores para a súa poesía que valorizou con vellas palabras cheas de fondo contido. Incluso mellor do que somos capaces de facelo nós. Que as veces, de tan afeitos que estamos a vivir no paraíso, non atinamos a percibir todos os matices que unha sensibilidade e  dominio da linguaxe coma a de Xosé Carlos é capaz de nos transmitir.

 Nosa vila e o noso pobo vánse facendo grandes e fecundos co paso dos tempos. Xosé Carlos participa, a través da súa obra literaria en agrandar a relevancia da nosa pequena vila.

 Hoxe imos a recoñecer a Xosé Carlos Gómez Alfaro como Fillo Adoptivo da Guarda, a título póstumo. Hai honra mutua neste recoñecemento. Honra á familia e a memoria de Xosé Carlos, que recibe a título póstumo a máis alta distinción que os guardeses de adopción poden acadar da nosa vila, raíña do Baixo Miño.

 Hai honra tamén para A Guarda e as súas xentes porque dende hoxe o profesor e poeta Xosé Carlos Gómez Alfaro, nado en terras ourensás é para  sempre, e por dereito, un guardés máis.

 Como alcalde é un privilexio presidir o acto no que se lle recoñece e agradece a identificación co pobo da Guarda.

 Asemade que a sobranceira achega a través da súa obra ao prestixio da nosa vila.

 En nome da veciñanza quero manifestar a gratitude da que é acreedor o poeta Xosé Carlos Gómez Alfaro, quen en reciprocidade o acollemento que se lle dispensou entre nós incorporou á Guarda a seu universo poético (...)".

 (Aplausos).

 Feitas ás intervencións de tódolos grupos, pasouse á votación da proposta, que foi aprobada por unanimidade, "(...) polo que dende hoxe - como proclamou o alcalde - Xosé Carlos Gómez Alfaro é Fillo Adoptivo de A Guarda".

  (Aplausos)

 A continuación o alcalde anunciou que a sesión plenaria había rematado, ainda que o acto continuaba, motivo polo cal convidou a familia do homenaxeado a acceder o estrado para decir unhas palabras.

 Dese xeito Rosa Berta Alfaro Diéguez, acompañada polo seu fillo Daniel Gómez Alfaro, subiron onde os corporativos.


O alcalde Antonio Lomba Baz, con Rosa Berta Alfaro Diéguez e Daniel Gómez Alfaro

  Interviu en primeiro lugar Rosa Berta para decir: "Hoxe é un día de moitas emocións polas circunstancias que moitos dos que estamos aquí sabemos. Vimos de acompañar a unha familia que está vivindo algo que ninguén debería vivir, pero bueno, ás veces á vida ten estas cousas. 

 Vou intentar,...Vou ser moi breve. Quero decir que é moi emotivo para nós, a súa familia, estar neste Salón de Plenos asistindo ao acto no que se nomea a Xosé Carlos Gómez Alfaro fillo adoptivo do Concello da Guarda.

 Estamos moi satisfeitos porque sabemos o que A Guarda significaba para Xosé Carlos. Dicía sempre que tiña dúas Matrias: O Ribeiro, terra onde naceu e da que nunca se desvinculou, e A Guarda, onde pasou a maior parte da súa vida.

 Chegamos a esta vila alá polo ano 1978 e A Guarda acolleunos cos brazos abertos. Aquí Xosé Carlos desenvolveu as súas dúas paixóns: o ensino e a creación literaria. Sentíase plenamente guardés. Por eso A Guarda está tan presente na súa obra e no seu sentir, seino moi ben.

 Se desde algún sitio nos está vendo, pensará que hoxe se fai oficial algo que el xa sentía cando estaba con nós: ser un guardés máis.

 É por eso que queremos dar as grazas ás persoas que fixeron posible que este nomeamento se levase a cabo. Grazas de corazón.

 Grazas tamén o amigos e amigas, a familia,... que nos acompañan nun día tan especial para nós. Que por certo están aquí xentes desas dúas matrias que el tanto quería.

 Moitas, moitas grazas".


 Logo de Rosa Berta, interviu Daniel Gómez Alfaro, para agradecer a tódalas persoas, amigos, familiares,...,súa asistencia, e deseguido referirse o pasamento de un neno guardés - que aconteceu esta semana e cuxas exequias foron este mesmo sábado -, do cal Daniel fora profesor en prácticas, xa fai anos. "Quero mandarlle unha aperta moi grande á familia (...)" .

 Deseguido  dixo: "Eiquí falouse de un home de periódico en mán, de profesor, de amigo, coñecido... E eu, gustaríame falar del como pai. Eu síntome moi identificado, moi formado pola figura de meu pai desde pequeno. Non son escritor, nin tan bó lector coma él, nin serei capaz de selo. Pero hoxe gustaríame lervos a vos un poema moi especial para nós que está escrito por el e que nós decidimos homenaxealo fai anos, poñéndoo na porta da súa tumba, e que o leva dez anos acompañando, e cada vez que vamos alí gústanos lelo e recordar o que él era, o que lle gustaba (...)".

 Antes de proceder a súa lectura, Daniel Gómez remarcou: "(...) ese poema é realmente significativo para nós, para miña nai e para mín (...)".

 O poema dí así: 


SE ME ARRANCAS MAÑÁ DA GUARDA AMADA


 Se me arrancas mañá da Guarda amada,
párteme en dúas bágoas ó primeiro
e que unha delas quede neste abeiro
namentras outra chora desolada.

Se me arrancas mañá da Guarda alada,
leva esa bágoa á paz do meu Ribeiro
que hai tempo que me agarda ben tristeiro
aquel temón tolleito na outonada.

Se me arrancas mañá desta anil terra,
entérrame co mar que me arrolaba
 o berce daquel sol leve e longueiro.

Se me arrancas mañá ou me desterra
o Trega que inmolado me bicaba,
pousa a miña saudade no Ribeiro.


 (Aplausos)

 Deseguido o alcalde afirmou: "Estamos homenaxeando a un poeta, entón Joaquín Cadilla vai a lernos unha poesía de Xosé Carlos".


Joaquín Cadilla Castro - no centro da imaxe - na súa intervención

 Previamente Joaquín Cadilla Castro fixo unha breve introducción, e referíndose a X. C. Gómez Alfaro dixo: "(...) non tiven a fortuna de coñecelo ata que Celso [R. Fariñas] me foi introducindo nel (...)".

 Tamén referiu as claves que segundo súa profesora, unha escritora galega moi recoñecida, ten que ter unha poesía. 

 Despois dixo que para este acto escollera dous fragmentos -a cantiga I e a VI - das Cantigas do mar da Guarda.

 Na súa intervención, Joaquín Cadilla Castro fixo unha observación sobor da primeira parte do terceito verso do poema Mariñeiro da luz, no que segundo súa opinión, Xosé Carlos Gómez Alfaro refírese o poeta José Ángel Valente, galego de nacemento e almeriense de adopción.

 Logo do recitado dos poemas, o alcalde dixo que "en todo acto, en toda homenaxe, están os dircursos, e están os símbolos. Creo que agora é o momento dos símbolos. E imos proceder a entrega á familia deses símbolos de recoñecemento de Xosé Carlos Gómez Alfaro, como Fillo Adoptivo de A Guarda (...)", polo que convidou a que novamente subisen Rosa Berta e Daniel, para proceder a entrega dun ramo de flores, así como a insignia de ouro do Concello de A Guarda e o correspondente diploma.

 "Rosa, unhas flores que creemos que simbolizan o amor e o cariño que vos temos, de hoxe para sempre", dixo o alcalde.

 Deseguido o rexedor dixo: "Hai un símbolo na Guarda, que é o pin de ouro, que téñeno sobor de todo aquelas persoas, como por exemplo os concelleiros, que traballan polos seus veciños, pola xente que teñen arredor, polo pobo da Guarda, e gustaríanos tamén que recibírades este que para nós é un símbolo da Guarda, do traballo,... (...)".

 A continuación o alcalde fíxolles entrega a Rosa Berta e a Daniel da insignia do Concello de A Guarda e do correspondente diploma acreditativo.

 Deseguido corporativos e público puxéronse en pé aplaudindo á familia de Xosé Carlos Gómez Alfaro.

 (Aplausos)

 Pola súa parte Rosa Berta Alfaro Diéguez respostou: "Ímolo gardar como ouro en pano. Moitas grazas".

(Aplausos)

 Antes de proceder a foto de familia, como o alcalde había indicado, a nai de Xosé Carlos Gómez Alofaro, dona Alicia Alfaro, expresou seu "(...) agradecemento o Concello e a tódolos veciños da Guarda e os dalá que me viñeron a acompañar. Moitas grazas a todos (...)".

(Aplausos)


A nai, esposa e fillo de X. C. Gómez Alfaro pousan coa Corporación Municipal o termo do acto

 Compre salientar que con motivo desta homenaxe, a Asociación InfoMAXE editou unha publicación conmemorativa que leva por título Xosé Carlos Gómez Alfaro, verdadeiro ourive da poesía galega.



 












Portada e contraportada da publicación


 Na devandita publicación, cunha portada de un retrato do poeta Xosé Carlos Gómez Alfaro, da autoría de Alicia Alonso e na contraportada unha fotografía a toda cor do profesor, escritor e poeta ribeirao e guardés; ademáis dunha escolma de poemas da autoría de X. C. Gómez Alfaro, e de copias de tres documentos relacionados co procedemento de decraración de Fillo Adoptivo de A Guarda, hai textos de Antonio Lomba Baz, Asociación InfoMAXE, Ricardo Rodríguez Vicente, Joaquín Miguel Villa Álvarez, Xosé Gregorio Ferreiro Fente, P. Airas e Xesús Alonso Montero.

 A devandita publicación, cuxo custe foi asumido polo Concello de A Guarda, foi distribuida entre tódalas persoas que asistiron o acto de homenaxe a Xosé Carlos Gómez Alfaro.

 Xosé Carlos Gómez Alfaro ben merecía á distinción que á título póstumo lle foi outorgada.

 Rematamos como comenzamos. Grazas. Moitísimas grazas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario