19 de out. de 2018

TURISMO

A Guarda forma parte do novo xeodestino turístico Ría de Vigo-Baixo Miño 

· O obxectivo final é lograr que os beneficios sociais, económicos e culturais do turismo cheguen a máis galegos 


O conselleiro de Cultura e Turismo, a directora da Axencia de Turismo de Galicia e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Vigo, xunto cos alcaldes do novo xeodestino Ría de Vigo - Baixo Miño
Fotoa: C.A.G.

Infogauda / Redacción

 O pasado mércores día 17 de outubro de 2018 o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, participou na Casa do Concello de Baiona na sinatura do convenio de creación do novo xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, que engloba a 14 concellos - Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Soutomaior, O Rosal, Tomiño e Tui - e o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR14). Ao acto de sinatura tamén asistiu o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves.  

UN POTENCIAL DE MÁIS DE 450.000 TURISTAS

 Debido ao crecente potencial turístico desta zona e segundo os datos recollidos ata agosto, a Ría de Vigo e O Baixo Miño recibiron máis de 450.000 turistas, o que supón un 3% máis con respecto a 2017. A ocupación hoteleira destes visitantes tamén experimentou unha mellora en máis dun punto e, no que se refire á súa procedencia, os turistas internacionais subiron un 14,3% ata superar os 135.000.   

 O obxectivo final deste xeodestino é lograr que os beneficios sociais, económicos e culturais do turismo cheguen a máis galegos, especialmente en zonas rurais, acadando os obxectivos de competitividade, conservación, diversificación e desestacionalización de viaxeiros incluídos na Estratexia, contando para elo, entre outras accións, con subvencións ás entidades locais para actuacións de mellora nas infraestruturas, mellorar a accesibilidade e a sinalización dos recursos. O proxecto tamén contempla a realización de actividades de promoción, dinamización e fomento da riqueza e do turismo neste territorio, así como para a sensibilización tanto aos visitantes como á propia veciñanza sobre a importancia de preservar e poñer en valor o patrimonio e a cultura de todos estes concellos.  

 Os xeodestinos son recoñecidos pola Xunta de Galicia como os espazos xeográficos limítrofes que comparten unha homoxeneidade territorial baseada nos seus recursos turísticos naturais, patrimoniais e culturais e que conforman unha identidade turística diferenciada e singular. Trátase de establecer mecanismos de cooperación, estruturar a actividade mediante o aproveitamento racional dos recursos e impulsar o turismo dun modo eficiente con produtos e servizos competitivos que contribúan ao desenvolvemento socioeconómico do territorio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario