26 de out. de 2018

TUI

Carme Núñez defende no pleno de Tui unha Tarifa Eléctrica Galega, o IVE do 4% e nacionalizar encoros para baixar a factura da luz. 

“Se a luz sube é porque os gobernos queren”, declara Carme Núñez, sobor dunha normativa que penaliza ás persoas e permite ás eléctricas ganar 5.600 millóns de euros.  

Carme Núñez, portavoz do BNG en Tui

Infogauda / Tui

 O BNG considera un escándalo e unha estafa a  vergoñenta escalada de prezos da factura da luz, que sigue asfixiando a familias e lastrando a competitividade das empresas mentres o lobby eléctrico continúa incrementando os seus millonarios beneficios, 5.600 millóns de euros en 2017. Dese xeito ven de pronunciarse a portavoz do BNG en Tui, Carme Núñez.

 “Hai que falar claro, a luz sube porque os gobernos queren que teñamos un dos prezos da electricidade máis altos e por unha lexislación feita a medida das empresas eléctricas”, denunciou a portavoz nacionalista.

 Segundo argumenta Carme Núñez “unha tarifa eléctrica galega permitiríalle as empresas e as familias beneficiarse da riqueza enerxética do país, unha tarifa diferenciada que xa existe en países como Reino Unido, Suíza ou Alemaña, e que no Estado español ten Euskadi para as súas empresas. Esta medida permitiría ás familias un aforro medio de 200,00€ na factura da luz.  

 “Canarias por decisión gobernamental ten o IVE do 3% para a electricidade. Este tipo de IVE suporía un aforro de 120€ mensuais segundo as asociacións de consumidores. En total, ambas medidas suporían un alivio de 330€ anuais na factura eléctrica das familias galegas”, alegou Carme Núñez.

 Por outra banda o BNG tamén defende a creación dunha empresa pública que asuma as presas hidroeléctricas en concas da súa competencia que teñan finalizada a concesión e proceda a unha distribución competitiva desa enerxía. Ademáis é necesario modificar a lexislación actual para impedir tanto os cortes de luz como de gas por tratarse de bens de primeira necesidade, e reclamamos impugnar a Lei 24/2013 do Sector Eléctrico porque consolida un modelo que vai contra os consumidores e contra os intereses de Galiza”, apuntou a portavoz nacionalista.  

 Carme Núñez considera urxente avanzar nun tema  de tanta repercusión social e económica e advirte contra unha nova discriminación que suporía converter Galiza no territorio que paga a factura da luz máis cara do Estado. Trátase da orde ministerial que prepara o Executivo central que inclúe o denominado “suplemento territorial” da tarifa eléctrica que lle corresponde pagar a cada comunidade autónoma.

ESTAFA DA ESCALADA DO PREZO DA LUZ

 É por iso que o BNG presenta un  paquete de propostas, a través dunha moción para por freo a esta estafa da escalada do prezo da luz, conseguiriamos abaratar no curto prazo a factura eléctrica en 330 euros ao ano para as familias. Se a luz sube é pola pasividade dos gobernos e non imos quedar cos brazos cruzados ante unha lexislación feita polo lobby eléctrico pero que é unha estafa para a cidadanía e agardamos contar co apoio de todos os grupos políticos con respresentación no concello de Tui”, concluíu Carme Núñez.

Ningún comentario:

Publicar un comentario