O Museo do Pobo Galego acolle a inauguración da exposición 'Galicia-Baviera'
· A inauguración será este venres 26 de outubro ás 18.00h nas salas expositivas e no Claustro alto do Museo do Pobo Galego.
· A mostra reúne a 33 artistas galegos e bávaros con propostas visuais que abordan a pintura, a escultura, a fotografía ou as instalacións.
· Ao acto inaugural acudirán Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia e Román Rodríguez González, conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia. Ambas institucións son patrocinadoras da mostra.
Infogauda / Santiago de Compostela
A inauguración da exposición 'Wanderlust Galicia-Baviera', que reúne a obra de 28 artistas destas dúas procedencias, terá lugar mañá venres día 26 de outubro ás 18.00h no Museo do Pobo Galego. Esta cita é o resultado da colaboración entre o Museo do Pobo Galego, que abre as súas portas como espazo expositivo, a Consellería de Cultura e Turismo da Xunta e o Parlamento de Galicia, patrocinadores da mostra. O acceso á exposición, que estará distribuída entre as salas expositivas e o Claustro Alto do Museo, será gratuíto.
Os comisarios Antón Sobral e Hubert Huber colaboraron na selección de artistas de Galicia e Baviera que compón 'Wanderlust Galicia-Baviera', centrándose cada un nun dos territorios. As propostas incluídas van dende a pintura á escultura, pasando pola fotografía ou as instalacións, todas a cargo de creadores e creadoras actuais que, a pesar de traballar en lugares afastados con historias, relatos e problemáticas distintas, acaban por articular unha estrutura e unha linguaxe común. A confluencia desta variedade de propostas artísticas ofrece un resultado marcado pola pluralidade de paisaxes interpretadas, intervencións que se acomodan ao espazo e unha ampla imaxe de realidades figurativas e abstractas.
Un proxecto que tende pontes
Detrás da mostra 'Galicia-Baviera' atópase un proxecto máis amplo destinado a favorecer e potenciar as relacións e a colaboración entre ambos territorios por medio de residencias artísticas ou a través da organización de exposicións coma a que acolle nesta ocasión o Museo do Pobo Galego.
A primeira parada desta exposición 'Galicia-Baviera' é o Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela, onde se poderá ver ata o 6 de xaneiro de 2019. A próxima cita será no ano 2019 na galería do Castelo de Neuburg, no distrito de Passau, Alemaña.
AXENDA:
Do venres 26 de outubro de 2018 ao domingo 6 de xaneiro de 2019
Horario: de martes a sábado, 10:30-14:00 e 16:00-19:30 domingos e festivos, 11:00-14:00
Ningún comentario:
Publicar un comentario