17 de out. de 2018

LABORAL

CIG-Industria esixiu ante a sede da patronal Asime que aclare a situación real do naval vigués 

Insiste en negar os datos triunfalistas sobre a suposta recuperación do naval e solicita unha reunión á patronal 

A CIG-Industria concentrouse esta mañá ante a sede da patronal Asime, en Vigo
Fotos: CIG

Infogauda / Vigo 

 A CIG-Industria concentrouse esta mañá ante a sede da patronal Asime, en Vigo, para esixir que aclare a situación real do sector naval de Vigo tras difundir nos medios unha situación de puxanza e necesidade de man de obra que non coincide cos datos dos que dispón a central. Pide que “non se xogue” coas expectativas de emprego de milleiros de parados/as e solicita unha reunión para que expliquen “de onde saen eses datos”. 

 César Rodríguez, responsábel do naval da CIG-Industria de Vigo, expresou aos asistentes á concentración que “non se pode falar de recuperación” nin “sementar falsas expectativas aos desempregados/as” cando “só hai dous estaleiros con carga de traballo asegurada”. 

 A recuperación real do sector, segundo o sindicalista, virá cando os estaleiros estean a pleno rendemento, existan “dúas ou tres unidades en cada estaleiro” e carga de traballo “para dous ou tres anos”. 


 En contraste, indicou que agás Freire ou Armón, os restantes contan con tan só unha unidade en construción e sen carteira de pedidos para o futuro. No caso de Metalships, anunciou a entrega do pedido actual para o mes vindeiro, mentres que Vulcano conta cun futuro incerto. 

 De feito, asegurou que só nestes seis últimos meses xa diminuíron de 2600 a 2000 os operarios/as cos que contaba o sector, que chegou a contar cun pico de 10.000 no período 2007-2010. 

 Neste sentido, e contradicindo a patronal, afirmou que non existe falta de profesionais, senón que unha parte importante marchou á emigración e non existen aínda as condicións de estabilidade e continuidade para o seu retorno.  

Precariedade no naval 

 A CIG-Industria denuncia, asemade, que esta época de crise foi aproveitada pola patronal para precarizar o sector, até o punto de que na meirande parte de estaleiros non se está a cumprir o convenio.  

 O máis preocupante, segundo a federación, é que se está a relaxar o control en prevención e incorporando man de obra sen experiencia, algo que pode facer aumentar a sinistralidade laboral nun sector de risco.  

 Esta situación, indican, motivou un grande número de denuncias aínda irresoltas por Inspección de Traballo, á que acusan de que “non está velando polos dereitos e condicións de traballo”. 

O negocio da formación 

 Pola súa parte, Xulio Fernández, secretario comarcal da CIG-Industria en Vigo, alertou de que esta campaña mediática podería agochar a tentativa da patronal de acceder a subvencións públicas para cursos de formación. 

 Durante a concentración, ambos sindicalistas realizaron a entrega dunha solicitude de reunión coa directiva de Asime para esclarecer a realidade do sector naval. “Se nos din os estaleiros onde hai oferta de traballo estamos dispostos a levarlles os currículos dos demandantes de emprego”, afirmaron.

CARTA DE CIG INDUSTRIA A ASIME






Á ATENCIÓN DA ASOCIACIÓN DE INDUSTRIAIS METALÚRXICOS DA GALIZA (ASIME)
  
Vigo, a 17 de outubro de 2018


A Federación de Industria- Vigo da Confederación Intersindical Galega,  logo das publicacións dos medios de comunicación, augurando un futuro de bonanza no sector, que traería consigo emprego para máis de 1.600 traballadores/as.

A CIG  entende que estas non reflicten a realidade do sector, xerando falsas expectativas no conxunto da sociedade, particularmente en milleiros de parados/as na comarca de Vigo e do interior  de Galiza.

A CIG ve con preocupación estas noticias, que enmascaran unha realidade completamente distinta, onde o sector naval está a vivir unha situación crítica, onde só en contadas excepcións mantense carga de traballo estable, e con factorías en grave risco de peche. Toda esta situación agravada coa sistematica precarización das condicións laborais, que provocan  unha perda de competividade e unha relaxación en materia de saúde laboral.

A CIG  cré que e  labor conxunta fortalecer o sector e dotalo de garantías que permitan a volta dos/as profesionais, a formación de  outros novos/as, asegurar cargar de traballo estable e o cumprimento da normativa laboral vixente.

Ante todo isto,  solicitamos unha reunión para analizar a realidade do sector.



Agardando unha pronta contestación.


Atentamente:

Asdo.:  Xulio Fernández Alonso.
Secretario Comarcal
FEDERACIÓN INDUSTRIA 
CIG- Vigo

Ningún comentario:

Publicar un comentario