26 de out. de 2018

A GUARDA

«A Guarda en Negro»  

O Concello chama á colaboración do comercio e axentes sociais para sumarse á Campaña de Igualdade

Infogauda /  A Guarda 

 O Concello da Guarda, acaba de sumarse ao protocolo de colaboración para a organización conxunta da campaña de sensibilización En Negro contra as Violencias, no marco do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o vindeiro 25 de novembro, coa que se pretende tinguir de negro as vilas e cidades galegas. 

 Desde a Concellaría de Igualdade considérase que a actual situación require dunha resposta unánime de toda a sociedade que poña de manifesto o rexeitamento de todas as formas de violencia contra as mulleres. Para iso, animan ao sector do comercio e a todos os axentes sociais do municipio da Guarda a implicarse na conmemoración do 25 de novembro coa Campaña “A Guarda en Negro”. A proposta é vestir de loito a vila, en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia. Porque son sectores que teñen o protagonismo das rúas da Guarda, e son o gran escaparate que pode transmitir á cidadanía a mensaxe de denuncia e solidariedade: Queremos A Guarda libre de violencia!  

O CONCELLO PORÁ MATERIAL Á DISPOSICIÓN DOS ESTABLECEMENTOS E ASOCIACIÓNS 

 Desde o Concello porase á disposición dos establecementos comerciais e asociacións, de forma totalmente gratuíta, carteis, pegatinas, postais, camisetas, para que do 19 ao 26 de novembro, as tendas, comercios, empresas, bares, postos do mercados, etc., se vistan de negro, os maniquís, os manteis dos restaurante ou mesmo os empregados e empresarios tamén vestidos de negro.  

 Todos o que desexen participar tan só teñen que chamar ao número de teléfono 986 614 648 ou enviar un correo electrónico a muller@aguarda.es cos datos do establecemento (nome e enderezo) e da persoa de referencia (nome e teléfono) antes do 13 de novembro e deseguida contactarase cos interesados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario