A II Mostra asociativa e a Festa das Mercedes, principais atractivos desta fin de semana na Guarda
Infogauda / A Guarda
A Guarda inicia este venres día 14 de setembro o centenario das Festas das Mercedes no barrio da Gándara, da parroquia de Salcidos, unhas festas que se prolongarán ata o 24 de setembro cunha gran actividade cultural, deportiva e de lecer.
Por outra banda tamén esta fin de semana terá lugar na Alameda da Guarda a II Mostra asociativa, que contará coa participación de máis dunha vintena de colectivos e asociacións da vila, nunha xornada de intercambio de experiencias na que elas mesmas serán as protagonistas, poñendo en valor o seu traballo.
Programación:
Venres 14 de setembro
O venres 14 de setembro ás 20:00 h., na Praza dos Seixiños, a locutora de radio e comunicadora Beti Rey Ferreira dará o pregón da Festa das Mercedes. Deseguido haberá unha actuación do dúo de violín e saxo Antonio Seijo & Pablo Estelles. Unha vez rematada esa actuación, haberá un concerto da Banda de Música Agrupación Musical do Rosal e a continuación, inauguración da exposición sobre o Centenario da capela da Mercé, no 1º andar da Casa Social O Percamino.
Sábado 15 de setembro
Na xornada do sábado 15 de setembro a Alameda da Guarda acolle a II Mostra asociativa, un evento que terá lugar dende as 10:30 h. e contará cunha ampla programación con diversas actividades, actuacións, obradoiros, xogos, demostracións, exposición fotográfica, photocall, entre outras.
Dende o Concello da Guarda convidan a participar nesta actividade e coñecer de primeira man o traballo e esforzo que se leva a cabo dende as diferentes asociacións do noso municipio, nunha xornada aberta á participación da cidadanía, que pretende converterse nun punto de intercambio de experiencias.
Tamén este sábado terá lugar a segunda xornada das Festas das Mercedes no barrio da Gándara, coa III Baixada de Carrilanas ás 16:00 h, dende A Proba e a partires das 21:00 h. o VIII Serán organizado polo grupo de gaitas A Boalleira, no que se agasallará aos asistentes con chocolate e biscoito.
Domingo 16 de setembro
O domingo día 16 de setembro a programación das Festas das Mercedes chega ao seu terceiro día, destacando a XVIII Carreira Pedestre Popular Julia Vaquero, que terá lugar ás 11:00 h.
Pola tarde ás 17:00 h, a Banda de Música da Agrupación Musical de A Guarda ofrecerá un concerto e ás 19:00 h. o grupo de teatro «Os mellores do ghrupo» porán es escea a obra de teatro «Xénesis».
Ningún comentario:
Publicar un comentario