20 de set. de 2018

A GUARDA

O Plan DepoRemse permitirá a mellora da mobilidade e seguridade 

· No entorno das rúas Vigo e Celta 

Plano nº 13 (folla 1 de 2) da planta de imaxe final do proxecto de mellora da mobilidade e da seguridade no entorno das rúas Vigo e Celta 
Plano nº 13 (folla 2 de 2) da planta de imaxe final do proxecto de mellora da mobilidade e da seguridade no entorno das rúas Vigo e Celta 

 Infogauda / A Guarda

 O executivo municipal do Concello de A Guarda ven de informar que «esta semana a Deputación de Pontevedra ven de anunciar os proxectos que se van beneficiar do Plan bianual 2018/2019 de remodelación e mellora da seguridade dos viarios municipais, DepoRemse, do cal o Concello da Guarda vai ser beneficiario a través da mellora da mobilidade e seguridade no entorno das rúas Vigo e Celta.  

 No entorno destas rúas A Guarda conta con numerosas instalacións e equipamentos públicos coma o Centro de Saúde, o Conservatorio de Música, o Pavillón Municipal, o IES A Sangriña, o CEIP A Sangriña, o Estadio Municipal da Sangriña, lugares que son frecuentados por milleiros de persoas, na súa maioría rapaces, para asistir a estes equipamentos.  

 Coa posta en marcha deste proxecto se pretende mellorar estes desprazamentos peonís, mellorando a seguridade dos usuarios, peóns e tamén a circulación de vehículos, coa construción dunha glorieta no coñecido coma «cruce dos Bechos».  

 As obras realizaranse na Rúa Vigo, dende o enlace coa PO-552 ata as proximidades do Pavillón Municipal e en parte [da] rúa Celta, sendo esta actuación unha primeira fase, que se pretende ampliar en futuros proxectos para dar continuidade á humanización da totalidade destas dúas rúas.  

 O Proxecto de mellora da mobilidade e seguridade no entorno da rúa Vigo e Celta, conta cun orzamento de 588.235,29 euros, dos cales 500.000 apórtaos a Deputación de Pontevedra e 88.235,00 euros o Concello da Guarda.  

 Todos os proxectos aprobados, tal e como informou a presidenta da institución provincial, correspóndense con obras completas que melloran a calidade de vida da veciñanza, dan cumprimento á normativa vixente sobre seguridade viaria, foron aprobados polo órgano competente do concello e contan con terreos de titularidade municipal. 

 Ademais, para a valoración de todos eles, tamén se tiveron en conta criterios como a poboación, a extensión da rede viaria municipal, a densidade de poboación e a calidade e madurez dos proxectos, sendo o proxecto presentado pola Guarda, un dos que acadou as mellores puntuacións».

Ningún comentario:

Publicar un comentario