40 nenas/os participaron no campamento urbano durante este verán na Guarda
O alcalde a a concelleira de Cultura, cos monitores e participantes no Campamento Urbano
Fotos: C. A. G.
Infogauda / A Guarda
O pasado xoves día 6 de setembro o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz e a concelleira de Cultura, Mª Elena Baz Rodríguez, visitaron os 40 nenos que durante os meses de xullo e agosto participaron no Campamento Urbano promovido este verán dende o Concello da Guarda, e que remata este mesmo venres.
Nesta edición decidiuse ampliar as datas deste campamento, que conta cunha gran demanda, durante a totalidade dos meses de xullo e agosto e ademais a primeira semana de setembro, facilitando a conciliación da vida laboral dos pais e nais destes nenos e nenas, promovendo tamén un verán activo para estas rapazas e rapaces que participaron nunha chea de actividades.
O Campamento versou este ano sobre «Unha viaxe inesquecible» e coas aportacións dos nenos e nenas traballouse a súa creatividade e imaxinación, participando activamente na elaboración das actividades, realizándose un resumo final cunha proxección dun video con fotografías das tarefas realizadas ao longo deste verán. Para rematar os nenos e nenas participaron este xoves nunha «busca do tesouro» polo casco urbano da vila, onde, a través de pistas e formando dous grupos, tiñan que ir atopando pezas dun rompecabezas.
Un equipo de 6 profesionais formado por catro monitores, un especialista en educación especial e unha coordinadora, foron os encargados de organizar diferentes actividades temáticas que variaron cada semana animando á participación das nenas e nenos do campamento con saídas polo municipio, xogos de pistas, ximnasia, piscina, inglés, obradoiros variados ou cociña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario