27 de set. de 2018

A GUARDA

O Concello de A Guarda sorteou os primeiros 20 carros de compra 

Dentro da Campaña de Mobilidade «A Guarda, todo moi preto»  

O alcalde de A Guarda e a concelleira de Comercio, coas persoas premiadas cos primeiros 20 carros de compra sorteados entre os clientes do Mercado da Praza de Abastos
Fotos: C. A. G.

Infogauda / A Guarda

 Este xoves realizouse a entrega dos primeiros 20 carros de compra sorteados entre os clientes do Mercado da Praza de Abastos dentro da Campaña de Mobilidade «A Guarda, todo moi preto».  

 Os 20 premiados recolleron o seu carro na Casa dos Alonso da man do alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz e da Concelleira de Comercio, Montserrat Magallanes Álvarez, xunto cun plano «Metrominuto», no que se especifican os tempos e distancias entre os principais puntos do casco urbano coma a Praza do Reló, a Alameda, os aparcamentos, as zonas de servizos, entre outros.  

O sorteo dos primeiros 20 carros de compra foi supervisado polo alcalde Antonio Lomba Baz e a concelleira de Cultura, Mª Elena Baz Rodríguez

 O Concello de A Guarda promove a mobilidade, o comercio e a dinamización do mercado municipal da Praza de Abastos con sorteos semanais de 20 de carros da compra para que os veciños e veciñas os empreguen para mercar no casco urbano. Cada semana repartiranse papeletas entre os clientes da Praza de Abastos da localidade e realizaranse sorteos de 20 carros semanais ata o vindeiro 22 de outubro. 

 A Campaña «A Guarda, todo moi preto» abrangue diferentes accións e actividades nos espazos públicos orientadas á concienciación do uso da rúa para a xente, facilitando o movemento a pé polo casco urbano da vila, co emprego das prazas de aparcamento disuaorio postas en marcha nos últimos meses. O obxectivo é ir retirando de xeito paulatino os vehículos da rúa e darlle prioridade aos peóns no centro da vila, cunha filosofía de uso racional dos vehículos, coma o caso da Praza do Reló, tendo coma referencia o proxecto de Francesco Tonucci, da Rede Española de Cidades das nenas e dos nenos, da que A Guarda forma parte.

Ningún comentario:

Publicar un comentario