10 de set. de 2018

A GUARDA

Aberto o prazo de inscrición para o Club de Lectura 

Da Biblioteca Pública Municipal da Guarda

 Infogauda / A Guarda

 A Biblioteca Pública Municipal da Guarda ofrece este ano unha nova actividade de animación á lectura. No mes de outubro terá inicio un Club de Lectura Xuvenil de Cómics  coordinado pola bibliotecaria municipal María Soledad Diz, destinado a mozas/os con idades comprendidas entre os 12 e 16 anos, tanto se son amantes do cómic e novela gráfica, como se desexan descubrir este xénero tan interesante. Trátase de formar un grupo para reunirse un venres de cada mes e compartir as súas experiencias sobre a lectura do cómic proposto en cada sesión.   

 Os obxectivos do Club son:  Fomentar a lectura, o diálogo e a convivencia entre os rapaces e rapazas, ofertar novas oportunidades de desfrutar do tempo de lecer, crear un punto de encontro para compartir experiencias lectoras, tanto presenciais como virtuais, e ocasionalmente participar en actividades complementarias como encontros con autores.  

 Para ser membro do Club é preciso inscribirse na Biblioteca de forma presencial, enviando un correo electrónico a aguarda.rbgalicia@eidolocal.es indicando os datos (nome e apelidos, idade, enderezo, teléfono e correo electrónico, ou ben chamando ao teléfono 986 611 850.   

 O prazo de inscrición remata o 29 de setembro. É unha actividade de balde  e todo o material preciso o facilita a Biblioteca.   

Horario da Biblioteca Pública Municipal da Guarda a partires da vindeira semana: 

De luns a venres: 17:00h-20:00h 

Sábados: de 10:00h a 13:00h 

Horario do Centro Cultural a partires da vindeira semana: 

De luns a venres: de 10:00h a 13:00h e de 17:00h a 20:00h Sábados: de 10:00h a 13:00h

Ningún comentario:

Publicar un comentario