O Concello de A Guarda pon en marcha a campaña de Mobilidade «todo moi preto»
Infogauda / A Guarda
O Concello da Guarda ven de por en marcha a Campaña de Mobilidade «todo moi preto», destinada á mellora da mobilidade da poboación e á concienciación do uso responsable do transporte en favor da mobilidade peonil nas rúas da Guarda, na que se inclúen o reparto de 10.000 trípticos informativos, campañas promocionais en medios de prensa, así coma unha xornada de xogos na rúa e o sorteo dun cento de carros da compra.
Con este fin levaranse a cabo diferentes accións e actividades nos espazos públicos orientadas á concienciación do uso da rúa para a xente, facilitando o movemento a pé polo casco urbano da vila, co emprego das prazas de aparcamento disuaorio postas en marcha nos últimos meses. O obxectivo é ir retirando de xeito paulatino os vehículos da rúa e darlle prioridade aos peóns no centro da vila, cunha filosofía de uso racional dos vehículos, coma o caso da Praza do Reló, tendo coma referencia o proxecto de Francesco Tonucci da Rede Española de Cidades das nenas e dos nenos, da que A Guarda forma parte.
Plano Metrominuto: A Guarda “todo moi preto”
Esta acción inclúe a elaboración e reparto e distribución en colaboración con colectivos empresariais de 10.000 planos «Metrominuto» en formato tríptico, nos que se especifican os tempos e distancias entre os principais puntos do casco urbano coma a Praza do Reló, a Alameda, os aparcamentos, as zonas de servizos, entre outros. O obxectivo e visibilizar que na Guarda todo está máis preto do que pensamos, polo que se empregamos os aparcamentos disuarorios existentes, desprazarnos a pé polo casco urbano é moi doado e esixe unha media de menos de 10 minutos para achegarse á maioría dos espazos de interese comercial, turístico ou de servizos. A maiores o tríptico inclúe tamén información de varias rutas a pé existentes no noso municipio coma os Camiños do Trega PR-G 112, a Ruta da Desembocadura PR-G 160, a Senda Litoral, a Ruta das Cetáreas e o Sendeiro Azul.
Sorteo dun cento de carros de compra
A Guarda promoverá a mobilidade, o comercio e a dinamización do mercado municipal da Praza de Abastos co sorteo dun cento de carros da compra para que os veciños os empreguen para mercar no casco urbano. Dende o luns 17 de setembro repartiranse papeletas entre os clientes da Praza de Abastos da localidade e realizaranse sorteos de 20 carros semanais o 24 de setembro, 1, 8, 15 e 22 de outubro.
Xornada de xogos na rúa
Ademais se inclúe tamén nesta campaña unha xornada de xogos na rúa, para por en valor estes espazos públicos para o uso e desfrute da cidadanía, unha actividade que terá lugar coincidindo coa inauguración da Rúa Concepción Arenal tralas obras de mellora na vindeira primavera e na que os rapaces e rapazas da vila gozarán de actividades con xogos tradicionais e moitas sorpresas que se anunciarán previamente.
Esta campaña está subvencionada con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario