13 de ago. de 2018

PONTEVEDRA

BENESTAR INCREMENTA NUN 40% AS HORAS DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR PARA PERSOAS DEPENDENTES NA COMARCA DO BAIXO MIÑO  

O Goberno galego aumenta o número de horas ata chegar este ano ás 118.572 horas nos concellos de O Rosal, Tomiño, Oia, A Guarda e Tui 

Na provincia de Pontevedra o incremento de horas será dun 35% ata chegar a superar os 2,1 millóns 

A nivel galego, a Consellería de Política Social departamento autonómico reforza o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) cun incremento de máis de 1,5 millóns de horas anuais o que permitirá chegar a 3.000 persoas máis 

José Manuel Cores Tourís, delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra

Infogauda / Pontevedra

 O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá que o Goberno galego acaba de informar aos concellos da provincia de Pontevedra o aumento no número de horas concedidas no Servizo de Axuda no Fogar (SAF).  

 Deste xeito, na provincia de Pontevedra, o SAF experimenta un importante pulo neste ano a través dun incremento de 565.364 horas ata chegar a un total de 2,1 millón de horas de atención, o que supón un aumento do 35%.   

 En concreto, na comarca do Baixo Miño, este aumento é dun 40%, xa que os concellos desta área (O Rosal, Tomiño, A Guarda, Oia e Tui) contarán con  34.200 horas máis, pasando das actuais 84.372 horas de Servizo de Axuda no Fogar a 118.572 horas.   

 A aposta da Consellería de Política Social por este tipo de servizos para as persoas dependentes é clara e decidida e, por iso, leva xa nove anos incrementando a prestación do SAF en toda Galicia.   

 O Servizo de Axuda no Fogar para persoas dependentes é o recurso máis demandado pola poboación maior que necesita algún tipo de axuda, así como polas súas familias coidadoras. Por iso, o Goberno galego no só leva a aumentar o financiamento deste recurso, senón que desenvolveu diversas melloras na xestión da asignación do servizo a través da posta en marcha do módulo extranet aos concellos e do Programa de Asignación de Recursos. O aumento no orzamento e na tramitación destas prestacións permitiu o incremento do número de persoas beneficiarias, xunto coa axilidade na asignación do servizo.

 O reparto de horas entre os concellos terá efectos inmediatos. A previsión da Consellería é que este verán se alcance a execución total das horas, é dicir, que estean asignadas a algún beneficiario.  

 A nivel galego, a Consellería de Política Social departamento autonómico reforza o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) cun incremento de máis de 1,5 millóns de horas anuais e un custo de máis de 1,2 millóns de euros ao mes. Con esta medida se incrementarán as horas dispoñibles en case 127.000 horas ao mes, ata alcanzar os 8,9 millóns de euros de horas concedidas aos 313 concellos e 7 mancomunidades de concellos de Galicia. O SAF é un dos recursos mellor valorados polas persoas con dependencia e representa máis do 32% das prestacións totais do SAAD (máis de 21.600 galegos e galegas se benefician hoxe deste servizo). Esta proposta chegará a preto de 3.000 persoas e costará 14.7 millóns de euros.  

 Ao tempo que se pon en marcha esta iniciativa tamén cabe destacar o Bono Autonomía en Residencia, que consiste nunha axuda directa a aquelas persoas que teñan recoñecido un grao de dependencia e estean á espera de acceder a unha praza nunha residencia pública. Deste xeito, a aqueles que estean pendentes de recibir un recurso de atención residencial e non perciban ningunha outra prestación das incluídas no Sistema para a Autonomía e a Atención á Dependencia (SAAD), a administración ofreceralles unha libranza vinculada para a adquisición dun servizo de atención residencial co fin de sufragar o custo da súa estancia nun centro privado mentres agarda, si así o desexa, pola súa incorporación a unha praza nun centro público. A medida poderá beneficiar a preto de mil persoas, que recibirán de media 490 euros ao mes, podendo percibir un máximo de 715 en función da súa  capacidade económica e do grao de dependencia recoñecido. O custo da posta en marcha desta medida superará os 6,3 millóns de euros.  

 Nesta liña, José Manuel Cores Tourís fixo fincapé no notable impulso na atención á dependencia que rexistra Galicia nos últimos anos. Así, a comunidade pasou de 40.173 persoas con servizo e unha ratio de cobertura do 61,5% en outubro de 2015 aos actuais 57.058 e 84,75% de porcentaxe de atención que sitúan a Galicia cinco puntos por riba da media do conxunto de España, segundo o último informe do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social correspondente ao pasado mes de xuño. Isto significa que en menos de tres anos Galicia sumou 16.865 novos dependentes con atención e incrementou a cobertura das prestacións en máis dun 23%.   

 Este reforzo da atención aos maiores é posible debido ao incremento dos recursos económicos destinados para este fin nos últimos nove anos, nos que se pasou de 276 millóns de euros en 2009 a 414 no presente exercicio de 2019. Así mesmo, engadiu que no último trienio –entre 2015 e 2018- os orzamentos autonómicos desta área aumentaron nun 19,4%.

Ningún comentario:

Publicar un comentario