PIRAGÜISMO
O CLUB DEPORTIVO MIÑO GAÑADOR DO CAMPIONATO GALEGO DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM
O Club Deportivo Miño-Teixugos voltou do Campionato Galego con catro medallas de ouro, tres de prata e tres de bronce
Os Teixugos acudiron ao evento con oito deportistas, os máis pequenos do club, moitos dos cales participaron en kaiak e canoa. Na imaxe ollámolos co adestrador e coas medallas e o trofeo que acadaron
Informa (fotografías e Redacción): Rosa Fernández Carrera
O domingo día 12 de agosto, celebrouse en Dumbría o Campionato Galego de Promoción de Slálom. Esta e a sexta proba da Liga Galega de Slálom, e a máis importante, ao ser Campionato e non Copa, e na que o Club Deportivo Miño se proclamou gañador.
Os Teixugos acudiron ao evento con oito deportistas, os máis pequenos do club, moitos dos cales participaron en kaiak e canoa.
O noso representante máis novo, Javier Lluch, acadou medalla de prata en K1, na categoría alevín. O seu irmán Adrián Lluch, foi octavo tanto en K1 como en C1.
A categoría con máis representantes foi a Infantil con seis piragüistas. E K1 masculino o podio foi enteiramente Teixugo, Sergio Rodríguez foi ouro, Alexis Segadaes prata e Samuel Castro bronce. Na mesma categoría Mateo Álvarez foi sétimo.
Na modalidade de canoa ou C1 resultou gañador Samuel Castro e o seu compañeiro Sergio foi terceiro.
En infantil feminino non poido ser mellor o balance, Ainhoa Barreiro fíxose coa medalla de ouro en K1 e bronce en C1. A súa compañeira Alba Soutelo acadou o ouro en C1 e a prata en K1.
O Club Deportivo Miño-Teixugos volveu do Campionato Galego con catro medallas de ouro, tres de prata e tres de bronce.
Na clasificación final por clubs, os compoñentes do Club Deportivo Miño-Teixugos resultaron gañadores, por diante do Piragüismo Penedo de Caldelas e do Montaña Quixós de Monforte de Lemos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario