O BNG DO ROSAL DENUNCIA O EMPEORAMENTO DO SERVIZO MÉDICO QUE SE ESTÁ A PRODUCIR NO MES DE AGOSTO
Ánxela Fernández Callís, portavoz municipal do BNG no Rosal: «Un so médico está atendendo a consulta do Centro Médico de San Miguel de Tabagón e unha baixa no centro do Rosal».
Ánxela Fernández Callís, portavoz municipal do BNG no Concello do Rosal
Infogauda / O Rosal
O BNG do Rosal denuncia as carencias que está a sufrir o servizo de atención primaria nos centros médicos de San Miguel de Tabagón e O Rosal. Ánxela Fernández Callís, portavoz municipal do BNG no Concello do Rosal denuncia que «desde o pasado 1 de agosto, un so médico está a cubrir dúas prazas. Atende de 9 a 11 da mañá aos usuarios do Centro de Saúde de San Miguel de Tabagón e de 12:00 a 14:00 h cubre unha baixa médica no Centro de Saúde do Rosal. Por esa razón, os usuarios están a sufrir alteracións nas citas médicas xa concertadas e as novas solicitudes de consulta teñen unha demora de case dúas semanas».
No Pleno do pasado 28 de Xullo, a portavoz do grupo municipal do BNG, presentou «unha moción para que o Concello esixira da Consellería de Sanidade o mantemento da Consulta de San Miguel, que xa sufrira deficiencias de dotación médica en veráns anteriores, e da que corrían rumores do seu posible peche. A alcaldesa rexeitou a proposta do BNG asegurando que non existía ningún reaxuste en San Miguel. So catro días despois do pleno chegaron os recortes, non só para os usuarios de San Miguel, senón tamén para os do propio Centro de Saúde do Rosal».
«Desde o BNG - engade Ánxela Fernández - pensamos que a alcaldesa debe defender a atención médica para os veciños e veciñas do Rosal esixindo aos responsables da Consellería de Sanidade que cubra todas as prazas médicas do Concello, sen reaxustes de ningún tipo».
Ningún comentario:
Publicar un comentario