A exposición de "Costiña", no Museo do Pobo Galego, acadou máis de 8.300 visitas
· A mostra «Camiños da imaxe. Arquivo de Joaquín García Portela ‘Costiña’» estivo no Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela desde o 19 de abril o 10 de xuño de 2018
O alcalde de A Guarda e a concelleira de Cultura, participaron no acto da inauguración da mostra «Camiños da imaxe. Arquivo de Joaquín García Portela ‘Costiña’», no Museo do Pobo Galego
Fotos: Museo do Pobo Galego
Infogauda / A Guarda
O Museo do Pobo Galego, en colaboración co Proxecto Socheo e o Concello da Guarda, expuxo do 19 de abril o 10 de xuño de 2018, as fotografías e os filmes deste fotógrafo e cineasta pioneiro guardés, acadando máis de 8.300 visitas, de persoas e de grupos, procedentes de toda a xeografía galega, nacional e tamén internacional, segundo o reconto feito polo persoal do Museo do Pobo Galego e dado a coñecer recentemente.
O Proxecto Socheo para a recuperación da memoria visual da Guarda e o Baixo Miño foi o encargado do traballo de investigación e recuperación dos arquivos, datados dos anos 20 do pasado século, e cedidos por Joaquina e Celia Martínez García, netas do autor. Co apoio do Concello da Guarda, estes materiais mostráronse primeiramente na vila guardesa no verán de 2016, nunha exposición da que este ano tamén se pudo gozar en Santiago de Compostela.
A mostra recibiu máis de 8.000 visitantes
Nesta liña, Antonio Lomba Baz, alcalde da Guarda, destaca a importancia dos labores de recuperación e difusión do traballo deste guardés pioneiro do cinema no noso municipio, «cun gran valor etnográfico e sentimental para A Guarda» por retratar escenas da vida cotiá dunha época, inéditas ata fai pouco.
Ademais dunha escolma de fotografías, efectos persoais de Joaquín García Portela e documentos, os visitantes puderon presenciar os filmes de Costiña
A mostra estivo enmarcada nas actividades paralelas á Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo Galego.
Sobre a obra de «Costiña»
Joaquín García Portela naceu na Guarda en 1894. Emigrou a Buenos Aires (Arxentina), onde afondou na súa formación como fotógrafo, retornando á vila xunto coa súa familia nos anos 20. Aquí abriu o seu estudo de fotografía, exercendo ata a súa morte en 1957. O seu interese pola técnica levouno a sacarse a licenza de técnico de radios e a mercar un proxector e unha cámara Pathé de 9,5 mm, coa que realizou numerosos filmes de tipo familiar e costumista. «Costiña» foi, así, o precursor do cinema na Guarda.
O seu arquivo contén os primeiros filmes feitos sobre A Guarda e por un guardés que se conservan na actualidade, realizados entre os anos 1926 e 1929; mais tamén exerceu como fotógrafo profisional, dándolle un tratamento orixinal ás súas imaxes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario