29 de ago. de 2018

A GUARDA

O GES da Guarda atendeu case un milleiro de incidencias 

· Entre os meses de agosto de 2017 e 2018 

Fotos: C. A. G.

Infogauda / A Guarda

 O executivo municipal do concello guardés da conta que "o GES da Guarda ven de publicar o informe de atención de emerxencias e operativos entre os meses de agosto de 2017 e 2018, cun total de 952 incidencias atendidas.   


 Entre as incidencias máis frecuentes destacan os accidentes, seguido de operativos por animais, xestións medioambientais, incendios urbanos e forestais, incidencias relacionadas coa circulación, operativos varios, riscos, salvamento e rescate, sanitarios e de seguridade.  


 A formación dos 12 efectivos que forman parte do GES da Guarda é unha parte primordial para realizar unha atención adecuada no momento de incidencias reais, por este motivo participan activamente ao longo do ano en simulacros de emerxencias xunto con outros equipos de emerxencias como o helicóptero Pesca 1 do servizo de gardacostas e tamén realizan charlas e xornadas de emerxencias en diferentes centros educativos do Concello da Guarda, participación en eventos acuáticos coma travesías a nado, entre outros. 

 Na actualidade unha das intervencións que máis se demandan pola poboación son as que teñen que ver coa retirada de niños de vespa velutina nas proximidades das vivendas, dando prioridade aos que se rexistran nos núcleos urbanos e zonas habitadas, realizando case a total retirada dos que dos que se teñen coñecemento no municipio.  


 Neste período de actuación destacaron os incendios forestais, que causaron graves danos na nosa Comarca e onde o GES da Guarda interviu nos 4 Concellos aos que da cobertura (A Guarda, Tomiño, O Rosal e Oia) e ademais colaborou co GES do Val Miñor nos incendios rexistrados en outubro do ano pasado en Baiona e Gondomar.  

 Na explosión do almacén clandestino de elementos de pirotecnia en Tui, O GES da Guarda foi solicitado polo CAE 112-Galicia para colaborar na intervención, que se realizou de forma conxunta con outros grupos operativos movilizados na zona.  

 O Concello da Guarda, a través da Concellería de Emerxencias, ven de investir neste período máis de 8.000,00€ en EPI´S e material variado para o GES da Guarda, centrando estas inversións en material que repercuta na seguridade dos seus efectivos e nas prestacións dun servizo de calidade nas súas intervencións, coma guantes especiais, equipos ignífugos, protectores térmicos, luminarias, traxes, etc.  

 Proximamente o GES da Guarda contará cun equipo de comunicacións intracraneal, que lles permitirá comunicarse entre os efectivos desprazados a unha intervención, facilitando unha mellor coordinación entre eles en situacións de emerxencias".

Ningún comentario:

Publicar un comentario