A Guarda inviste case 6.000,00 euros na Gardería Municipal
· O Concello da Guarda acometerá a vindeira semana as obras de reposición e adecuación do pavimento do parque infantil exterior
A concelleira de Servizos Sociais, Mª Teresa Vicente Baz, e o concelleiro de Obras, Miguel Ángel Español Otero, visitaron as instalacións da Gardería Municipal
Foto: C. A. G.
Infogauda / A Guarda
O Concello da Guarda acometerá a vindeira semana as obras de reposición e adecuación do pavimento do parque infantil exterior da Gardería Municipal sita na Rúa Rosal na zona de Solanas, unha actuación que consistirá na retirada da lousa existente e a instalación dunha nova superficie de caucho proxectado contínuo SBR para unha maior seguridade e desfrute dos nenos deste espazo.
Na xornada deste xoves o concelleiro de Obras, Miguel Ángel Español Otero e a concelleira de Servizos Sociais, Mª Teresa Vicente Baz, visitaron estas instalacións para comprobar in situ o lugar onde se realizarán estes traballos.
Segundo amosaron os concelleiros na súa visita, estas obras repercutirán na calidade do servizo que se oferta dende a Gardería municipal, así como na seguridade para as/os nenas/os que a empregan, sendo esta unha demanda das nais e pais, que queda deste xeito resolta.
O Concello da Guarda investirá nestas obras un total de 5,880,60€, asumidos con fondos propios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario