12 de xul. de 2018

TUI

A CÁMARA DE COMERCIO DE TUI SÚMASE Á ELABORACIÓN DA `ESTRATEXIA 2030’ DE COOPERACIÓN DO RÍO MIÑO TRANSFRONTEIRIZO  

· O deputado Uxío Benítez amosou a súa satisfacción por contar coa implicación dun organismo que representa a gran parte do sector económico do Baixo Miño   

 Uxío Benítez Fernández, deputado de Cooperación Transfronteiriza

Infogauda / Tui

 O deputado de Cooperación Transfronteiriza e director da AECT Río Miño, Uxío Benítez Fernández, e parte do equipo técnico e científico do proxecto Smart Minho, mantiveron hoxe unha reunión coa directiva da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Tui para a elaboración da `Estratexia 2030´ de Cooperación Intelixente do Río Miño Transfronteirizo, na que se materializou o compromiso da entidade cameral a sumarse á construción deste documento estratéxico. Así o manifestou o presidente da Cámara, Gumersindo Alonso, quen destacou a súa satisfacción por formar parte dun “proxecto tan ilusionante” e amosou a súa disposición a traballar conxuntamente nesta iniciativa.  

 O deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, agradeceu “a implicación da Cámara”, e destacou “a importancia de contar cunha organización como esta que representa a gran parte do sector económico do Baixo Miño”.  Benítez incidiu na relevancia que terá a estratexia para o territorio “xa que é a primeira vez que se elabora un documento así, tomando o río Miño como un eixo vertebrador entre os dos dous países, e non como un elemento de separación”. Así mesmo, destacou a importancia da participación dos axentes locais na redacción dun documento que “marcará as directrices da cooperación entre Galiza e Portugal durante a próxima década, e que se fai dende abaixo, contando coa opinión e as achegas da cidadanía, verdadeira protagonista do proxecto”.  

 Na xuntanza, o director da AECT Río Miño tamén tivo a oportunidade de coñecer o anteproxecto de reforma da antiga alfándega de Tui, aprobado por Patrimonio, un local de tres plantas e 718 m2, propiedade da Cámara, e que se barallou como posible futuro centro de iniciativas transfronteirizas.  

 A elaboración dunha `Estratexia 2030´ de Cooperación Intelixente do Río Miño Transfronteirizo enmárcase no proxecto Smart Minho, que conta cunha inversión de orzamento de 942.022,47 euros, cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.

Ningún comentario:

Publicar un comentario