12 de xul. de 2018

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA INVESTIRÁ 320.000 EUROS EN AMPLIAR E REFORMAR MÁIS DE 600 METROS DO CENTRO DE ACOLLIDA DE ANIMAIS DA ARMENTEIRA   

· A deputada Eva Vilaverde anunciou a creación da primeira liña de axudas a asociacións protectoras para previr o abandono e fomentar a adopción  


Eva Vilaverde, deputada delegada do Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Armenteira
Foto: D. P.

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra vai potenciar o traballo do Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Armenteira cunha reforma e ampliación de instalacións de máis de 600 metros cadrados que precisará dun investimento duns 320.000 euros. Así o manifestou a deputada delegada do centro, Eva Vilaverde, quen explicou que o obxectivo das obras é acadar un maior benestar animal e aumentar tamén os servizos prestados, xa que coa creación de novas zonas cirúrxicas poderase esterilizar á totalidade dos cans que saen en adopción.   

 Segundo apuntou Vilaverde, o proxecto supón unha grande mellora desde o punto de vista operativo e funcional que era necesario abordar por necesidades veterinarias. Así, grazas á ampliación crearase unha nova zona de maternidade, na que se inclúen estancias deseñadas especificamente para nais xestantes, nais cos seus cachorros e de cachorros de pouca idade, contando con chan radiante, sistemas de ventilación artificial e un deseño confortable e seguro para os cachorros. Tamén se habilitará unha zona de esparcemento, especialmente pensada para a socialización de cachorros e actividades con centros de ensino, entre outros.  

 No que atinxe ás reformas, haberá unha remodelación da zona de corentena, eliminando as gaiolas de forma definitiva para crear  estancias mais confortables, amplas e seguras, mellorando a maiores aspectos como ventilación e iluminación. Algúns dos novos boxes de corentena  (seis dos 44 totais), de feito, contarán cun patio exterior cuberto para os animais. Tamén se remodelará a zona de hospitalización, ampliando o espazo dispoñible e as condicións de iluminación e ventilación, e se mellorará a zona de clínica, cunha nova sala de raios X e un novo quirófano. 

 A deputada Eva Vilaverde salientou que todos estes cambios no centro farán pasar as instalacións dos 1.500 metros cadrados actuais a 1.865 metros, dos que 231 serán totalmente reformados e 370 serán de nova creación. As obras, segundo dixo a nacionalista, terán unha duración de cinco meses e realizaranse por fases dado que o centro “é moi sensible” aos cambios e precisa manter a súa operatividade en todo momento. “Estamos moi satisfeitos porque o novo deseño e acondicionamento é moito máis axeitado para os animais”, apuntou. 

Subvencións a protectoras 

 A deputada Eva Vilaverde tamén explicou hoxe que a Deputación, ademais de garantir o benestar animal nas instalacións do CAAN, quere abordar o problema do abandono animal desde outra perspectiva: fomentando as adopcións. Neste sentido recoñeceu o traballo que fan as asociacións protectoras tanto na consecución de fogares para os animais, como nas realización de campañas de concienciación.  

 Vilaverde salientou que a día de hoxe a Deputación ten xa colaboración con algúns colectivos, mais destacou que era preciso aumentar a implicación, polo que se traballou para abrir unha convocatoria de axudas para entidades de toda a provincia para aumentar os recursos económicos para realizar os seus cometidos nas mellores condicións. “A Deputación só ten as competencias delegadas de 48 concellos cos que hai convenio para a recollida de animais, pero pensamos que con esta liña de axudas beneficiaranse tamén estes concellos porque diminuirán o número de animais abandonados e incluso o propio CAAN”, apuntou.   

 Así, a liña de colaboración pretende fomentar actividades de sensibilización que leven a conseguir unha conduta máis responsable e cívica das persoas, a defensa e tenza responsable, así como a promoción da adopción de animais abandonados.  Estas poderán ser campañas de publicidade, incluíndo o deseño, elaboración de material divulgativo, ademais da realización de charlas ou obradoiros con especial incidencia na poboación infantil e xuvenil.   

 O total das axudas será de 40.000 euros e cada protectora poderá optar a unha subvención máxima por proxecto de 3.000 euros que non supere o 80% do seu orzamento total, podendo chegar ao 100% en función da dispoñibilidade orzamentaria sobrante.   

 Abandonos  

 Vilaverde deu a coñecer os últimos datos de abandonos rexistrados polo CAAN no primeiro semestre deste ano, destacando que houbo un claro repunte con respecto ao mesmo período de pasados exercicios. “Entendemos que este aumento se debe á entrada en vigor da nova Lei de Protección Animal, que contempla sancións para aqueles propietarios que non teñan identificados os animais correctamente, por exemplo, o que nalgúns casos fixo que se desfixeran dos cans”, apuntou. 

 Segundo indicou a nacionalista, o CAAN recibiu un total de 1.128 avisos para ir recoller cans abandonados, dos que 830 eran adultos e 298 cachorros, un dato, dixo, que desvirtúa as cifras xerais e que resulta significativo porque na maior parte dos casos se recollen cadelas preñadas, que despois paren camadas de 9 ou 10 animais. Do total de cans sobre os que se deu aviso –explicou- 281 tiñan microchip, o que supón un 21%, e foron recollidos polos seus propietarios 327 (191 no lugar da recollida, sen custo, e 136 no centro). Foron adoptados no que vai de ano outros 169 cans, o que supón que se conseguiu que saísen do centro máis de un can por día laboral. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario