SANIDADE
PERSOAL DOS PAC DA ÁREA DE VIGO DENUNCIA A FALTA DE COBERTURA NAS AUSENCIAS
Coñecemos esta semana polos medios de
comunicación que a Consellaría de Sanidade se queda sen médicos/as de familia
nas listas de contratación para cubrir baixas, pero o certo é que esta
situación a vimos padecendo usuarios/as e traballadores/as dende hai moito
tempo.
O que non explica Sanidade son os
motivos dunha falta de efectivos que esta semana volveu deixar descubertos nos
reforzos do sábado 21 no PAC do Val Miñor, nos do sábado 21 e domingo 22 no PAC
da Guarda, e varias horas o domingo 29 (coincidindo coa festa do peixe espada);
tamén este domingo 29 no PAC de Ponteareas, sendo este reforzado ás 22 horas
cunha facultativa que estaba prestando servizo no PAC de Vigo, deixando este
con menos persoal. Todo isto xerou varias horas de agarda e, como é obvio,
malestar entre os usuarios/as.
En todos estes PAC (lembremos que son
dispositivos que se encargan de asegurar a asistencia sanitaria da poboación
durante as tardes e fundamentalmente durante as noites, fines de semana e
xornadas festivas), trabállase co mínimo persoal. É habitual que co equipo
completo haxa que facer grandes esforzos para “chegar a todo”, así que non é
difícil imaxinar o que pode chegar a ocorrer se faltan efectivos.
Hai uns días este colectivo de
sanitarios denunciou nos medios de comunicación a situación, e a Xerencia
acusounos de querer crear alarma na poboación. O que non queren ver é que a
alarma é real: os PAC levan tempo traballando en mínimos e estanse permitindo
descubertos que propiciarán que algo irremediábel suceda algún día. Non hai
efectivos, e os que quedan estamos esgotados, maltratados e sobrecargados:
cremos que non denunciar esta situación é igual de irresponsábel que negar a
súa existencia.
Respecto os motivos que propiciaron a
falta de efectivos, chámanos enormemente a atención a total ausencia de
capacidade de autocrítica e de asunción de responsabilidades da que fai gala a
nosa Administración no que á xestión de recursos humanos se refire. Afirman que
non teñen médicos/as na lista, pero non falan das condicións e feitos que
fixeron que isto aconteza. Todos os anos un gran número de efectivos abandonan
a nosa comunidade con mellores ofertas. Outros cambian a sanidade pública pola
privada. Estes datos son de sobra coñecidos pero non se fai nada para frealos.
Temos un gran grupo de facultativos
titulares sobrecargados, cansados, escasamente incentivados e continuamente
ameazados con recortes en dereitos; e por outro lado, un grupo cada vez máis
escaso de médicos/as substitutos/as traballando ao límite das súas forzas, con
xornadas que literalmente nunca saben cando van rematar e sen posibilidade
algunha de planificar a súa vida persoal, obrigados/as a permanecer pendentes
dunha chamada de teléfono que, de malos modos (porque esa é outra das costumes
dalgúns/as responsábeis da nosa Administración, o absoluto desprezo no trato
aos seus traballadores/as), vainos enviar a traballar a calquera esquina da
área no día que crían ter libre. Con estas condicións o lóxico é pensar que a
situación só pode ir a peor.
Dende aquí instamos a Administración a
buscar unha solución a un problema esperado e real. A situación na que nos
atopamos non é ningunha sorpresa, sabíamos hai tempo que isto ía ocorrer. O
único que demostran os feitos é que non existe vontade de arranxar nada e o de
que “non hai médicos/as nas listas” non é máis que unha escusa para non actuar
e seguir deixando ao azar e á improvisación a cobertura sanitaria de toda unha
poboación.
Nota da Redacción de Infogauda:
Seguen máis de 65 sinaturas, de enfermeiras/os, médicos, DUE, etc., dos PAC de A Cañiza, A Guarda, Cangas, Moaña, O Porriño, Ponteareas, Redondela, Tui, Val Miñor, Vigo,..., cos correspondentes nomes, apelidos, N.I.F. e cometido profisional, que voluntariamente decidimos omitir.
Ningún comentario:
Publicar un comentario