O PP dá voz a alcaldes e colectivos para denunciar “a ineficacia, o sectarismo e o postureo” da Deputación de Pontevedra
• “Este balance é o que non lle gusta escoitar nin a Carmela Silva nin a César Mosquera, non queren escoitar estas opinións, pero esta é a realidade da provincia”, sinala Ángel Moldes.
• O alcalde da Estrada lamentou que nestes tres anos “a Deputación deixou de ser unha institución útil, de apoio para os concellos, para ser inútil”.
Infogauda / Pontevedra
“Unha presidenta e un Goberno ineficaz, sectario e con moito postureo”, así definiron esta mañá alcaldes, colectivos e deputados provinciais os tres anos do Bipartito PSOE-BNG na Deputación de Pontevedra nun acto no que os populares quixeron dar voz “aos que realmente son protagonistas e máis saben da nosa provincia, que son os alcaldes, os colectivos e os veciños, que a día de hoxe non teñen voz na Deputación de Pontevedra”, sinalou Ángel Moldes, voceiro do grupo provincial.
O lema “3 anos de ineficacia e sectarismo” serviu para que os alcaldes e representantes de colectivos amosaran o que o PP, considera, “é a realidade da Deputación de Pontevedra”. Así, un a un foron desmontando, “con exemplos concretos e experiencias propias, os falsos discursos e promesas de Carmela Silva”, sinalou Moldes.
“A ineficacia, porque en tres anos foron incapaces de inaugurar unha soa obra, e sectarismo, do que na última semana tivemos un gran exemplo do que é, un exercicio que debería servir para enriquecer a ortografía e gramática dos traballadores e se converteu nun adoutrinamento contra o PP. É a maior vergoña do que pode pasar nesta institución, é un claro exemplo do que se converteu a Deputación de Pontevedra”, criticou o voceiro do grupo provincial, que cuestionou tamén a transparencia, a independencia política da institución, as obras e os feitos”.
O primeiro en intervir foi Telmo Martín, alcalde de Sanxenxo, que a día de hoxe “por decreto” non o reciben na Deputación. “A experiencia de Sanxenxo coa Deputación é, ademais de ineficaz e sectaria, con moito postureo. Ineficaz, porque non se debe frenar nunca o desenvolvemento dun pobo, como aconteceu tanto coa obra de Luis Rocafort ou a estrada de Dorrón, que leva tres anos paralizada; sectarismo, porque Carmela Silva, presidente de toda a provincia, inaugurou unha escaleira nesta estrada de Dorrón e non avisou a ninguén do Goberno local; e postureo, porque presume moito do ben que vai o turismo, pero o certo é que non vai ben grazas á Deputación, vai ben grazas aos profesionais e empresarios que son os que verdadeiramente traballan porque así sexa”.
Moldes recordou que Carmela Silva “négase a recibir ao alcalde de Sanxenxo, unha falta de respecto cara os veciños”. A súa escusa, sinalou, “é que Telmo Martín accedeu a alcaldía a través de unha moción de censura, algo que é mentira, pero entón preguntamos se ten a mesma consideración para o presidente do Goberno, que si chegou a través de unha moción de censura e estando moi lonxe de ser o partido máis votado”.
Nesta mesma liña se pronunciou o alcalde da Estrada, José López, que lamentou que “os concellos deixaron de ter na Deputación un aliado para prestar mellor os servizos ou as infraestruturas. Deixou de ser unha institución útil para ser inútil para os concellos e para os veciños”. López criticou que “a Deputación converteuse no noso inimigo. Xa non é que non se xestionen os recursos do orzamento, é que ademais cando os alcaldes trasladamos as nosas inquedanzas é lamentable a resposta que recibimos”. José López referiuse “ao protocolo xabarín, envían emisarios para criticar aos alcaldes, concellos e veciños, e isto é o último que podemos soportar”.
No caso de Vilanova de Arousa, o alcalde Gonzalo Durán, explicou que o concello xa presentou dúas denuncias, “e algo de razón debemos de ter cando en setembro van ter que declarar por roubar aos veciños de Vilanova a mellora da estrada provincial de Baión”. A outra denuncia, engadiu, foi polo proxecto da piscina , “que aínda que cumpría con todo o que pedían no plan, preferiron deixar diñeiro no banco antes de aprobar un proxecto nun concello gobernado do PP”. Tamén recordou que pediu reunirse con Carmela Silva ata en dúas ocasións, pero aínda non foi convocado. “Igual hai que pedir directamente a reunión con Abel Caballero, que é o que realmente manda”, engadiu.
Tamén se referiu ao sectarismo do Bipartito da Deputación o concelleiro do PP en Tui, Antonio Castro, que recordou que das catro administracións que formaron o gabinete de crise tras a traxedia de Paramos, “a Deputación de Pontevedra é a única que continúa sen aprobar ningún tipo de axuda directa para os afectados”. Así, expuxo que a día de hoxe o único apoio que recibiron da Deputación foi unha pequena axuda para restablecer os viais, a través do proxecto europeo DepoRemse e non de fondos propios, e a nivel de persoal, 6 traballadores sociais que prestaron apoio na primeira semana e que agora hai un que atende martes e xoves e un aparellador un día á semana. “Este é todo o apoio que temos a día de hoxe da Deputación de Pontevedra. Se non nos apoia nestas situacións, para que queremos estas institucións?”, cuestionou o edil, que tamén criticou que, nalgún momento, desde a Deputación non contesten ás chamadas do alcalde de Tui.
O alcalde de Redondela e deputado provincial, Javier Bas, incidiu no postureo de Carmela Silva. “Éncheselle a boca ao falar de transparencia, pero apenas cumpre un 50% dos requisitos que teñen que cumprir polo que os afectados son os veciños da provincia”, critica. Cabe recordar que o Concello de Redondela lidera o índice de transparencia de Galicia, mentres a Deputación obtén un cero en información ao cidadán. “A Deputación minte, engana e manipula, polo que nunca vai poder ter un índice de transparencia elevado”, sinalou ao recordar como unha concelleira de Redondela emitiu votos contrarios á mesma moción no Concello de Redondela e na Deputación.
Foi a deputada Elena Muñoz a encargada de facer balance da xestión económica, que definiu como “un fracaso, porque non hai proxecto para a provincia”. Así, destacou que cada ano repiten o mesmo proceso: “Aproban un orzamento sen escoitar aos veciños, nin aos colectivos, nin aos alcaldes nin á oposición, e o fan con partidas xenéricas porque non teñen ningún proxecto para a provincia. E para, a continuación, corrixirse a si mesmos, e en febreiro xa fan as primeiras correccións orzamentarias. O ano pasa, e teñen o orzamento sen executar, máis da metade do orzamento da Deputación queda sen gastar”. Muñoz lamentou que “cando conseguen facerse a foto, parece que o traballo xa está feito, pero hai que executar os proxectos”. Por último, recordou que na caixa da Deputación hai 150 millóns de euros “que son incapaces de executar, polo que cando aos veciños, aos colectivos ou aos concellos lles din que non hai cartos, están mentindo”.
Entre os colectivos, tomou a palabra José Iglesias, vicepresidente da Asociación Galega de Técnicos de Ambulancias, que denunciou “a aposta indiscriminada dos lombos nas estradas provinciais”. Denunciou que “nin se os atende nin se os escoita”, e criticou que o PSOE local de Pontevedra comparte as súas demandas e, despois, “na Deputación aproban xusto o contrario”.
“É de sentido común, non é cuestión política. Os resaltos non quitan problemas, castigan a quen cumpre e incumpre, e hai outro tipo de medidas”, engadiu, e destacou que “a provincia de Pontevedra é un exemplo negativo en toda España pola instalación de lombos”.
Para rematar, Ángel Moldes destacou que “este balance é o que non lle gusta escoitar nin a Carmela Silva nin a César Mosquera, non queren escoitar estas opinións, pero esta é a realidade da provincia”.
“Chegaron dicindo que ían ser os máis transparentes, e suspenden en transparencia. Dicían que ían separar a institución dos partidos políticos, pero hoxe escoitamos alcaldes que teñen que vir aquí a reclamar o que lle interesa aos seus veciños, porque pensan que castigando aos veciños da Estrada, Sanxenxo ou Vilanova van recibir máis rédito político. E presumen de moitos proxectos, pero onde están as obras e onde están os feitos? As únicas obras que nestes anos puideron inaugurar foron o Edificio de Usos Náuticos da Illa ou a estrada de Luis Rocafort, en Sanxenxo, feitas polo anterior goberno do PP”, concluíu.
Ningún comentario:
Publicar un comentario