4 de xul. de 2018

LABORAL

LABORAL

Centos de delegados/as da CIG mobilízanse en Ourense e Vigo contra a explotación de traballadores/as transfronteirizos/as en Galiza e Portugal  

Empresas aproveitan desregulación laboral da UE para nutrirse de man de obra precaria en condicións de escravitude ante inacción da Xunta e Inspección

Varios centos de delegados/as sindicais da CIG mobilizáronse hoxe en Ourense e Vigo
Foto: CIG

Infogauda / Ourense / Vigo

 Varios centos de delegados/as sindicais da CIG mobilizáronse hoxe en Ourense e Vigo como primeiro acto da campaña que a central vén de poñer en marcha para denunciar as condicións laborais de sobreexplotación que padecen milleiros de traballadores/as transfronteirizos/as en Galiza e Portugal, principalmente no sur das provincias de Pontevedra e de Ourense e nos sectores da construción, da automoción e no naval, aínda que tamén nos servizos, no transporte e na industria téxtil. Segundo denunciou o secretario xeral da CIG, as empresas aproveitan a falta de regulación en materia laboral propiciada pola Unión Europea e a inacción da Xunta e da Inspección de Traballo para nutrirse de man de obra en condicións de precariedade próximas ao escravismo.

 Estes/as operarios/as son vítimas do empobrecemento xeneralizado e da sobreexplotación laboral que fomentan os Gobernos español e galego mediante a aplicación das políticas impostas pola Unión Europea (UE) a través da Troika, como as reformas laborais. “A fronteira aprovéitase para aumentar a sobreexplotación, por iso é máis necesario ca nunca a defensa da clase traballadora de ambas as dúas beiras”, sosteñen dende a CIG.

 Esta campaña prodúcese no contexto do recente protocolo de colaboración subscrito entre a CIG e o principal sindicato portugués, a CGTP-IN, xa que a coordinación entre organizacións sindicais de ambos os dous países é fundamental para evitar que a desregulación en materia laboral favorecida pola Troika para aumentar o lucro das grandes transnacionais afonde na sobreexplotación de milleiros de traballadores/as.

 As prácticas que utilizan as empresas para maximizar os seus beneficios fomenta o dumping social e agudiza o enfrontamento entre a clase traballadora dos distintos países. “Para nós só hai unha clase traballadora e está a ser brutamente explotada”, sinalan.

 Isto é posíbel porque os organismos fiscalizadores non cumpren co seu labor. “A Inspección de Traballo e a Xunta, por exemplo, é sabedora desta situación pero non actúa”. Diante disto, a CIG vén de iniciar unha campaña de denuncia que comezou hoxe con mobilizacións simultáneas en Ourense e Vigo. No caso de Ourense a manifestación arrincou ás 11:30 horas dende a sede da Inspección de Traballo e rematou diante do edificio da Xunta. En Vigo foi ao revés, a marcha partiu da delegación da Xunta e finalizou na Inspección.

A verdadeira cara da UE

 O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que interveu ao remate da manifestación de Ourense, explicou que con estas mobilizacións simultáneas iníciase a campaña de denuncia contra a imposición de condicións laborais de sobreexplotación que padecen milleiros de traballadores/as transfronteirizos no norte de Portugal e no sur de Galiza e que se focaliza maioritariamente na construción, na industria naval e na automoción, pero tamén cada vez máis no sector servizos, no transporte e no téxtil. “As empresas burlan as escasas leis e utilizan a fronteira para servirse de man de obra máis barata, impoñendo unhas condicións de precariedade que chega a niveis de escravización”, denunciou.

 Ao mesmo tempo, lembrou que de xeito paralelo a este traslado de traballadores/as a un lado e outro da raia dáse unha cada vez maior deslocalización de empresas ao norte de Portugal. “Nós o que queremos denunciar é a impunidade coa que actúan as empresas grazas a que as Administracións públicas -sexa o Ministerio de Traballo, a Inspección de Traballo ou a Xunta de Galiza- non fan absolutamente nada para rematar cunha situación que cada vez é máis grave xa que provoca o empobrecemento de milleiros de persoas”.

 Non quixo pasar por alto que precisamente estes días o presidente da Xunta está de visita oficial en Portugal, “e como se pode comprobar na súa axenda non figura nada que teña que ver con esta problemática a pesar de que ten moito que ver coa posibilidade dun futuro digno na nosa nación e no país veciño. Ao contrario, a Xunta cala ou facilita -como fixo coa Lei de Fomento Empresarial- este tipo de situacións”.
  
 Segundo criticou, o que está a suceder con estes/as traballadores/as amosa a verdadeira cara da Unión Europea, “xa que como vemos non é nin social nin está preocupada por defender os intereses dos pobos que forman parte dela”. Incidiu en que é máis ben ao contrario: “é a UE do capital, a da libre circulación de diñeiro, para que sobre a base de acumular máis riqueza se siga a sobreexplotar a milleiros e milleiros de persoas. Para iso fomentan políticas como as que aquí padecemos a través das reformas laborais de 2010 do PSOE e de 2012 do PP”. 

 Finalmente, subliñou que a campaña que hoxe comeza insírese no protocolo de colaboración asinado recentemente pola CIG e a CGTP co obxectivo de coordinarse na defensa da clase traballadora de Galiza e Portugal, polo que incidiu na necesidade de seguir afondando na solidariedade internacionalista e de clase. “Tamén na nosa acción sindical non centros de traballo temos que asumir a reivindicación de dignificar as condicións laborais de todos/as os traballadores/as, sexa cal sexa o seu país de orixe”.

Práctica transversal

 No sector do transporte a CIG ten detectado empresas do sur da provincia de Pontevedra que teñen a maior parte do seu cadro de persoal (algunhas incluso todo) integrado por traballadores/as portugueses/as que reciben infrasalarios (con diferenzas de até 9000 euros ao ano con respecto aos traballadores/as galegos/as) a cambio de xornadas laborais anuais que superan en 1000 horas a marcada en convenio. Estas compañías pactan con eles/as un soldo neto que non inclúe nin dietas por desprazamento nin plus de nocturnidade.

 “Os que están sindicalizados e reclaman coa CIG o cumprimento da lexislación laboral son castigados con rotas máis curtas para que lles sexa inviábel economicamente desprazarse até o noso país a traballar e opten por abandonar o seu emprego”, denuncian.

 A central tamén confirmou a existencia de Empresas de Traballo Temporal (ETT) portuguesas que nutren de persoal desta nacionalidade a empresas galegas, pero coas condicións laborais do seu país de orixe, que son máis precarias que as de aquí, producíndose o que se coñece como dumping social, que non é outra cousa que a competencia desleal entre empresas baseada na explotación e nos baixos salarios para reducir os custes de produción e ofrecer uns prezos máis competitivos.

 “Trátase dun fenómeno transversal que vai en aumento e que afecta a moitos sectores, entre eles ao da automoción”. Neste sector dáse incluso o caso de que estas empresas contratan traballadores/as galegos/as que traballan aquí pero coas condicións laborais de Portugal.

 No caso da industria da automóbil moitas empresas incumpren as directivas europeas en materia laboral e remuneran a estes/as traballadores/as non con salarios galegos, “senón que o fan segundo os convenios portugueses, que polo xeral son arredor dun 50% máis baixos que os do noso país”.

 Ademais, as compañías do sector que teñen centros de traballo a ambos lados da fronteira aproveitan esta circunstancia para evitar ter que converter a persoal eventual en indefinido. A CIG ten detectado como traballadores/as galegos/as con contrato de obra e servizo cunha duración máxima de tres anos son trasladados a Portugal unha vez rematado este período para non ter que facelos/as indefinidos/as.
  
 Unha vez alí aplícanselles as condicións laborais portuguesas, pero cando por necesidades produtivas volven a Galiza tras o ano obrigatorio en Portugal fano baixo esas mesmas condicións (con contrato de obra e servizo, e polo tanto doutros tres anos de duración, para non ter que convertelos/as en indefinidos/as).

A precariedade mata

 No sector naval a presenza destes/as traballadores/as vén de lonxe. A CIG ten constatado nos últimos tempos casos de sobreexplotación laboral nos estaleiros da Ría de Vigo, con xornadas de 12 horas diarias de luns a sábado e sen que se lles abonen as horas extras, incumprindo o convenio provincial do Metal de Pontevedra.

 Pero non só tiran proveito desta situación as compañías da industria naval e do automóbil. Hai tamén empresas galegas do sector da limpeza que traballan para a industria da automoción que abren delegacións en solo portugués nos polígonos industriais onde están instaladas as empresas do sector que tamén teñen fábricas aquí (a maioría delas no Porriño e Valença) e contratan traballadores/as portugueses/as e galegos/as para que traballen en Galiza e Portugal pero coas condicións deste último país.

 Este tipo de práctica vai en aumento de xeito paralelo ao cada vez maior desvío de produción a Portugal por parte das empresas da automoción instaladas en Galiza.

 Na construción, especialmente nas obras do AVE localizadas no sur da provincia de Ourense, a presenza de operarios/as portugueses/as en condicións laborais de absoluta precariedade é habitual dende hai anos: soportan xornadas diarias de entre 12 e 14 horas cun único día de descanso á semana (aínda que a CIG ten gañado xuízos nos que se constataron xornadas de até 20 horas ao día) e non gozan das vacacións (meten festivos e días de convenio como vacacións).

 As empresas danlle aparencia legal a estes excesos de xornada poñéndolle un prezo moi baixo á hora traballada (entre 4 e 4,5 euros), co obxectivo de que as nóminas non rexistren contías moi elevadas que poñan en evidencia que se están a facer xornadas de traballo interminábeis. O aumento da precariedade laboral tradúcese nun maior número de accidentes laborais, algúns con resultado de morte, xa que o exceso de horas vai en detrimento da seguridade no traballo, o que está incrementar tamén a gravidade dos mesmos. Diante disto, a CIG ten presentado denuncias pola vía penal contra o Estado e Xunta por prevaricación e delitos contra os dereitos dos traballadores/as polo “desleixo absoluto” á hora de evitar os graves accidentes, algúns deles mortais, ocorridos nas obras do AVE dende 2013.

 Por último, dende a central sinalan tamén que estes/as traballadores/as desprazados/as a Ourense “carecen de vida propia” mentres se atopan en territorio galego xa que os traen e os levan en furgonetas dende Portugal “e unha vez aquí non poden nin desprezarse libremente”. Hainos incluso que cobran a través da conta da empresa, que lle cede unha tarxeta para que pidan sacar cartos. A maioría deles viven “hacinados” en pisos que lles facilitan as propias compañías.

Outros sectores

 Outras das compañías que tiran beneficios da falta de regulación e da deixadez de funcións da autoridade laboral son as que xestionan as residencias da terceira idade, xa que como teñen convenios cunhas condicións moi precarias non dan atopado persoal no noso país e botan man de traballadores/as portugueses/as. 

 Tamén importantes empresas de loxística que traballan para o Porto de Vigo teñen contratado persoal portugués en condicións precarias e recibindo infrasalarios.

 E canteiras de pedra da zona do Porriño que para non cumprir a lexislación en materia de saúde laboral (o que suporía un maior gasto económico) están a deslocalizarse a chan portugués, onde a lexislación nesta materia é máis laxa.


 O mesmo sucede con conserveiras do Salnés, que se instalan en Portugal e contratan persoal portugués e galego baixo condicións portuguesas. Ou coas compañías do sector téxtil. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario