18 de xul. de 2018

LABORAL

CIG-Saúde asina o novo convenio de Hospitalización e Internamento da provincia de Pontevedra

 O novo convenio, con vixencia até o ano 2019, foi asinado o martes 17 de xullo de 2018 polas tres centrais sindicais presentes na mesa de negociación: CIG-Saúde, CCOO e UGT.
 A negociación deste convenio iniciouse o 3 de novembro de 2016 tras ter rematado a súa vixencia o ano 2013, estando desde entón paralizada calquera subida na súa táboa salarial.
 Despois dun longo e difícil período de negociación foi a convocatoria dunha folga no sector o que permitiu desbloquear a situación e chegar a un acordo que permite compensar as perdas retributivas destes anos, pero aínda mantén unha débeda importante coas traballadoras e traballadores do sector en aspectos sociais e de melloras retributivas que nesta negociación non se conseguiron incorporar ao convenio.
 No acordo se recolle unha subida salarial total durante o período de vixencia do 5%, con subida do 0,50% nas táboas salariais para o ano 2016 a partires das cales se aplicarán as seguintes subidas, do 1,25% para o ano 2017, do 1,50% para o 2018 e do 1,75% para o 2019, con revisión segundo o valor do IPC para os dous últimos anos.
 Entre as melloras figura que a xornada anual será de 1770 horas de traballo máximo efectivo, que será mellorada polo cambio de consideración progresiva dos días de libre disposición, pasando a ser retribuídos e non recuperables, así no 2018  haberá 1 LD retribuído e non recuperable e 2 recuperables, no 2019 haberá 2 LD retribuídos e non recuperables e 1 recuperable, e xa no 2020 os tres días serán retribuídos e non recuperables, polo que a xornada das persoas que disfruten os 3 LDs será de 1749 horas/ano.
 No apartado de licenzas e permisos se incorporan melloras para as nais e pais con fillas/os que precisen asistencia sanitaria.
 Para tratar de evitar a demora na negociación do próximo convenio temos acordado iniciar as negociacións en outubro de 2019 e, no caso de non ter rematada a negociación do convenio, a partires do 1 de xaneiro do 2020 estará garantida a subida salarial segundo a evolución do IPC até a sinatura dun novo convenio.
 Desde CIG-Saúde poñemos en valor o apoio das traballadoras e traballadores durante esta negociación e agardamos que na próxima manteñamos ese apoio para conseguir as melloras sociais e retributivas que nesta negociación non se conseguiron incorporar ao convenio.
(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario