18 de xul. de 2018

O BAIXO MIÑO

O BNG CONVIDA A VECIÑANZA DO BAIXO MIÑO A PARTICIPAR NO DÍA DA PATRIA 

QUE BAIXO O LEMA "SUMANDO POR GALIZA" SE CELEBRARÁ O 25 DE XULLO EN COMPOSTELA   

“É un día de celebración e reivindicación para unir a todas as persoas que teñen Galiza na cabeza e no corazón e confían no potencial deste país”, salientou o responsábel comarcal. 

Infogauda / O Baixo Miño

 O BNG fai un chamamento á veciñanza da comarca a participar masivamente na celebración do Día da Patria, que o BNG conmemora este ano baixo o lema Sumar por Galiza, precisamente como referencia expresa a unir a todas as persoas que confían no potencial do País para construír un futuro mellor.   

 “Desde O BNG facemos un chamamento a participar nunha convocatoria aberta para sumar polo país, aberta a todos os galegos e as galegas que levan Galiza na cabeza e no corazón e que, igual que o BNG, queren construír un futuro mellor, onde a nosa lingua e cultura podan desenvolverse con normalidade, con emprego digno, salarios e pensións decentes. En definitiva, construír a Galiza coa que soñamos”, salientan dende a organización nacionalista.   

 Os actos que se celebrarán con motivo do Día da Patria Galega en Compostela darán comezo xa o día 24, coa celebración do FESTIGAL, unha cita xa consolidada no panorama cultural e musical galego.   

 O propio día 25 de xullo terá lugar a xa tradicional manifestación do Día da Patria, que este ano cumpre o cincuenta aniversario desde que en 1968 o nacionalismo retomase a súa celebración. Partirá da Alameda de Compostela ás 12h para percorrer as rúas de Santiago até a Praza da Quintana, na que intervirá a Portavoz Nacional do BNG Ana Pontón.   

 Para facilitar a asistencia a este acto sairán autobuses o 25 de xullo desde o Baixo Miño con paradas na Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui. Cómpre reservar praza no 616 090 632 / baixominho@bng.gal.    

Ningún comentario:

Publicar un comentario