3 de xul. de 2018

A GUARDA

As praias guardesas do Forte (Camposancos) e Area Grande izan o distintivo de Bandeira Azul
  
O alcalde de A Guarda e as concelleiras de Turismo e de Sanidade, xunto con dous socorristas, amosan á Bandeira Azul que un ano máis, loce na praia de Area Grande

Infogauda / A Guarda

 Este martes día 3 de xullo tivo lugar o acto de izamento das Bandeiras Azuis nas praias de Area Grande e O Forte - tamén coñecida popularmente como O Muíño  - coas que se marca o comezo da temporada de verán nestas dúas praias recoñecidas da Guarda.  

 Ata a praia de Area Grande desprazáronse o alcalde, Antonio Lomba Baz, a concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes Álvarez, e a concelleira de Servizos Sociais, Sanidade e Igualdade, María Teresa Baz Vicente, e xunto cos socorristas izaron o distintivo - Bandeira Azul - co que conta esta praia emblemática da franxa costeira. 

O alcalde e as concelleiras, xunto coa técnica de Turismo do Concello de A Guarda e dous socorristas, amosan á Bandeira Azul, que novamente volve a ondear na praia do Forte, en Camposancos (A Guarda)

 Despois trasladáronse ata o areal fluvial do Forte (Camposancos), no río Miño, que este ano recibe os distintivos de Bandeira Azul e o de «Ecoplayas».  

A praia do Forte - tamén coñecida como praia do Muiño - en Camposancos (A Guarda), volve a contar co distintivo «Ecoplayas»

 Un ano máis as praias do Forte (Camposancos) e Area Grande, no termo municipal de A Guarda lucen o distintivo internacional de bandeira azul como recoñecemento á calidade medio ambiental e aos servizos que ofertan.  

 A Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC), e a rama española da Federación Europea de Educación Ambiental (FEE) fixeron público o listado de todas as bandeiras azuis que se concederon no territorio español para esta tempada de verán.  

 Estas praias contan cos servizos esixidos por Bandeira Azul como paneis informativos, análise de augas, servizo de limpeza e de recollida de residuos, duchas e aseos, e o servizo de salvamento e socorrismo que atende aos dous areais e que comeza co arranque estival.  

 O concello da Guarda quere resaltar o esforzo realizado para a súa concesión no referente o mantemento e mellora das actuacións e servizos véndose recompensado un ano máis coas dúas bandeiras azuis para o concello.  

 Nesta resolución tamén se lle adxudicou o distintivo de “Sendeiro Azul” o camiño que une ambas praias. Este camiño ten o recoñecemento dende o ano 2013.  A finais do pasado ano o Concello da Guarda enviou a documentación da candidatura para que as súas praias e o sendeiro conseguiran este distintivo. Despois de pasar un tribunal nacional e tamén un internacional, finalmente acadouse un resultado favorable.

Ningún comentario:

Publicar un comentario