21 de xuño de 2018

VALENÇA DO MINHO

A PARTICIPACIÓN CIDADÁ E A ROTUNDA IMPLICACIÓN DOS AXENTES SOCIAIS, PROTAGONISTAS DO I FÓRUM DO RÍO MIÑO TRANSFRONTEIRIZO  

· Carmela Silva celebrou a iniciativa porpromover un proxecto conxunto facendo partícipe á sociedade “xa que a nova política é aquela que conta coa cidadanía para decidir os proxectos de futuro”  

· Uxío Benítez salientou o compromiso dos participantes na elaboración da ‘Estatexia 2030’ que recuperará os fondos europeos para o territorio transfronteirizo  


A presidenta da Deputación, Carmela Silva, na súa intervención
Fotos: D. P.

Infogauda / Valença do Minho

 O I Fórum do Río Miño Transfronteirizo celebrouse hoxe en Valença cunha participación cidadá histórica, reunindo a máis dun centenar de axentes sociais do territorio na Escola Superior de Ciências Empresariais para debater as bases da que será a ‘Estratexia 2030´, que dará forma á cooperación transfronteiriza do territorio durante a próxima década. Representantes sociais de áreas tan diversas como a gobernanza, o turismo, a información, a mobilidade, a educación ou a integración social participaron en catro mesas de debate, que destacaron polo seu dinamismo e o número de intervencións, e que foron coordinadas por un equipo de expertas e expertos universitarios que puideron recoller as propostas, inquedanzas e ideas das persoas participantes.   

 Ao longo da xornada quedou manifesto ocompromiso e implicación de todos os axentes sociais, económicos e culturais, así como das autoridades políticas,para seguir traballando nos próximos meses na elaboración da ‘Estratexia 2030’, un plan enmarcado dentro do proxecto de cooperación transfronteiriza SmartMinho, eque se presentará nun II FórumTransfronteirizo a finais de 2018.A realización dun estudo e diagnose do territorio do río Miño transfronteirizo como espazo común espertou un palpable sentimento de entusiasmo entre as persoas asistentes.  

 A presidenta da Deputación, Carmela Silva, quen participou no Foro co deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, amosou a súa emoción porque “hoxe aquí estamos a impulsar unha idea que ten por obxectivos transformar dende o coñecemento, dende a intelixencia, dende propostas serias e rigorosas, o río Miño mediante un proxecto de desenvolvemento que ten como centro ás persoas que viven a ambos lados da súa ribeira”. Neste contexto, Silva puxo en valor o río como “elemento centralizador de dous grandes espazos territoriais que teñen inmensas potencialidades de futuro e que debemos construír conxuntamente”.  

 Na súa intervención, a presidenta provincial urxiu a elaborar proxectos para este territorio transfronteirizo “e facelo rápido, porque a nova programación de fondos europeos está xa aí e debemos ter voz na Unión Europea”. Deste xeito, Carmela Silva destacou a necesidade de aproveitar o foro e o traballo conxunto “para definir unha estratexia que podamos defender a nivel autonómico, estatal e europeo para que os fondos Interreg, que foron recortados, se empreguen de xeito axeitado para promover proxectos nos territorios transfronteirizos”. Máis polo miúdo, a presidenta da Deputación de Pontevedra pediu un cambio de modelo e máis recursos para poñer en marcha actuacións no Norte de Portugal e Sur da provincia de Pontevedra.   

 Carmela Silva puxo en valor tamén o traballo desenvolvido polas presidentas e presidentes das Cámaras Municipais, e alcaldesas e alcaldes da provincia de Pontevedra “que durante tantos anos, e sen contar coa axuda de organismos intermedios e doutras administracións, loitaron para poñer en marcha proxectos transfronteirizos neste espazo”. En concreto, a presidenta enxalzou o papel das administracións locais por ser “as que mellor coñecen as demandas, retos e desafíos dos seus territorios” e o papel que a nova AECT Río Miño vai desenvolver para “dar voz e defender os dereitos dos territorios transfronteirizos”.  

 Finalmente, a presidenta da Deputación tivo palabras de agradecemento para as persoas organizadoras do Foro por “promover un proxecto conxunto facendo partícipe á sociedade. A nova política é aquela que conta coa cidadanía para decidir cales son os proxectos de futuro, así que hoxe estou satisfeita e emocionada por ver que todas e todos estamos aportando coñecemento e comprometéndonos para que centren os ollos neste espazo que ten tanta potencialidade”.  

O deputado de Cooperación Transfronteiriza e director da AECT Río Miño, Uxío Benítez, na súa intervención


 O deputado de Cooperación Transfronteiriza e director da AECT Río Miño, Uxío Benítez, manifestou a súa enorme satisfacción “non só pola gran acollida deste I Fórum, que xa se pode calificar de histórico, senón  tamén pola implicación e interese de todas as persoas asistentes, que quedou manifesto nas numerosas intervencións que se realizaron durante as mesas temáticas,nas que houbo a oportunidade de debater e aportar diferentes visións sobre as necesidades e retos do territorio.”   

 Benítez aproveitou a ocasión para poñer o acento tamén sobre a necesidade de que os fondos europeos cheguen aos territorios estritamente fronteirizos e lembrou que “as rexións transfronteirizas son as menos desenvolvidas socio economicamente xa que durante moitos anos existiron verdadeiras trabas para crecer da man dos nosos veciños e veciñas  da outra marxe do río, posto que as fronteiras nolo impedían. Precisamente para reverter estes desequilibrios naceron os fondos Interreg que perseguen compensar eses desequilibrios”. Por último, o deputado salientou que “a elaboración desta Estratexia 2030 garantirá a recuperación dos fondos europeos para o territorio transfronteirizo do Miño”. 

 O I Fórum do Río Miño Transfroteirizo enmárcase nas accións de Estratexia de Cooperación Intelixente Transfronteiriza do proxecto SmartMinho, que conta cunha inversión de orzamento de 942.022,47 euros, cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.

Ningún comentario:

Publicar un comentario