21 de xuño de 2018

MONDARIZ

MONDARIZ REPARTE OS PRIMEIROS COMPOSTEIROS INDIVIDUAIS DO PLAN REVITALIZA   

· Persoal técnico de Deputación e Amigos da Terra realizará este venres unha reunión de formación para 90 veciños e veciñas da vilaque estrearán o programa de compostaxe nas súas casas  

· O Concello de Mondariz repartirá este venres os primeiroscomposteiros individuais do Plan Revitaliza da Deputación entre a veciñanza que rodea o núcleo urbano de Mondariz. 

Infogauda / Mondariz

 O Concello de Mondariz repartirá este venres os primeiros composteiros individuais do Plan Revitaliza da Deputación entre a veciñanza que rodea o núcleo urbano de Mondariz. Este reparto supón que o plan de compostaxe provincial estréase, ademais de no centro de compostaxe comunitaria (CCC) que hai na vila, tamén para a cidadanía que ten casa con horta e que vai tratar os seus biorresiduos ‘in situ’ en lugar de botalos no colector verde.  

 Para comezar o reparto realizarase unha reunión de formación o vindeiro venres, ás 10.30 horas da mañá, no auditorio do local social situado a carón da casa consistorial. Alí, os primeiros 90 veciños e veciñas aprenderán como compostarno seu domicilio e recibirán todos os elementos necesarios para facer compost: un composteiro individual (COIN) de 300 litros, un manual de compostaxe, un remexedor,  e un termómetro.   

 Na formación estarán presentes representantes do Concello, persoal técnico da Deputación (mestres e mestras composteiras) e da asociación Amigos da Terra, que  serán os encargados da explicación á veciñanza e do acompañamento técnico personalizado a domicilio durante un ano. A intención é explicar todo o proceso da dende que o lixo se deposita no composteiro ata que se produce o compost, e como este modelo de xestión fai que ademais se melloren as taxas de reciclaxe de outras fraccións.  

 A veciñanza está a ser convocada a este encontro mediante chamadas telefónicas do persoal da Deputación de Pontevedra. A intención é convocar progresivamente a toda a veciñanza do municipio por grupos e parroquias en locais sociais, de forma que a formación sexa personalizada e se estableza unha dinámica interactiva co persoal formador.  

 O Concello de Mondariz será un dos primeiros de Galiza en aplicar a compostaxe como modelo de xestión do lixo e cumprirá sobradamente coas futuras normativas que esixen que en 2020 se composte ou recolla o 100% dos biorresiduos de maneira separada. A Deputación concedeulle unha subvención ao abeiro do Plan Revitaliza que permitirá ao goberno local contar cun Plan de Residuos específico para o municipio e unha axuda económica de 306.030,10 euros, o que supón o case o 90% do orzamento solicitado para adquirir composteiros individuais, colectivos e materiais complementarios.  

 Grazas a esta subvención o Concello poderá repartir 1.200 composteiros individuais, módulos para instalar 15 centros de compostaxe comunitaria, un camión de caixa aberta con grúa, unha trituradora e crear 11 puntos verdes en cada parroquia e un punto verde central situado en A Lagoa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario