CORENTA TÉCNICAS E TÉCNICOS SURAMERICANOS INTERÉSANSE POR COÑECER A EXPERIENCIA DE COOPERACIÓN TRANSFRONTEIRIZA CON CERVEIRA
A ALCALDESA DE TOMIÑO RECIBIULLES NO CONCELLO, ONDE PUIDERON FALAR COAS VALEDORAS TRANSFRONTEIRIZAS
Corenta participantes dun seminario de políticas de desenvolvemento territorial, foron recibidos onte pola alcaldesa Sandra González, no Concello de Tomiño
Foto: C. T.
Infogauda / Tomiño
Corenta participantes dun seminario de políticas de desenvolvemento territorial, o Seminario CPS ESPON (Cross Border Public Services.1), organizado en Vigo pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia – Norte de Portugal, foron recibidos onte pola alcaldesa Sandra González, no Concello de Tomiño. A delegación, integrada por 30 representantes de Suramérica e de diferentes concellos, universidades e entidades galegas e portuguesas, acudiron interesados en coñecer a experiencia de cooperación transfronteiriza entre Tomiño e Cerveira.
Na ocasión tiveron a oportunidade de entrevistarase coas Valedoras da Cidadanía Transfronteiriza (Zara Pousa e Lurdes Cunha), e escoitar o relatorio das súas experiencias no tempo no que veñen desempeñando os seus postos. Comentaron que as consultas, que poden facerse de forma presencial (primeiros e terceiros mércores de mes, con cita previa) ou telemática, teñen que ver, até o momento, coa utilización da piscina municipal de Cerveira; o aeródromo de Cerveira, escola de música de Goián, garderías municipais ou visitas programadas, cos problemas de documentación e permisos que existen na actualidade entre os dous países, e que elas tentaran minorar. “Será unha das nosas grandes loitas conseguir que a fronteira se suavice neste aspecto”, afirmaron.
A alcaldesa, pola súa banda, salientou a riqueza cultural e diversidade dos pobos suramericanos, e aconselloules contar sempre coas persoas e non so coas institucións, á hora de traballar en tema de cooperación transfronteiriza. “O mundo cámbiase a nivel local, de abaixo para arriba e comezando polas pequenas cousas”, sinalou a rexedora.
Seguidamente, a delegación desprazouse ata Vila Nova de Cerveira, para visitar a piscina municipal e a exposición de proxectos sobre a futura ponte peonil.
Previamente, durante a mañá de onte, técnicos dos concellos de Tomiño e Cerveira participaron en Vigo, na Mesa redonda sobre “Cooperación Local para a prestación de servizos públicos municipais transfronteirizos”, presentando o relatorio “Amizade Cerveira-Tomiño: construíndo unha eurocidade participativa”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario