A Xunta de Galicia rehabilitará dúas antigas casas de mestres en Loureza, en Oia, cun investimento autonómico duns 75.000 euros, para destinalas a alugueiro das familias que máis o necesitan
O Goberno galego financiará o 90 % da rehabilitación destes inmobles para obter dous fogares de dous dormitorios que o Concello de Oia alugará ás familias con recursos limitados
Os inmobles van ser rehabilitados cun novo programa da Xunta que contempla axudas para que concellos de menos de 20.000 habitantes poidan restaurar antigas vivendas de mestres e outros oficios e acadar casas en alugueiro
Na convocatoria de 2017 concedéronse o 100% das axudas solicitadas, por un importe de 524.000 euros, e na de 2018 incrementouse a partida máis do 80%, ata chegar a case 1 millón de euros
Lévanse concedido axudas por importe de medio millón de euros que permitirán que 6 concellos poidan rehabilitar 14 vivendas e estanse a tramitar as solicitudes doutros 5 municipios
Infogauda / Loureza (Oia)
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda rehabilitará dúas antigas casas de mestres en Loureza, en Oia, cunha achega autonómica de case 75.000 euros, para destinalas a alugueiro das familias que máis o necesitan.
Unha vez executadas as actuacións, cun orzamento total de 100.000 euros, o Concello de Oia contará con dúas novas vivendas, de 2 dormitorios e arredor de 70 m², para alugalas ás familias con ingresos limitados.
Estes inmobles van ser rehabilitados a través dun novo programa do Executivo autonómico que contempla axudas para que concellos de menos de 20.000 habitantes poidan restaurar as antigas vivendas de mestres e outros oficios e obter fogares en alugueiro. O Goberno galego achega ata o 90% do custo das obras necesarias.
Esta liña de axudas ten un triplo obxectivo: social, pois dá facilidades de acceso á vivenda ás familias; de potenciación e desenvolvemento do rural; e económica e ambiental, xa que a rehabilitación é máis sostible que a construción de vivenda nova e xera máis emprego por euro investido.
Na convocatoria de 2017 concedéronse o 100% das axudas solicitadas e esgotouse o crédito correspondente á anualidade de 2018, por un importe de 524.000 euros. Debido ao grande interese que espertou a medida, na convocatoria de 2018 incrementouse a partida máis do 80%, ata chegar a case 1 millón de euros.
Ata o momento lévanse concedidas axudas por importe de medio millón de euros que permitirán que 6 concellos poidan rehabilitar 14 vivendas e destinalas ao alugueiro para familias con menos recursos. Ademais, a Xunta está a tramitar as solicitudes doutros 5 concellos e agarda que haxa máis municipios que se acollan a este programa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario