22 de xuño de 2018

PONTEVEDRA

AREEIRO ACONSELLA RENOVAR OS TRATAMENTOS CONTRA O MILDEU E O OIDIO  

O persoal técnico sinala que a climatoloxía tormentosa é un factor de risco moi elevado que favorece a rápida e continua aparición de síntomas  

Baias de 3 mm
Fotos: EFA

Infogauda / Pontevedra

 A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de aconsellar no seu aviso fitosanitario desta semana renovar as aplicacións contra o Mildeu e confirmar a súa eficacia. Así mesmo, insta a engadir un funxicida antioídio neses tratamentos para previr tamén a aparición do fungo.
   
Mildeu en acio e folla de planta tratada no Rosal

 Segundo explica o persoal técnico da EFA, nestes momentos nos que a grande maioría das viñas xa teñen os acios callados e incluso algúns con grans tamaño chícharo, detectáronse novos síntomas de Mildeu en viñas do Rosal e nunha do Condado, mais non nas do Salnés. Nas plantas testemuña e nas abandonadas que tamén son revisadas, a presenza de novos síntomas é xeneralizada, pois as follas presentan máis do 50% da súa superficie con manchas e xa a práctica totalidade de acios está afectado pola enfermidade.   

 Ante esta situación hai que destacar que a climatoloxía tormentosa que se prolongará nos vindeiros días é un factor de risco moi elevado que pode favorecer a rápida e continua aparición de síntomas, polo que hai necesidade de renovar as aplicacións -que algúns viticultores xa teñen feita- e confirmar uns días despois a súa eficacia.  

 En canto ao Oídio, nesta semana observáronse máis follas de albariño con síntomas incipientes, pero de momento ningún gran con presenza do fungo. Aínda así, a partir de agora e ata o peche do acio, as uvas entran no seu período de maior susceptibilidade ao patóxeno, e as condicións climáticas destes días tamén lle son favorables, polo que é necesario engadir un funxicida antioído cando se renove o tratamento fronte ao mildio.  

 No referido a outras patoloxías, é preciso manter a vixilancia, especialmente en variedades sensibles á botrite, e tamén sobre as larvas de trips ou da presencia de Altica. Non se teñen detectado síntomas de ácaros, black rot ou couzas do acio.   

 Maceira, kiwi e outras especies  

 Con respecto á maceira, é probable que o risco de moteadose incremente coas precipitacións, polo que hai que manter a vixilancia e protexer as plantas de variedades sensibles. No tocante ao Oídio é necesario manter un elevado nivel de alerta, xa que nesta época as diferentes especies que afectan aos distintos cultivos soen xerar problemas polas néboas.  

 En canto ás couzas, de momento non é preciso o tratamento e, sobre os pulgóns, é preciso comporbar se existen os parasitoides Aphelinus mali que regulan as súas poboacións antes de dar ningún tratamento.   

 Sobre o kiwi, o persoal de Areeiro sinala que está na fase de crecemento do froito e, aínda que non hai moitos síntomas de bacterioses nas fincas haberá que prestar atención á evolución e tratar se realmente hai precipitacións neste período.  

 Finalmente, en canto ao buxo, nesta semana atopouse un novo adulto de bolboreta nunha sebe da finca de Areeiro e tamén outro nunha planta da comarca do Condado. “Tamén estamos a observar unha maior presencia de placas de ovos -que son difíciles de ver- aínda que de momento non vimos as primeiras eirugas”, explican os técnicos.  

 Por outra banda, dende a EFA sinalan que a estas alturas do ano, en xeral xa é tarde para actuar fronte á avespa do castiñeiro. Ademais, a Consellería do Medio Rural xa realizou as soltas do parasitoide Torymussinensis autorizadas para este ano polo Ministerio.  

 Véñense de detectar en parques e sebes de moitas zonas da provincia unha presenza importante de síntomas de oídio. Aconséllase aplicar un tratamento cun funxicida autorizado para reducir o dano estético que supón esta patoloxía, pois poden chegar a secar as follas afectadas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario