9 de xuño de 2018

TUI

A Xunta de Galicia asesorou esta semana a máis de 30 familias afectadas pola explosión pirotécnica de Tui sobre as axudas en materia de vivenda 

O Goberno galego xa está a rexistrar as primeiras solicitudes destas axudas convocadas o xoves, cun orzamento de máis de 7,5 millóns de euros para a reparación dos danos causados nas vivendas e no seu enxoval doméstico 

A orde inclúe axudas directas de ata 125.000 euros para a reconstrución das vivendas, nese lugar ou noutro  

Tamén existen axudas dirixidas ao aloxamento provisional das persoas que teñen que abandonar temporalmente o fogar, con 450 euros mensuais durante dous anos e 600 euros adicionais para a formalización dun contrato ou a fianza  

Técnicos do Instituto Galego da Vivenda e Solo, xunto cos profesionais da empresa de peritaxe posta á disposición polo Goberno galego, xa realizaron expedientes de valoración de danos sobre 44 parcelas

Infogauda / Tui

 A Xunta de Galicia asesorou esta semana a máis de 30 familias afectadas pola explosión pirotécnica de Tui sobre as axudas activadas en materia de vivenda.  

 O Goberno galego publicou este xoves no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria destas axudas destinadas ao realoxo e á reparación dos danos causados nas vivendas e no seu enxoval doméstico, cun orzamento autonómico de máis de 7,5 millóns de euros.  

 O Executivo autonómico xa está a rexistrar as primeiras solicitudes destas subvencións. A orde inclúe axudas directas de ata os 125.000 euros para a reconstrución das vivendas, nese lugar ou noutro, e outras para a rehabilitación de inmobles.  

 Ademais existen axudas dirixidas ao alugueiro dunha vivenda para o aloxamento provisional das persoas que teñan que abandonar temporalmente os seus fogares, con 450 euros mensuais durante dous anos e 600 euros adicionais para a formalización dun contrato, a fianza ou a alta en subministracións.  

 Na actualidade, técnicos do Instituto Galego da Vivenda e Solo están asesorando en Tui aos afectados sobre estas axudas da Xunta. Ademais, xunto cos profesionais da empresa de peritaxe posta á disposición polo Goberno galego, xa realizaron expedientes de valoración de danos sobre 44 parcelas.  

 Estes profesionais están a axilizar as valoracións do estado das vivendas co obxectivo de facilitar que as persoas afectadas poidan volver ás súas casas canto antes. Neste sentido, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda tamén se reuniu con empresas construtoras da comarca para garantirlles o cobro dos traballos e pedirlles a máxima implicación e axilidade.  

 A Xunta reitera que cómpre articular un sistema de axudas entre todas as Administracións implicadas, non só a autonómica, senón que a provincial e o Estado deben tamén prestar axuda económica aos cidadáns tudenses.

Ningún comentario:

Publicar un comentario