4 de xuño de 2018

A GUARDA

A Guarda homenaxea ós seus remeiros de hai medio século

O sábado día 9 de xuño, ás 17:00 h., no porto de A Guarda



Informan (fotografías e redacción): Xuntas Directivas de Robaleira e Piueiro / A Guarda


 A Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais “Piueiro” e o clube de remo “Robaleira” organizan o próximo sábado 9 de xuño ás 17:00 horas no porto de A Guarda, unha regata de homenaxe ós remeiros aficionados, pescadores todos eles, que entre os anos 40 e 70 do pasado século popularizaron o deporte do remo na vila do Baixo Miño.

 A xornada de lembranza consistirá, no deportivo, nunha regata contrarreloxo de traineras na que tomarán parte clubes senlleiros do remo actual na Ría de Vigo, coma son o propio Robaleira, Chapela, Meira e Tirán, e outros doutras rías coma Bueu, Ares e Rianxo, que xa teñen confirmado, e posiblemente outras que queren sumarse a este acto.

 Os remeiros de hoxe renden así homenaxe ós seus devanceiros, neste caso ós pescadores que hai máis de medio século popularizaron en A Guarda un deporte nado da propia práctica da pesca. Daquela, os pescadores organizábanse en botes de seis remeiros e un timonel –semellantes ás actuais traiñeiriñas- baixo o nome dunha taberna ou dunha tenda da vila e competían entre elas co gallo da celebración das festas do Carme. As diferentes embarcacións respondían a nomes coma Jaula, Morales, Barquiño ou Mau Mau, que son as máis antigas das que se ten memoria e que terían continuidade noutras coma Chupa Ovos, A Revoltosa ou Alpiste.

 Neses intres, o porto de A Guarda enchíase de público para seguir o enfrontamento final entre dous botes e cóntase que os gañadores pasaban despois longas xornadas de celebración ás que se unían, en ocasións, os perdedores.
Foto A: Tonio Breva, Barrista, Binitola, Negrin, Jesús, Chuicho, Cagi e D. Ramón. 
Foto B: -----, Alemán, Colombo, -----
Abaixo: Octavio, Escarabajo, Pipano, Joaquín, Simó (1)

 Piueiro ven de realizar unha labor de pescuda nos últimos meses para identificar, coa axuda de antigos participantes nas devanditas regatas, a tódolos remeiros posibles. Todos eles, os que aínda viven en persoa e os que non a través dos seus familiares, serán homenaxeados na xornada do 9 de xuño, recibindo unha peza de cerámica diseñada polos membros da asociación Avelaiña -adicada á axuda ás persoas con enfermedades mentais- e un libro fotográfico con imaxes de regatas do pasado, que serviron de base para atopar ós remeiros.

 O acto, no que se espera a presenza de diversas autoridades, será conducido polo xornalista da Televisión de Galicia Terio Carrera. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario