15 de xuño de 2018

A GUARDA

A Guarda, un dos municipios con maior taxa de doazóns de sangue de Galicia  

· O concello encabeza ás doazóns en Pontevedra, cun rexistro de 82 doazóns por cada 1.000 habitantes en 2017.  

O alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba Baz, e a concelleira de Sanidade, Mª Teresa Vicente Baz, logo de recoller o galardón polo Día Mundial dos Doadores de Sangue, no que a Axencia de Doazón de órganos e Sangue (ADOS) recoñeceu á Guarda como o concello con maior taxa de doazóns da provincia de Pontevedra. 
Fotos: C. A. G.

Sara Alonso / A Guarda

 O alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba Baz, e a concelleira de Sanidade, Mª Teresa Vicente Baz, asistiron na tarde de onte ao acto de entrega de galardóns polo Día Mundial dos Doadores de Sangue, no que a Axencia de Doazón de órganos e Sangue (ADOS) recoñeceu á Guarda como o concello con maior taxa de doazóns da provincia de Pontevedra.  

 Durante o acto, celebrado na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, agradeceuse o labor dos doadores e doadoras e púxose en valor o seu carácter solidario, grazas ao cal Galicia mantense dende hai 18 anos consecutivos dentro dos índices recomendados pola OMS e por riba da media de doazón estatal.  

O alcalde de A Guarda, xunto cos representantes dos demais concellos que tamén foron galardoados 

 Segundo informou a directora da axencia, Marisa López, na Guarda rexistráronse 82 doazóns por cada 1.000 habitantes en 2017, o que a converte nunha das localidades galegas con maior taxa de doazón. Xunto á Guarda, foron galardoados Padrón, o concello que encabeza as doazóns na provincia da Coruña e a nivel autonómico cunha taxa de 105/1.000; A Pobra de Trives, coa maior participación en Ourense (69/1.000); e o concello de Meira, coa maior taxa de doazón da provincia de Lugo (49/1.000).   

 Neste senso, o Concello da Guarda desexa agradecer publicamente a solidariedade de todos os veciños e veciñas da Guarda que con regularidade participan nas campañas de doazón altruísta, toda vez que eles son os verdadeiros protagonistas do recoñecemento recibido.   

 As doazóns en Galicia 

 Este ano cúmprense 25 anos dende o inicio das campañas de doazón de sangue altruísta en unidades móbiles en Galicia, o que permitiu -segundo ADOS- pasar de ocupar o derradeiro posto en índice de doazón a situarse entre as comunidades máis solidarias a nivel estatal. Durante 2017, rexistráronse en Galicia 108.656 doazóns de sangue. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario