1 de maio de 2018

MOVEMENTOS SOCIAIS

A CIG sinala o vindeiro 19 de xuño como data para convocar a folga xeral 

O secretario xeral, Paulo Carril, anunciouno ao remate da marcha central do 1º de Maio en Vigo

Milleiros de persoas saíron de novo ás rúas de Galiza este martes convocadas pola CIG para conmemorar o 1º de Maio
Fotos: CIG

Infogauda / Vigo

 A Confederación Intersindical Galega baralla o martes 19 de xuño como posíbel data para convocar unha folga xeral, a expensas de que o resto de sindicatos decidan sumarse á iniciativa e opten por propoñer unha data alternativa. O anuncio foi feito hoxe polo secretario xeral da central nacionalista, Paulo Carril, ao remate da manifestación do Primeiro de Maio en Vigo, que un ano máis volveu ser a máis numerosa de cantas se celebraron por todo o país.


 Milleiros de persoas saíron de novo ás rúas de Galiza este martes convocadas pola CIG para conmemorar o 1º de Maio, Día Internacional da Clase Obreira. En total foron 13 as mobilizacións que a central sindical levou a cabo nas principais cidades e vilas baixo o lema 'Pola recuperación dos dereitos, contra a pobreza e a precariedade e por empregos, salarios e pensións dignas'. Un ano máis, a CIG celebrou a súa manifestación central en Vigo, que foi novamente a máis numerosa de cantas se celebraron en todo o país.

 Ao remate da marcha, o secretario xeral, Paulo Carril, anunciou que a central sindical baralla o martes 19 de xuño como data para convocar unha folga xeral, aínda que abriu a porta a consensuar outro día no caso de que o resto de sindicatos se sumen á iniciativa e opten por propoñer unha data alternativa. Así, adiantou que nos próximos días presentarase o preaviso de folga, “agardando que todos os sindicatos estean á altura das circunstancias nun momento no que temos que dar unha resposta conxunta e contundente na defensa dos nosos dereitos e dun futuro digno para a clase traballadora”. 

Carril aposta por unha convocatoria que obrigue o PP a retroceder nas súas políticas antisociais, antigalegas e antiobreiras 

 Durante a súa intervención Carril incidiu nas principais problemáticas que padece a clase traballadora como consecuencia da falsa recuperación económica e das políticas que aplican os Gobernos central e autonómico e debullou os principais argumentos que a CIG manexa para xustificar a necesidade dunha convocatoria “que obrigue o PP a retroceder nas súas posicións antisociais, antigalegas e antiobreiras”. 


 O máximo responsábel da CIG lembrou que a central fai este chamamento de folga xeral “porque estamos convencidos/as de que estas políticas podémolas cambiar, debémolas cambiar, e porque temos moi presente que os dereitos non se regalan, non se compran, nin veñen do pacto social: os dereitos conquístanse coa loita e a mobilización; e é a loita da clase traballadora e do pobo galego a vía fundamental para a defensa e conquista de dereitos, para alcanzar políticas alternativas coas que na Galiza teñamos emprego, salarios e pensións dignas”.

Emerxencia nacional e social  

 Incidiu en que neste ano 2018 existen aínda máis razóns para mobilizarse “porque estamos fartos/as de escoitar a diario esa constante propaganda sobre a recuperación económica, cando en realidade atopámonos ante unha gran mentira, xa que todos os indicadores públicos e oficiais evidencian un empobrecemento xeneralizado da poboación mentres as rendas do capital, as empresas, aumentan os seus beneficios a ritmos frenéticos”.  

 Como consecuencia, a realidade é que vivimos tempos de emerxencia nacional e social: aumentan as desigualdades, os salarios son máis baixos e as pensións non garanten un mínimo poder adquisitivo. “Até o punto de que hoxe en día ter un traballo ou unha pensión non permite vivir en condicións dignas”. Medra o emprego precario, avanza a pobreza laboral, os contratos de traballo en condicións escravizantes; instálanse novas formas de explotación laboral, con cadeas interminábeis de subcontratación, coas ETT, coas empresas multiservizos, coa imposición dos falsos/as autónomos/as”.  


 Cada día son máis as persoas que estando no desemprego non perciben unha prestación, non teñen ningún tipo de ingreso. De feito, máis do 50% dos desempregados/as que hai na Galiza non cobra ningunha percepción económica. “Corremos o perigo da consolidación dunha situación social sen saída, á que se lle suma o imparábel avellentamento da poboación, unha emigración interminábel e a destrución dos nosos sectores produtivos e do tecido industrial”.

Seguen a sobrar razóns  

 Reiterou que seguen a sobrar razóns para convocar unha folga xeral, como por exemplo para que o PP non siga facendo “ouvidos xordos” ao clamor social que demanda pensións dignas, pero tamén como a mellor defensa ante a próxima reforma das pensións que están a preparar no chamado Pacto de Toledo. “Mentres non consigamos que se deroguen as reformas das pensións do 2011 e do 2013 seguirá o roubo ás nosas pensións”.  


 Para facerlle fronte á patronal, para parar os seus abusos como consecuencia directa da reforma laboral do Goberno do PP. “Desmantelan a negociación colectiva, individualizan as relacións laborais, paralizan a negociación dos convenios, atacan as nosas condicións laborais e salariais e impoñen convenios e acordos marcos estatais que non dan cabida ás nosas necesidades”.  

 Para frear as políticas do PP que fai os ricos mais ricos e os pobres máis pobres. “De feito, vemos como nos orzamentos do Estado están a preparar un novo recorte do sistema de protección por desemprego, unificando as prestacións asistenciais, que sendo competencia das comunidades autónomas pretenden reformar por decreto desde Madrid para recortar o tempo e as contías do subsidio de desemprego”.  

 Como resposta aos recortes sociais e á privatización dos servizos públicos, convertidos polo PP nunha oportunidade de negocio para o capital, mentres medran os sectores sociais desatendidos e sen ningún tipo de cobertura social. “Para que non nos rouben o sistema educativo e sanitario público galego, para que o ensino e a sanidade sigan sendo galegas, públicas, universais, gratuítas e de calidade: derrogación da LOMCE e da reforma da Lei Galega da Saúde”.

Moción de censura da clase traballadora  

 Contra o retroceso nas liberdades democráticas e nos dereitos fundamentais a través da Lei Mordaza, da última reforma do Código Penal, que se está a manifestar coa brutal represión contra traballadores/as que se atopan en risco de entrar en prisión por exercer o dereito á folga. 

 Porque a folga do 8-M non pode quedar como un episodio perdido no tempo, como a loita dun día que non supoña avances reais nos dereitos das mulleres. “A arrepiante sentenza da Audiencia de Nafarroa é un brutal golpe aos dereitos das mulleres e confirma que o sistema xudicial español ampara a violencia patriarcal”.  

 Como demostración da solidariedade de clase para romper esa dupla realidade que hai dentro da clase traballadora entre explotados/as e sobre-explotados/as e que as reformas laborais están a impoñer. “Temos a obriga de responder así ao perigo de que a precariedade se faga imparábel”.  

 En definitiva, porque a folga xeral é a moción de censura da clase traballadora a esta políticas, “a que nós podemos facer e que outros/as non fan a estes Gobernos, á corrupción do PP, á podremia dun réxime do 78 que pretenden manter a calquera custe sen importarlles as consecuencias”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario