1 de maio de 2018

VAL MIÑOR

A DEPUTACIÓN INICIA MAÑÁ A MELLORA DA ESTRADA DE CHAÍN-MORGADÁNS EN GONDOMAR  

O deputado de Mobilidade Uxío Benítezexplica que os traballos, de 406.303 euros de orzamento, teñen tres meses de prazo de execución  

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez Fernández - a esquerda de imaxe - anunciou que a empresa Nexia Infraestruturas será a responsable dos traballos e ten un prazo de execución de tres meses
Foto: D. P.

Infogauda / Val Miñor

 O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra iniciará este mércores día 2 de maio, as obras de mellora da estrada de Chaín-Morgadáns en Gondomar, cun investimento de máis de 406.303 euros. O deputado de Mobilidade Uxío Benítez Fernández anunciou que a empresa Nexia Infraestruturas será a responsable dos traballos e ten un prazo de execución de tres meses, polo que a vía poderá estar renovada no verán se a climatoloxía non o impide.   

 De feito, segundo indicou Benítez, o inicio dos traballos de mellora estaba previsto para principios de ano, pero as continuas chuvias fixeron que se anulase o cronograma de actuación e se adiase o inicio.   

 A mellora da estrada Chaín-Morgadáns foi anunciada o pasado mes de xuño, hai case un ano, tras acordo co alcalde. A actuación na EP-2302consiste principalmente nunha rehabilitación estrutural do firme -que está bastante deteriorado- co fin de mellorar a seguranza viaria da estrada. Así, fresaranse os 3,25 quilómetros de lonxitude da vía para despois aplicar unha nova capa de rodadura. Como complemento, tamén se instalarán medidas de calmado do tráfico: seis pasos de peóns sobreelevados (PPS ou máis coñecidos como ‘lombos’) e nova sinalización horizontal e vertical.   

 As obras que iniciarán este mércores, subliñou Benítez, completan  o convenio asinado entre o anterior goberno provincial e o concello polo que se realizaron no seu momento as últimas obras na vía. Nese acordo só se recollía a construción dunha senda peonil –da que quedaron sen facer máis de 600 metros por falta de terreos-. O propio Concello recoñeceu que as beirarrúas construídas incumprían os criterios e características para os itinerarios peonís da nova Deputación, polo que descartou continualas e solicitou a mellora do firme da calzada. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario