21 de maio de 2018

MADRID

A última publicación da poeta coruñesa, unha aposta de Ars Poética, é unha selección de poemas xa incluídos en libros anteriores, completada con cinco inéditos 

O LIBRO “HABLO DE LA INSISTENCIA DE LOS OJOS” DE PEPA NIETO PRESENTOUSE ESTA TARDE NA DELEGACIÓN DA XUNTA EN MADRID 

 Pepa Nieto co seu libro
Fotos: Casa de Galicia

Infogauda / Madrid

 Máis de medio centenar de persoas acudiron a Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia esta tarde a presentación de “Hablo de la insistencia de los ojos”, última publicación da poeta e artista coruñesa  Pepa Nieto, editada por  Ars Poética, e que inclúe unha selección de poemas recollidos en libros anteriores, xunto con cinco inéditos. 

 No acto, cuxa presentación correu a cargo do coordinador de Actividades da Casa de Galicia, Ramón Jiménez, -quen o fixo en nome do delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega-, interviñeron o director de  Ars Poética,  Ilia Galán; o escritor e poeta Miguel Losada; e a propia autora,  Pepa Nieto. 

 Jiménez lembrou que a autora é natural de Outes, provincia da Coruña, e que se trata de “unha artista que se expresa coas palabras, unha escultora de exquisita sensibilidade que o fai tamén cos volumes e as formas, como demostrou na exposición que ofreceu nesta Casa hai un tempo. É ademais un nome de referencia na vida cultural madrileña, á que vén achegando desde hai anos o faladoiro “Arco Poético”, polo que pasaron excelentes voces”. 

Máis de medio centenar de persoas acudiron a Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia esta tarde a presentación de “Hablo de la insistencia de los ojos”

 Para o poeta, filósofo e director da editorial Ars Poética, Ilia Galán, a poesía de  Pepa Nieto “desgarra o intelecto con metáforas tremendas e sutís imaxes que mostran xunto a un mundo de denuncia, o máis tenro, o desexo, a procura dun sentido no universo”. O libro que presentamos hoxe é “brillante, rotundo, e recolle algunhas xoias dunha traxectoria poética que insiste en cravarse, como unha frecha, no máis profundo do humano mundo”, dixo. 

 Para o escritor e poeta Miguel Losada, -responsable da Cátedra de Estudos Galegos do Ateneo de Madrid, onde dirixiu a súa Biblioteca, preside a sección de cinema e coordina ciclos culturais así como a aula de cinema da Asociación de Escritores e Artistas Españois-, “sempre podemos tirar ao Norte, alí onde se alberga o recordo do mundo  primigenio, da terra natal da nosa autora”, e subliñou que a presenza do mar, é unha constante na obra de  Pepa. “Sempre o mar, un mar no que ela se recoñece e ao que ansía volver, pois nel habitan todas as cidades”. Resaltou ademais que “non nos atopamos ante algo concreto. Non se mostra aquí un debuxo do mar, das paisaxes... É o mar esencial, o mar que penetra os corpos, na linguaxe azul dos que aman”. 

 Pola súa banda,  Pepa Nieto explicou que a publicación deste itinerario poético, supuxo para ela unha gran sorpresa. A editorial  Ars Poética pediulle un libro, e aínda que  tiña un poemario especial que estaba practicamente rematando, optou por non entregalo, “por agora”, a ningunha editorial. Foi entón cando xurdiu a idea de “rescatar poemas” de cada un dos seus libros publicados con anterioridade e formar con eles esta antoloxía que completou con cinco creacións inéditas. É por iso que o seu proxecto máis inmediato e desexado é, precisamente, traducilo ao galego e realizar unha edición  bilingue desta antoloxía. “É un dos meus proxectos máis desexados, e que máis me ilusiona. O que unha boa parte da miña obra sexa bilingüe, en galego”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario