21 de maio de 2018

CALDELAS DE TUI

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA ADXUDICA POR 435.309,13 € AS OBRAS PARA MELLORAR DÚAS ESTRADAS PROVINCIAIS EN CALDELAS DE TUI 

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que os traballos, que teñen un prazo de execución de seis meses, comezarán de inmediato A actuación será realizada pola empresa ‘Arines, Obras y Proyectos SL’  

Esta obra fora solicitada ao deputado de Mobilidade Uxío Benítez na primeira entrevista mantida co anterior alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro.
Foto: D. P.


Infogauda / Caldelas de Tui

 A Deputación de Pontevedra aprobou hoxe a adxudicación por 435.309,13 euros das obras para a mellora integral de mobilidade sostible nas estradas provinciais EP-3004 e EP-2505 situadas na parroquia de Baños de Caldelas, no Concello de Tui. Segundo explicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, os traballos teñen un prazo de execución de seis meses e comezarán de inmediato por parte da empresa ‘Arines, Obras y Proyectos SL’.  

 Segundo explicou Benítez, antes do inicio a empresa terá que presentar diversa documentación e a acta de replantexamento dos traballos, polo que se non hai complicacións administrativas e a climatoloxía o permite, a mellora da zona poderá ser unha realidade a finais deste ano.   

 Esta obra fora solicitada ao deputado de Mobilidade Uxío Benítez na primeira entrevista mantida co anterior alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro. A partir da solicitude, o departamento provincial realizou os traballos técnicos necesarios para redactar o proxecto, coa finalidade de habilitar unha zona de tránsito peonil segura que dese servizo á veciñanza da zona ante o alto tránsito de vehículos. Finalmente, asinouse un convenio de colaboración en xullo do ano pasado entre a Deputación e o Concello e púxose en marcha o procedemento de contratación. Interesáronse por executar as obras doce empresas das que dúas foron excluídas por estimar que as ofertas presentadas non se podían cumprir.  

 Segundo explica Benítez, a actuación consiste na construción dunha senda de 2,4 quilómetros de lonxitude e 2,5 metros de largo, aproveitando a sección actual da vía e ampliando a plataforma en lugares puntuais. Mellorarase a intersección entre as dúas estradas EP-2505 e EP-3004 (que conflúen en forma de V na zona do antigo Cuartel da Garda Civil) coa instalación dunha glorieta, e redeseñarase o espazo existente xunto a igrexa de San Martiño cunha nova pavimentación especial. 

 Tamén haberá dispositivos de calmado de tráfico, como en todos os proxectos do departamento de Mobilidade: instalaranse dez pasos de peóns sobreelevados, así como seis redutores físicos de velocidade que obrigarán aos condutores a circular máis amodo creando para toda a vía unha limitación máxima de velocidade de 30 quilómetros por hora.

Ningún comentario:

Publicar un comentario