A DELEGACIÓN DA XUNTA/CASA DE GALICIA
CELEBRA O DÍA DAS LETRAS GALEGAS COA PROXECCIÓN DO DOCUMENTAL “REIVINDICANDO A
MARÍA VITORIA MORENO”
O delegado da Xunta, José Ramón Ónega, e Melodi Parga, na presentación do documental
Fotos: Casa de Galicia
Infogauda / Madrid
A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia celebrou hoxe o Día
das Letras Galegas coa proxección do documental “Reivindicando a María Victoria
Moreno”, escritora a quen lle está dedicada a conmemoración este ano. O
documental foi producido por Millo Filmes e TVG e antes da súa proxección foi
presentado polo delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega, e pola
licenciada en Historia da arte Melodi Parga Otero, membro do equipo da
produtora, quen tamén respondeu a preguntas que se lle expuxeron por parte do
público no coloquio posterior. Acompañou á proxección do documental unha
exposición de dez paneis informativos sobre a vida e obra de María Victoria
Moreno elaborados pola Xunta de Galicia.
O documental presenta á figura de María
Victoria Moreno a través das voces de quen a coñeceu e a incorporación de
materiais de arquivo, desde programas de televisión a fotos persoais, que
presentan unha vida dedicada á docencia e a literatura galega, a creación de
novos lectores e tamén de novos escritores.
O público seguiu con atención as explicacions que ofreceron o delegado da Xunta, José Ramón Ónega, e Melodi Parga
Ónega lembrou que “a razón de que o Día das
Letras Galegas sexa o 17 de maio débese a que nesa data de 1863 publicouse, en
Vigo, o primeiro exemplar da obra ´Cantares gallegos´, de Rosalía de Castro,
que marcaría o inicio do ´ Rexurdimento´ ou renacemento cultural do galego.
Esta celebración do 17 de maio foi instituida en 1963 pola Real Academia Galega
para homenaxear a aquelas persoas que destacasen pola súa creación literaria en
idioma galego ou polo seu defensa da citada lingua”.
“María Victoria Moreno, naceu en Valencia de
Alcántara (Cáceres), en 1939, filla dunha malagueña e un toledano. Fixo o
bacharelato en Barcelona e licenciouse en Filoloxía Románica pola Universidade
de Madrid. Tras dous anos en Lugo e unha tempada en Vilalonga (Sanxenxo), chegou
a Pontevedra en 1963, onde foi profesora e logo catedrática no IES (Instituto
de Educación Secundaria) Vale-Inclán e no IES Gonzalo Torrente Ballester.
Participou activamente na vida cultural e política de Pontevedra. A súa
fascinación desde moi nova por Galicia e pola súa lingua provocaron nela unha
entrega absoluta á defensa e promoción do galego”, sinalou, resaltando que é
“autora de importantes relatos infantís e xuvenís, como ´Anagnórise´, ´Mar
adiante ou guedellas de seda e liño´”.
“Contribuíu -en palabras de Marilar Aleixandre
e Fina Casalderrey-, xunto a outros autores e autoras da súa xeración, a situar
a literatura infantil e xuvenil galega nun lugar digno; a poñer en valor o uso
da lingua galega, falándoa e escribíndoa ben, a meterse na pel dos personaxes e
gozar coa literatura, coa beleza das palabras”, sinalou o delegado da Xunta.
Parga referiuse ao documental, ás súas
características e responsables técnicos, e explicou que entre quen participa
nel están os familiares máis directos de María Victoria Moreno, como o seu
viúvo, Pedro Ferriol, e a súa filla Begoña Llácer Moreno, ademais de amigos moi
próximos, biógrafos e expertos como Xavier Senín, Fina Casalderrey, Os Titos,
Isabel Soto, Marilar Aleixandre, Francisco Castro, Montse Pena Presas, David
Otero ou Antonio García Teijeiro, así como exalumnas e compañeiras de traballo
no IES Torrente Ballester.
“O noso obxectivo fundamental era elaborar un
documental didáctico destinado á cidadanía en xeral, no que as voces dos
participantes ofrecesen información concreta sobre María Vitoria. Este material
está complementado con material de arquivo no que podemos vela na pantalla,
rescatar a súa imaxe, conectar coa persoa e entender así mellor a súa
psicoloxía e a súa vida dedicada á docencia e a literatura galega”, explicou.
Lembrou así mesmo que Millo Filmes “é unha produtora galega que naceu fai oito
anos, desde entón una das súas actividades máis importantes foi a realización
de documentais sobre os autores aos que se lles dedicou o Día das Letras
Galegas”.
Ficha técnica do documental “Reivindicando a
María Vitoria Moreno”
Documental / 2018/ 35 min / HD I TVG e Millo
Filmes / Guión, dirección, produción e montaxe: Gonzalo E. Veloso / Produción
executiva: Gonzalo E. Veloso, Fran Naveira e Santiago Teijelo Vázquez /
Produción asociada: Editorial Galaxia / Son directo: Fran Naveira / Fotografa e
etalonaxe: Santago Teijelo Vázquez / Postprodución de son: Manuel Rega /
Documentación: Melodi Parga Otero / Asesoría legal e administración: Sandra
Expósito García.
Ningún comentario:
Publicar un comentario