12 de maio de 2018

GOIÁN

LIBROS Á RÚA 

NOVA INICIATIVA DO CLUBE DE LECTURA "CHOCOLATE CON LIBROS"

Unha das “bibliocasiñas” xa instaladas na entrada principal do CEIP Antonio Fernández

Clube de lectura “Chocolate con libros” / Goián

 O clube de lectura “Chocolate con libros” de Goián, vai poñer en marcha unha actividade de fomento da lectura en galego, pioneiro na zona do Baixo Miño, coincidindo co Día das Letras Galegas.

 Esta iniciativa, que xa funciona noutros lugares, consiste en liberar varios exemplares de libros que van estar “custodiados”  nunhas dependencias moi especiais: unhas xeitosas “bibliocasiñas” de madeira colocadas estratéxicamente na praza Pintor Antonio Fernández de Goián. Concretamente serán dúas as “bibliocasas” instaladas, unha na entrada principal do CEIP Antonio Fernández e outra ao carón da Aula-Museo de Antonio Fernández. 

 Os libros son/serán/foron depositados nas bibliocasas para poder disfrutar da lectura, dun xeito totalmente gratuito, pero hai unhas pequenas normas que se deberán cumprir, expostas nas mesmas bibliocasas.

 O sistema vai funcionar como unha biblioteca onde cada un poderá coller prestado un libro que deberá devolver, en boas condicións, cando remate de lelo, e así o poidan disfrutar o maior número de persoas posible.

 Poderemos atopar diferentes xéneros literarios para todas as idades: dende infantil, xuvenil, narrativa actual, teatro, poesía... De todos os xeitos, intentarase incrementar o fondo bibliografíco gradualmente.

 O clube de lectura “Chocolate con libros” naceu hai 7 anos xa, cando un grupo de profes e nais do CEIP Antonio Fernández, de Goián, decidiron xuntarse para falar de literatura os últimos xoves de mes. Entre as actividades que levan feito, destacamos a campaña “Libros por alimentos” Que realizaron o pasado nadal, así como distintas tertulias/coloquios con autores do panorama literario galego actual.

 Dende o club pensamos que a literatura e a cultura, en xeral, non deben estar restrinxidas a espazos pechados e inaccesibles, senón todo o contrario. Por iso nace esta iniciativa, e desexamos que sexa todo un éxito en Goián e ao mesmo tempo se espalle por toda a bisbarra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario