CULTURA
ALBERTO ROMERO RODRÍGUEZ (ROMER), PRESENTOU "ALOIANOS", SEU NOVO LIBRO INSPIRADO NO MONTE ALOIA
· O acto contou coa participación do académico Xosé Luis Méndez Ferrin e con unha importante asistencia de veciños e amigos do autor
O académico, escritor, xornalista,..., Xosé Luis Méndez Ferrín - a der. da imaxe - na presentación de "ALOIANOS", en presenza de Alberto Romero Rodríguez - a esq. da imaxe - e de José Ángel Fonte Moldes, director da Radio Municipal de Tui
Fotos: Infogauda
Fotos: Infogauda
Ricardo Rodríguez Vicente / Randufe
Logo de varios anos de investigación e redacción, Alberto Romero Rodríguez (Romer), destacado activista cultural multidisciplinar tudense, presentou seu novo libro que leva por título "ALOIANOS", non en balde está inspirado no monte Aloia e nas xentes da súa contorna.
O acto de presentación, que tivo lugar o pasado sábado día 5 de maio, ás 5 da tarde, na A. C. D. Xuntanza, de Randufe (Tui), contou coa participación do académico, escritor e xornalista, Xosé Luis Méndez Ferrín; do director da Radio Municipal de Tui, José Ángel Font Moldes, que foi o conductor do evento; e por suposto, do escritor Alberto Romero Rodríguez (Romer).
Así estivo o salón de actos da A.C.D. Xuntanza, de Randufe, no acto de presentación do libro de Alberto Romero Rodríguez
Tamén asistiron o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín; e Xavier Groba, secretario do Clube Espeleolóxico Maúxo, do cal tamén é membro Alberto Romero Rodríguez; e máis de duascentas persoas, concelleiros, veciños e amigos do autor, procedentes de varias parroquias tudenses e doutros concellos do Baixo Miño, que deixaron tódalas súas tarefas persoais para arroupar a Alberto Romero (Romer), actor, escultor, escritor, etnógrafo, guionista, músico popular, muiñeiro,..., nesa grata tarde cultural.
Logo dunhas verbas de benvida, a cárrego de José A. Font, subiu o escenario a cantautora María José Baz Martínez, de A Guarda, para interpretar un tema músical en galego, coa compaña da súa guitarra. Posteriormente, no penúltimo tramo do acto, outros dous temas máis en castelán, xunto coa súa curmá Cami.
Deseguido corresponderíalle o turno de palabra o escritor, académico, xornalista,..., Xosé Luis Méndez Ferrín - autor do prólogo de "ALOIANOS", que coa súa habitual mestría comezou súa amena intervención explicando a orixe do topónimo Randufe, para continuar evocando a chegada a Tui, polo río Miño, dunha flota de drakkar normandos, capitaneados por Olaf Haraldsson.
Méndez Ferrín referiuse tamén á posible ubicación - entre outras - do Monte Medulio, no Aloia, e salientou o mérito de Alberto Romero - que xa sacara á luz a monografía Dende o Monte Aloia - por ocuparse da Natureza, mitos, animalia, memoria etnográfica e social, e por salientar a figura de Rafael Ares Vidal, impulsor do Parque Natural do monte Aloia.
En nome do Clube Espeleolóxico Maúxo, Xavier Groba salientou que esta entidade achegou para este libro a súa colaboración na investigación do traballo sobor da toponimia do Aloia, e redactou un dos capítulos do libro no que se divulgan algunhas das covas - A Pedra da Moura do Cotarel, A Cama de Pedro, O Niño do Bufo e As Covas da Trapa - deste enclave granítico.
A continuación, de xeito moi breve, o alcalde de Tui, felicitou a Alberto Romero, por esta nova publicación da súa autoría.
Con unha portada e contraportada, a partires dunha fotografía de Luis Dorado Senra, e 231 páxinas, moitas delas ilustradas con fotografías a toda cor, e tamén con imaxes en b/n, e debuxos; o libro recolle historias inéditas ata agora, conservadas ó longo de moitas xeracions, na tradición oral de algúns dos veciños de máis idade da contorna do monte Aloia, e outras moitas novas peneiradas por Romer o longo de moitos anos de investigación.
Contos como o de Silvana, refráns, ditos, costumes,…, historias fantásticas unhas, e reais outras, que corrían o risco de perderse de non quedar recollidas nesta publicación, xa que estaban no camiño sen retorno do esquecemento, tradicións, usos e costumes antigas (como os xogos infantís de antano, os traballos no agro e no monte….), dan corpo a un libro que o propio Méndez Ferrin cualificou de "enciclopédico".
Nesta nova achega de Alberto Romero, tamén hai espazo documental, e por suposto para a poesía da súa autoría. Tamén é de salientar o que poderíamos definir como o estudo máis amplo ata agora, da toponimia do Parque Natural do Monte Aloia. Neste libro hai 685 nomes de lugar e microtopónimos, relacionados cos concellos Tui, Gondomar e O Porriño, todos eles debidamente contrastados. É un traballo que contou coas aportacións de máis de 30 persoas de avanzada idade, con moito coñecemento do espazo xeográfico directamente vencellado o Aloia, e reseñados en oito imaxes aéreas, o que permiten ubicalos ben no territorio obxecto do estudo toponímico.
Antes de rematala á presentación, houbo unha proxección de diapositivas de varios recunchos do monte Aloia, na que Romer foi explicando o significado de algúns monumentos, cruces, marcos, rochas,..., o tempo que contribuiu a motivar que veciños de Tui e visitantes, se acheguen o monte Aloia a disfruten de tódolos seus atractivos, que certamente son moitos.
E como corresponde nun acto como ese, o autor asinou exemplares dos seus libros, que teñen un prezo de venda o público de 15 euros. Un verdadeiro agasallo tendo en conta o interesante contido desta publicación.
Antes de rematala á presentación, houbo unha proxección de diapositivas de varios recunchos do monte Aloia, na que Romer foi explicando o significado de algúns monumentos, cruces, marcos, rochas,..., o tempo que contribuiu a motivar que veciños de Tui e visitantes, se acheguen o monte Aloia a disfruten de tódolos seus atractivos, que certamente son moitos.
Romer asinando exemplares de "ALOIANOS"
E como corresponde nun acto como ese, o autor asinou exemplares dos seus libros, que teñen un prezo de venda o público de 15 euros. Un verdadeiro agasallo tendo en conta o interesante contido desta publicación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario