12 de maio de 2018

A GUARDA

CULTURA


"NA SOMBRA DO TREGA", LIBRO COORDINADO E PROMOVIDO POLO ESCRITOR E POETA FRANCISCO ÁLVAREZ - KOKI, FOI PRESENTADO NO CENTRO CULTURAL DA VILA

· O acto contou coa participación do alcalde de A Guarda, do deputado provincial de Cultura e dous dos autores

De esq. a der.: Joaquín Miguel Villa Álvarez, Francisco Álvarez Álvarez, Xosé Leal Fariña e Antonio Lomba Baz
Fotos: Infogauda

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Logo de agardar máis de catro anos a que saíse a luz, por fin chegou o intre de presentar "Na sombra do Trega", un libro promovido e coordinado polo escritor e poeta guardés Francisco Álvarez Álvarez (Koki) e editado pola Deputación de Pontevedra.

 O acto de presentación, que tivo lugar o pasado martes día 8 de maio, ás 20:00 h., no salón de actos do Centro Cultural da Vila, contou coa participación do alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz; do deputado provincial de Cultura, Xosé Leal Fariña; do arqueólogo, escritor, etnógrafo, investigador,..., Xoán Martínez Tamuxe; do escritor, historiador e investigador Joaquín Miguel Villa Álvarez; e do coordinador da publicación, Francisco Álvarez Álvarez (Koki).

Aspecto que presentaba o salón de actos do Centro Cultural

 Diante de unha audiencia de máis de un cento de persoas, maioritariamente de A Guarda, e tamén procedentes de Oia, O Rosal, Tomiño, Tui, Vigo,..., abriu o turno de intervencións Xosé Leal Fariña, quen salientou o apoio da Deputación de Pontevedra a este tipo de iniciativas, o tempo que tamén relembrou o apoio da institución provincial a exposición Camiños da Imaxe - Arquivo de Joaquín García Portela "Costiña", que no verán de 2016 se amosou con grande éxito de público na Casa dos Alonso, e que tamén contou con unha publicación que foi presentada en febreiro de 2017. O deputado provincial de Cultura relembrou que a exposición Camiños da Imaxe - Arquivo de Joaquín García Portela "Costiña" pódese visitar ata o vindeiro día 10 de xuño, no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela.


 Deseguido fixo uso da palabra Francisco Álvarez Álvarez (Koki), coordinador do libro, quen explicou as motivacións polas cales se propuxo levar a bó termo este libro, decindo que cada vez que ía a Deputación de Pontevedra tiña oportunidade de ver ás publicacións que se habían editado de outros pobos da provincia, e non había ningún de A Guarda.

 Na súa disertación, Álvarez - Koki relembrou á figura do escritor, etnógrafo, poeta e xornalista Eliseo Alonso Rodríguez, para quen propuxo que se lle adique unha rúa da Guarda na súa lembranza, decindo que fixo máis méritos que algúns que xa a teñen.

 Álvarez - Koki tamén expresou súa queixa polo estado no que se atopa o patrimonio deste pobo. 

 Trala intervención de Álvarez - Koki, sería o escritor e investigador Xoán Martínez Tamuxe, quen fixese uso da palabra para decir, entre outras cousas: "(...) Hoxe se presenta, en verdade, á sombra do noso emblemático Trega, este novo libro, que polo seu peso, polo seu tamaño e sobre todo polo seu contido histórico-literario, máis ben se trata dun librazo.

 Aínda podemos dicir, máis que pola súa temática variada, quizais sexa este un dos libros máis grandes publicados sobre a nosa turística, mariñeira e fermosa vila. Libro que presentamos e que se asemella máis ben a unha Enciclopedia.

 Baixo o simbólico e expresivo título NA SOMBRA DO TREGA, esta singular publicación de tapas duras, conta con case 300 páxinas, 33 capítulos (temas) e está profusamente ilustrado.

 Unha obra única ata agora, que pon en valor todo o rico e valiosísimo patrimonio da nosa vila do Trega.

 Esta solemne presentación é todo un notable acontecemento no senso cultural e bibliográfico para os cidadáns guardeses que teñen a oportunidade e sorte de contar con todo un valioso arquivo de interesante información, que moitos poderán coñecer por vez primeira.

 E tal oportunidade débese a tres providenciais circunstancias. En primeiro lugar, á loable idea-iniciativa do escritor e poeta guardés, Francisco Álvarez "Koki", que entusiasmado, constante, esperanzado naquela ilusión, naquel "soño de estrelas" hoxe, é todo un logro.

 En segundo lugar, o acerto de contar con desinteresados e capaces colaboradores, que apoiaron a "Koki" en tal aventura, en tal soño. Colaboradores que grazas aos seus estudos e ás súas dedicacións sobre os valores patrimoniais da vila da Guarda, ofreceron para a presente obra os seus traballos. Colaboradores xa nativos da propia vila, xa do Baixo Miño, tanto da actualidade, como de épocas pasadas.

 En terceiro lugar, e tamén coautor, e quen fixo realidade aquel soño do amigo Álvarez Koki (dende hai máis de catro anos), débese á favorable recepción da Excma. Deputación de Pontevedra, quen edita o presente libro.

  E tal xenerosa acollida aparece reflectida, tanto de modo grato e sincero, como en correcto estilo literario xa nas primeiras páxinas do libro, que hoxe se presenta pública e solemnemente.

 No libro, pois recóllense breves e primeiros comentarios, que asinan a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego, baixo o título Recuperando a memoria colectiva do Trega.

 Outro comentario tan acertado como expresivo, similar a aquel, que asina Xosé Leal Fariña, Deputado de Cultura e Lingua, que hoxe se atopa entre nós representando aquela entidade provincial. O seu título: Abrindo o solpor dende o Trega.

 Entre outros colaboradores anotamos a Joaquín Miguel Villa, Ricardo Rodríguez Vicente, Xurxo González, o propio Álvarez Koki e a Antonio Martínez Vicente.

 En Deportes: Ángel Gándara, Club Ciclista Guardés e a Unión Guardesa Feminina.

 Así como a AMPA dos PP. Somascos e a Sociedad Pro-Monte Santa Tecla...

 En Galería de Fotos: Infomaxe, Familia Portela Trigo, Betty Ferreira, Ángel Gándara, Ignacio Fajar, arquivo de Koki, etc. 

 Por suposto, non podían faltar algúns dos moitos e meritísimos traballos, como os do ilustre guardés, historiador, arqueólogo e cóengo, Juan Domínguez Fontela; do xesuíta P. Eugenio Jalhai, así como dos cregos Ignacio Calvo e de Antonio García Lago.

 Tamén para esta publicación aportamos algunhas das nosas colaboracións.

 E, por último, no libro non podía faltar a correspondente presentación do coordinador de tan preciada e consabida publicación, o escritor e poeta Francisco Álvarez Koki (...)". 

Un intre da conferencia de Joaquín Miguel Villa Álvarez

 Logo de Martínez Tamuxe, interviría o historiador guardés, Joaquín Miguel Villa Álvarez, doutor en Historia Contemporánea pola USC, quen ofreceu unha interesante conferencia titulada "O patrimonio urbanístico da Guarda".

 "Este traballo - comezou decindo Villa Álvarez - pretende ser un estudio histórico do urbanismo dun dos concellos máis pequenos de Galicia: A Guarda. E ao mesmo tempo unha chamada de atención aos guardeses en xeral –entre os que me inclúo– e ás autoridades en particular –pola responsabilidade que lles incumbe– ante a perda e «afeamento» do urbanismo autóctono nos últimos cincuenta anos. Recolle en gran medida unha investigación que fixemos fai anos sobre o particular, publicada en tres artigos no Libro das Festas do Monte da Guarda dos anos 2009, 2010 e 2011. Nesta ocasión, xa con novos datos, damos un novo repaso á orixe da actual configuración urbanística guardesa; de dentro a fóra, é dicir, comezando pola zona vella, despois os barrios periféricos, para rematar nas antigas aldeas do rural (...)".

 Deseguido, co apoio da varias imaxes fotográficas, o historiador comezou o que poderíamos definir como "visita guiada" pola zoa que el define como A Guarda intra muros, para amosarnos a muralla, as rúas, as edificacions, a praza do Monte Real (actual praza de Juan Bautista Alonso Español), deténdose na ubicación do pozo da vila, "(...) o único que existía dento do sector amurallado do antigo castro da Guarda. Non é un pozo calquera, senón que se trata dun verdadeiro monumento, soterrado a día de hoxe no corazón da vila vella, e totalmente descoñecido para a inmensa maioría dos guardeses. Segundo a descrición de Fontela, o pozo da vila ten unha ampla abertura rectangular que discorre ata o fondo, e a uns oito metros de profundidade ábrense catro galerías duns dous metros e medio de altura cada unha, situadas en forma de cruz latina, coa súa cabeceira cara o leste, asemellándose a unha cripta relixiosa. A auga brotaba abundantemente dunha pedra viva do fondo. Na varanda do pozo estaba colocada unha gran pedra rectangular de granito, cara á praza, cunha inscrición en caracteres descoñecidos, sendo enviada unha copia no seu día ao Cronista do Reino, Manuel Murguía, quen non a logrou descifrar. Si o conseguir anos máis tarde Domínguez Fontela para quen o alí escrito dicía: LUIS LÓPEZ, JUEZ 1.585."

 Na súa formidable labor de difusión do patrimonio histórico e urbanístico da nosa localidade, Villa Álvarez guiounos tamén polo que el denomina A Guarda extra muros, aportando súa definición dos barrios da Mariña, A Cruzada e de Ribadavila. E neste, en concreto, divíndoo en catro sectores (A, B, C e D), o tempo que foi amosando súas características.

 E finalmente Villa Álvarez amosounos o que el denomina A Guarda rural: as aldeas. E decir, Cividans, Salcidos e Camposancos.

 Como conclusións Villa Álvarez dixo: "Como intenta amosar este traballo, o Concello da Guarda ten unha personalidade urbanística definida pola evolución histórica duns espazos ben diferenciados. Sen embargo, tal vez por descoñecemento desa realidade, seguen a desaparecer espazos e construcións que nos definían e particularizaban como pobo, sendo substituídos por outros que nada teñen que ver coa fisonomía do entorno. Sen dúbida os poderes públicos deberían crear plans especiais –cando menos orientativos– para que se fagan edificios respectuosos co noso urbanismo.   

 Isto último, a protección do urbanismo autóctono, é o que están a facer algunhas vilas e cidades de Galicia que teñen espazos con personalidade urbanística; e con gran éxito pois están revalorizando zonas descoidadas, e incluso abandonadas, como zonas residenciais, de comercio ou de ocio. En definitiva, están dándolle vida. Neste sentido é obrigado felicitar a todos os propietarios guardeses que ata agora teñen restaurado ou reedificado as súas vivendas con criterios de equilibrio urbanístico; o que sen dúbida fixeron sen dúbida porque as valoran e as aman. Eles son, a día de hoxe, os verdadeiros responsables de que se estean a conservar, e incluso a mellorar, os lugares, recunchos e outros espazos verdadeiramente entrañables onde viviron, e que nos transmitiron os nosos avoengos". 

 No tramo final da presentación do libro "Na sombra do Trega", falou o alcalde Antonio Lomba Baz, quen a vista do que o coordinador da publicación escribiu na Presentación desta obra, afirmando: "(...) Na nosa vila, como en moitas outras vila de Galiza, as diferentes corporacions que representaron os nosos concellos foron destruindo a nosa historia, hoxe mesmo, os que criticaron os de antes de antes e de moito antes, e fano peor (...)", fixo unha ampla exposición de diversas actuacions desenvolvidas, no ámeto arqueolóxico, cultural, patrimonial,..., polos gobernos municipais nos que ven formando parte, ben como concelleiro de Cultura ou como alcalde.

  
Chuny Vázquez Vicente conversando con Emilio Alonso Freiría, en presenza de Álvarez - Koki, Manuel Martínez e Beti Portela Ferreira

 Logo da devandita presentación tódalas persoas que asistiron foron agasalladas con un exemplar da publicación que foi entregando o coordinador Francisco Álvarez - Koki. 

 A previsión é que en datas próximas o libro "Na sombra do Trega" esté á venda nas librerías. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario