21 de maio de 2018

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

Na celebración das Letras Galegas

OS COMUNEIROS DE CAMPOSANCOS LEMBRARON A MARÍA VICTORIA MORENO MÁRQUEZ

Asemade tamén lle tributaron unha homenaxe o mestre D. Nicolás Gutiérrez Campo

O profesor Xosé Manuel Malheiro na súa conferencia sobor de D. Nicolás Gutiérrez
Fotos: Infogauda

Ricardo Rodríguez Vicente / Camposancos

 Por iniciativa da xunta reitora, a Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común da parroquia de Camposancos sumouse á celebración das Letras Galegas e fíxoo por partida doble: relembrando a figura de María Victoria Moreno Márquez, a quen se lle adica este ano ese efeméride, e tamén relembrando o mestre D. Nicolás Gutiérrez Campo.

 Logo da apertura dunha exposición de debuxos e cadros pintados por D. Nicolás Gutiérrez, algúns dos cales estarán na exposición que se está organizando con motivo da mostra temporal en Galicia, da obra "A derradeira lección do mestre", de Castelao; o acto comezou uns minutos despois das 20:30 h. do sábado día 19 deste mes, na Casa Cultural da Comunidade de Montes de Camposancos, con unha verbas de benvida a cárrego da mestra Lucía Martínez Diz.

Lucía Martínez Diz

  Compre salientar que ademáis de unha boa representación de veciños de Camposancos e tamén de A Guarda, asistiron varios familiares de D. Nicolás Gutiérrez Campo.

Sabela Rodríguez Jardón

 Deseguido sería Sabela Rodríguez Jardón, ensinante xubilada, quen logo de ler unhas rimas extraídas do pregón que María Victoria Moreno fixo con motivo das festas patronais da Peregrina, de Pontevedra, cidade na que viviu uns 40 anos, e no que - como salientou Sabela Rodríguez -"(...) deixa ver dúas cousas: o cariño por Pontevedra e pola Lingua Galega. Isto importa porque ela non naceu en Galicia, vén no ano 1964 cando tiña 25 anos, pero foi a súa terra Galicia e porén Pontevedra.

 Podemos preguntarnos entón porqué se lle adicou o Día das Letras Galegas.

1.- Por ser muller. É a cuarta muller tras Rosalía de Castro, Francisca Herrera Garrido e María Mariño. (Xa se levan homenaxeado  58 persoas, delas só catro mulleres).

2.- Por escribir libros de literatura infantil e xuvenil cando só uns poucos autores se atrevían. É autora de textos breves pero fundamentais para entender as orixes eo primeiro desenvolvemento da literatura infantil e xuvenil.

3.- Por ser adiantada ao seu tempo: abordou nos seus libros temáticas en que foi pioneira: feminismo, drogadicción, malos tratos,...

4.- Porque se interesou pola nosa lingua sendo estremeña e profesora de lengua española, francés e latín, nun tempo en que que a sociedade galega, oprimida pola ditadura, non o facía.

5.- Porque deu clases de lingua galega cando impartilas estaba prohibido e iso valeulle algún que outro disgusto.   

6.- Por traducir libros ao galego.   

7.- En resumo, polos seus textos, as súas angueiras de escrita, o seu labor como profesora apaixonada, a súa aposta polo galego (...)".

Na súa interesante intervención, Sabela Rodríguez Jardón referiu que María Victoria Moreno "(...) naceu en Valencia de Alcántara (Cáceres),no ano 1939. A súa infancia desenvólvese en varios lugares de Badaxoz e Segovia. Cursa o bacharelato en Barcelona, onde pasará 7 anos e  onde se converte en lectora e isto ocorre a partir dun libro “Le Petit Prince” (O Principiño). Despois había atopar “O Quixote” que será o seu libro de cabeceira e do que acabará tendo diferentes edicións. 

Acabará dominando a lingua francesa e catalana. Con 14 anos gaña un 1º premio literario nun concurso convocado polo Liceo Francés.  

 No 1958 vense a Madrid  a facer a carreira de Filoloxía Románica na Universidade Central, hoxe a Complutense. A afección polas letras vai ser agora a súa profesión. Colabora coa ONCE traducindo libros do francés e lendo para cegos. Coñece así ao valenciano José Luis Llácer, invidente desde os tres anos co que casou cando remata a carreira.  

 No 1964 chega a Pontevedra e traballa no Instituto Feminino, actual “Valle Inclán” e descubre que ser profesora é o que amaría tada a súa vida: “O meu corazón florece nas aulas”, dicía.

De 1965 ata 1967, ten o seu destino en Lugo, no Instituto Masculino. Foi en Lugo onde se produce o contacto con Galicia e a súa lingua porque aquí coñece a Alonso Montero que cambia para sempre a concepción que a escritora terá da lingua galega e da súa problemática: “Lugo é unha páxina indeleble da miña vida. Galicia aniñou en min naqueles dous cursos que traballei en Lugo”.

Volve a Pontevedra e adquire un compromiso inquebrantable co galego e a partir de 1971 non volverá escribir en castelán e tampouco para lectorado adulto ata o final da súa vida, cando recolle  a súa experiencia da enfermidade a xeito de diario ou ensaia algúns versos. A partir daquí xa está preparada para  dar clases de lingua galega e faino en diferentes Asociacións Culturais, Amigos da Cultura de Pontevedra, en Vilagarcía, no Ateneo de Ourense (por estas clases foille retirado o pasaporte), nalgunhas aldeas onde as clases se impartían nasigrexas en ocasións  de xeito clandestino e coa colaboración dalgúns curas e tamén daba clases particulares no Instituto Valle Inclán aos alumnos que non podían seguir a carreira.  

 Á raíz da publicación de “Mar adiante” (1973) á reiterada pregunta: Por que en galego se non é galega?, e farta de que lle preguntasen pola súa galeguidade respondeu tomando prestadas as palabras de Celso Emilio Ferreiro: “FALO GALEGO PORQUE ME PETA”. 

Foi tradutora, escribiu libros de texto nos anos 80 sobre lingua e literatura galega e entregouse a espertar nos alumnos e nos profesores a paixón pola lectura. Foi tamén editora da colección ÁRBORE de literatura infantil e xuvenil.

No 1973, xunto cun grupo de mozos e mozas, abren a libraría Xuntanza” na cidade de Pontevedra. Querían que fose un punto de referencia da esquerda e que permitise establecer un intenso intercambio de ideas cos clientes. Así se sabía que aquí poderíanse conseguir algunhas obras prohibidas (entre outras estaba o “Sempre en Galiza” de Castelao. Vendíanse libros pero tamén se racadaron cartos para axudar aos presos políticos e se convocou  un premio literario homónimo de narrativa curta. Despois pasaría a ser propiedade dela e do seu marido ata que pechou no ano 1976.

No ano 1997 é diagnosticada de cancro de mama, enfermidade á que encarou de fronte.  

É a partir daquí que escribe “Diario da luz e da sombra”, un relato que pode servir de axuda e unha autobiografía das emocións. O obxectivo deste libro é o de ser un canto á vida que poida ser lido por aquelas persoas que están a pasar polo mesmo e por calquera persoa. “Mañá non veño a clases, tócame chute”, dicíalle aos alumnos cando lle tocaba a quimio (...)".

 O 30 de xuño de 2002, celebran a súa xubilación os compañeiros e as compañeiras do Instituto Torrente Ballester onde levaba traballando varios anos e ao que legou os seus libros. Ten 63 anos. Cesa na súa actividade por mor da evolución da súa enfermidade. Pero segue a escribir.
O mesmo día que presentaba o libro “Diario da luz e da sombra”, o 13 de decembro de 2004, o seu oncólogo comunícalle que a enfermidade mutou e que difícilmente ten solución. Aínda así acudiu á presentación.   

Pudo asistir á publicación do seu último libro infantil “Eu conto, ti cantas” (2005), libro en verso, que ten, como en moitos dos seus libros, aos animais como protagonistas, apenas un mes antes do seu falecemento.  

No 2009 publicouse póstumamente o libro “Onde o aire non era brisa”, tradución do primeiro libro que escribira en castelán “Alcores de Donalvar”.   

O 22 de novembro de 2005 irase definitivamente. Quedan os seus libros, as súas obras, os amigos e as amigas, os bolígrafos, o seu alumnado… o recordo (...)".

Madalena Gamalho e Bieito Álvarez

Logo da conferencia de Sabela Rodríguez Jardón, subiron o escenario Madalena Gamalho, que interpretou un fado, e o músico camposino Bieito Álvarez, que acompañou coa súa guitarra a magnífica interpretación da cantora galega.

HOMENAXE A D. NICOLÁS GUTIERREZ CAMPO

Despois corresponderíalle o "profesor de profesores", como acertadamente dixo Lucía Martínez Diz, a Xosé Manuel Malheiro Gutiérrez, que falou da traxectoria vital e profisional de seu avó D. Nicolás Gutiérrez Campo. E co apoio dunha presentación de fotografías, o profesor Malheiro foi debullando o perfil humano de D. Nicolás. 

Como referiu Xosé Manuel Malheiro "(...) Nicolás Gutiérrez Campo naceu en Segovia, o 13 de outubro de 1909, no número catro da rúa Doctor Pichardo, onde a súa familia residía naquel momento. O seu pai, Sadot Gutiérrez, casado con Anastasia Campo, era funcionario xefe de prisións, e esa circunstancia obrigouno a pasar por diversos destinos antes de recalar definitivamente en Béjar. Alí permaneceu o resto da súa infancia e xuventude, na vivenda familiar dentro do vello caserón do cárcere, hoxe convertido no Consistorio e Casa de Cultura. En Béjar realizou os estudos primarios e medios no Colexio Salesiano, examinouse de Bacharelato en Ávila en xaneiro de 1928, e continuou estudos de Maxisterio, matriculado por libre na Universidade de Salamanca, obtendo o título en 1930. 

Despois de rematar a carreira e de opositar en Madrid en 1931, obtén o seu primeiro destino en Galicia, onde ocupou sucesivas prazas, en curtas estancias, ata a súa depuración tras o 18 de xullo de 1936. Sen datos fiables que poidan documentar con certeza estas estancias, parece probable que a primera fose no concello de O Covelo; de aí pasou a Cortegada, seguidamente Codeseda, na Estrada e o seu último destino antes da guerra foi a parroquia viguesa de Zamáns. Alí permaneceu desde setembro de 1932 ata finais do curso 1935-1936.

Naquela época, e a través do seu amigo Pedro Caselles vai coñecer a outra mestra, Ana Marina Melero Fernández, natural de Camposancos, coa que acabaría casando despois dalgún tempo de noivado. A voda celebrouse o 20 de xullo de 1936, dous días antes que o xeneral Franco dera un golpe de Estado que desembocaría na guerra civil.

Nicolás Gutiérrez e Ana Marina Melero, xa casados, teñen que alterar os plans de futuro previstos para iniciar unha vida moi diferente, a causa da guerra e á depuración política. O mestre destituido arranxa un traballiño como contable de “Los Castellanos”, unha empresa familiar que rexentaba unha fábrica de xabóns e unha tenda de produtos coloniais en Pontevedra, na rúa García Camba, que deixa pouco tempo despois, ao ser recrutado para marchar á fronte da guerra. Rematada a guerra trasládase a Valencia coa súa muller e a primeira filla aceptando a oferta do industrial guardés Eloy Domínguez. Un xesto que a parella había lembrar con gratitude e agradecemento o resto da vida. En Valencia permanece a familia até a súa reincorporación, logo de varias reclamacións formuladas ao Tribunal de Reposición de Recursos. Entretanto, van nacendo os restantes fillos: María Jesús, José Florencio e Joaquín Ramón.

    Desde a rehabilitación até a súa morte en 1964, Nicolás Gutiérrez dedicouse por enteiro ao ensino e á familia. Reincorpórase ao ensino na escola graduada de A Guarda, un edificio destartalado que compartía cos mestres Víctor Touriño López e Martín Álvarez Álvarez. Este encargábase dos alumnos máis cativos, Touriño dos cursos medios e Nicolás Gutiérrez dos maiores. A finais dos anos sesenta, aquela escola foi derrubada para construir o Grupo Escolar Rodríguez Sinde.

    El e Marina tiñan que sacar adiante catro fillos co cativo salario do maxisterio da posguerra. Na súa bibicleta subía a diario desde a casa familiar, preto do vello colexio dos xesuítas, cara a escola nacional. Alí permanecía a xornada completa, onde complementaba os seus ingresos de mestre con clases particulares para preparar aos bachareis que ían examinarse ao Instituto Santa Irene; tamén ás xentes modestas que tomaban o camiño da emigración, ou aos mozos do barrio da Mariña que precisaban tirar un título oficial para enrolarse nos buques pesqueiros (...)".

O remate da conferencia de Xosé Manuel Malheiro Gutiérrez, quen dixo que "D. Nicolás é un referente para toda á familia" houbo un interesante coloquio no cal participaron dous ex alumnos de D. Nicolás: José Carlos González e Domingos Gómez, os cales expuxeron súas lembranzas sobor do venerable mestre.

Domingos Gómez salientou de D. Nicolás Gutiérrez que era un profesor que fomentaba nos alumnos o achegamento a Literatura, citando, en concreto a Juan Ramón Jiménez e súa obra "Platero y yo". E dixo tamén que era un mestre con amplos coñecementos en outras materias.  
  
Dese xeito, chegaríase o tramo final da homenaxe, no que actuarían novamente Madalena Gamalho e o músico camposino Bieito Álvarez.



Finalmente, en nome da xunta reitora Gloria Portela Loureiro e José Fernando Martínez Martínez, fixeron entrega de uns agasallos a filla de D. Nicolás Gutiérrez Campo, así como a Sabela Rodríguez Jardón e a Madalena Gamalho.

 Foi un verdadeiro placer poder asistir a este acto no que se honrou a memoria de María Victoria Moreno Márquez e de D. Nicolás Gutiérrez Campo.

GALERÍA DE IMAXES

Ningún comentario:

Publicar un comentario