DE SOUTOMAIOR A OLEIROS DEIXANDO ATRÁS O MALTRATO
Chini, a última cadela das atopadas desnutridas en 2017 en Soutomaior e que aínda estaba no CAAN da Deputación, ten xa unha nova familia en Oleiros grazas á colaboración de Adopciones Galicia
Na mañá de hoxe María del Carmen recolleu a Chini no CAAN da Armenteira e esta tarde entregaralla á súa nova familia
Foto: D. P.
Infogauda / Pontevedra
Chini, unha das cadelas desnutridas atopadas nunha incautación en Soutomaior en xuño do pasado ano 2017 e que fora trasladada ao Centro de Acollida e Protección Animal (CAAN) da Deputación de Pontevedra, vén de atopar unha nova familia grazas á colaboración da asociación protectora Adopciones Galicia co centro da Armenteira. A cadela marchará para o concello de Oleiros onde a espera unha nova etapa na que, deixando atrás a súa historia de maltrato, convivirá con outras dúas cadelas adoptadas polos seus donos noutras protectoras coruñesas.
A historia de Chini e dos 14 animais que estaban con ela conmoveu a todo o que a escoitou hai un ano: vívíanun estado lamentable con pésimas condicións hixiénico-sanitarias nunha finca de Soutomaior. Alí tamén se atoparon os cadáveres doutros tres cans. As forzas de seguridade tiveron que intervir pola situación e detiveron ao seu propietario, un home de 42 anos que foi acusado dun delito continuado de maltrato animal. Todos os cans foron trasladados ao CAAN da Armenteira e, pouco a pouco, foron atopando novas familias. Chini foi a última que quedou no centro e Adopciones Galicia involucrouse na busca dunha familia para ela dende o mes de xaneiro.
Ao CAAN Chini chegara con sarna e moi delgada debido á súa mala alimentación e estado de abandono. De feito, como consecuencia diso, fáltanlle case todos os dentes, o que dificultou a determinación da súa idade, que se calculou ao redor de seis anos.Administróuselle un tratamento para a curación da sarna durante oito semanas, un complexo vitamínico e alimenticio para a recuperación do seu estado corporal e nestes momentos xa come normalmente.
A cadela tamén presenta anoftalmía (non ten ollo) do lado dereito, pero non lle supón ningún problema para facer a súa vida normalmente. O seu comportamento no centro con outros cans sempre foi bo e, segundo explica un dos veterinarios de Tragsa, “é un pouco protectora co comida pero non lle impide a convivencia coas súas compañeiras de canil”. No CAAN tamén se lle fixo cirurxía de castración, vacinouse, desparasitouse e entregarase aos seus novos donos identificada con microchip de forma gratuíta.
E, como é que unha familia de Oleiros coñece a historia de Chini? Pois neste caso grazas á intermediación de Adopciones Galicia, que difundiu a situación da cadela a través das súas redes sociais, segundo explica a secretaria da asociación protectora, María del Carmen de Saa Puig. “Nós difundimos xuntas as historias de Chini e de Linda –as últimas cadelas de Soutomaior que estaban no CAAN-. Buscabamos que foran xuntas porque tiñan un pasado común, pero non foi posible porque as adopcións conxuntas son complicadas, e Linda saíu do CAAN hai tres semanas”, conta De Saa, quen destaca que o feito de que Chini non teña un dos seus ollos dificulta o atopar unha familia, “pero ao final conseguímolo”, felicítase.
De feito, na mañá de hoxe María del Carmen recolleu a Chini no CAAN da Armenteira e esta tarde entregaralla á súa nova familia, que reúnen os requisitos para serenadoptantes axeitados para a cadela e que “sabemos está moi ilusionadas”. “Falamos con eles todos os días e non lles dá chegado o día de vila buscar. Incluso nos dixeron que esta noite non durmiran”, explica a representante de Adopciones Galicia, quen lembra o positivo que é para cans do perfil de Chini atopar un fogar no que volver recuperar “a confianza nos humanos” e deixar atrás a anterior vida de maltrato que levaron, tanto físico como psicolóxico.
Ningún comentario:
Publicar un comentario