12 de maio de 2018

O CONDADO

UXÍO BENÍTEZ ANUNCIA UN PROXECTO PARA MELLORAR DOUS QUILÓMETROS DA ESTRADA PROVINCIAL QUE PASA POR RIBADETEA EN PONTEAREAS  

O deputado de Mobilidade destaca que o persoal técnico da deputación está a concretar a actuación, que conlevará a mellora do firme e calmado de tráfico  

A Deputación traballa tamén co Concello na elaboración dun proxecto para modificar o entronque desta estrada provincial (EP-2703) coa N-120  

Uxío Benítez Fernández, deputado de Mobilidade da Deputación de Pontevedra
Foto: D. P.

Infogauda / O Condado

 O deputado de Mobilidade da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez Fernández, anunciou hoxe que os técnicos do departamento que dirixe están a elaborar un proxecto para mellorar a seguranza viaria en dous quilómetros da estrada EP-2703 ente Pazos e Ponteareas ao seu paso pola localidade de Ribadetea, no concello de Ponteareas. Benítez destacou que esta actuación suporá “unha reforma de consideración para a vía co fin de garantir un tránsito seguro á veciñanza da zona e ao resto de persoas usuarias”. 

 Segundo especificou Benítez, o proxecto contempla as actuacións necesarias para reparar o firme actual, que se atopa en mal estado, e xerar unha nova sección con elementos reductores de velocidade, entre os puntos quilométricos 11+300 e 13+500, é dicir, ao longo de 2.200 metros de lonxitude.  

 No proxecto, aínda sen finalizar, defínense zonas de convivencia con tráfico compartido, coa incorporación de elementos redutores de velocidade, así como cos servizos necesarios, sempre baixo as premisas de buscar un deseño que sexa comprensible, utilizable epracticable por todas as persoas “en condicións de seguridade e comodidade”. “Entendemos que nesta zona é preciso un calmado de tráfico e unha mellora na plataforma ata o parque comarcal de maquinaria da Deputación. Tamén entendemos que se debe dar un tratamento singular á zona da igrexa, o que quedará plasmado no proxecto definitivo”, subliñou o deputado.  

 Benítez lembrou que a actuación na contorna da estrada de Ribadetea foi unha das peticións máis insistentes do Concello de Ponteareas nas sucesivas reunións mantidas, onde se especificaron as prioridades do concello para actuar na rede de estradas provinciais dentro do municipio. 

Entronque coa N-120 

 Por outra parte, Uxío Benítez tamén anunciou que o persoal técnico do departamento de Mobilidade da Deputación e o persoal técnico municipal están a traballar de forma coordinada para elaborar o proxecto de mellora do entronque da EP-2703 entre Pazos e Ponteareas coa estrada estatal N-120, desprazándoo da súa actual conexión.   

 Benítez indicou que o desprazamento da intersección será duns 300 metros, co fin de facilitar e mellorar o acceso ao núcleo da vila en concidicións de mellor seguranza viaria e conectividade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario