12 de maio de 2018

VIGO

CIG-Saúde considera intolerable a actitude da Dirección da EOXI de Vigo no conflito de competencias xurdido pola imposición do transporte de bolsas de roupa sucia ás Auxiliares de Enfermaría (Técnicos en Coidados Auxiliares de Enfermaría, TCAE) no Hospital Álvaro Cunqueiro


A Xerencia da EOXI de Vigo ven de demostrar coas últimas declaracións feitas na prensa que lonxe de quere solucionar este conflito opta por desacreditar a un colectivo cuxa profesionalidade está de sobra demostrada.
Consideramos dunha enorme irresponsabilidade que o máximo responsable da área sanitaria viguesa se dedique a difundir nos medios de comunicación información para desacreditar a un colectivo de máis de 500 persoas.
O incremento da tensión creada polo intento da Dirección de impedir expresar o desacordo das Auxiliares de Enfermaría con esta nova desafortunada decisión non fai máis que complicar a solución do conflito.
Por todo isto non consideramos á actual Xerencia un interlocutor válido para resolver este conflito e como Comisión de Centro vimos de solicitar,con carácter urxente, unha reunión co Conselleiro de Sanidade.
Consideramos que este conflitoé consecuencia do modelo sanitario escollido polo goberno de Partido Popular, que ben a demostrar dúas cousas de suma gravidade:a primeira a súa aposta pola privatización dos servizos públicos esenciais e a segunda a súa incapacidade de xestionaros numerososconflitos xurdidos neste hospital como consecuencia desa privatización, un bo exemplo son as graves incidencias xurdidas na esterilización polas que seguimos agardando responsabilidades.
Estamos nunha situación de secuestro dun servizo público por parte dunha empresa privada coa permisividade da administración.A Empresa concesionaria ten secuestrada á administración pública.
O persoal da empresa de limpeza, subcontratada pola Empresa Concesionaria, que traballa no Hospital Álvaro Cunqueiro, levaba máis de un ano denunciando que non tiña persoal suficiente para facer o seu traballo, e que ademais facía funcións que non estaban no prego de condicións licitado polo SERGAS (a recollida de bolsas de roupa sucia). Despois de intentar unha negociación coa Empresa Concesionaria e coa Xerencia do SERGAS, que se negou a falar do tema, obtiveron un laudo que recoñece que non tiñan entre as súas funcións realizar este traballo.
A Dirección da EOXI, que coñecendo o problema preferira mirar para outro lado durante máis de un ano decide, dun día para outro, que esa función a asuman as, xa sobrecargadas, Auxiliares de Enfermaría.
Unha vez máis, a Dirección do SERGAS prefire pregarse aos intereses da Empresa Concesionaria e non presionala para que continúe a realizar esa función, co persoal que estime convinte, xa que por esta e máis tarefas recibe unha gran suma de cartos cada ano. Parece que lle resulta máis fácil presionar ao seu persoal, mediante ameazas e difundindo noticias na prensa que non representan as actuacións reivindicativas da inmensa maioría do persoal.
CIG-Saúde denuncia a incapacidade da Dirección da EOXI de Vigo de anticiparse ao problema e negociar unha solución, e de incrementar o conflito coas súas decisións, como as aperturas de expedientes sancionadores ao persoal de plantilla e das listas de contratacións.

CIG-Saúde esixe da Dirección do SERGAS e do propio Conselleiro de Sanidade, que ao final é o responsable da licitación realizada, que devolva esa función á Empresa Concesionaria e que permita que as Auxiliares de Enfermaría poidan dedicar o seu tempo de traballo ao coidado das e dos pacientes.


Vigo, 12 de maio de 2018

Manuel González Moreira
Secretario Comarcal CIG-Saúde Vigo

Ningún comentario:

Publicar un comentario