Conmemoración do Día Mundial
do Medio Ambiente
Os días 30
e 31 de maio celebraranse no IES A Sangriña as Xornadas de Medio Ambiente sobre
O lobo e a xestión sostible do territorio
Terán lugar o mércores de 11.05
a 14.00 e o xoves
de 12.20 a
14.00 horas no salón de actos do centro educativo.
Juan José Hermida Lago / A Guarda
As xornadas servirán como conclusión e presentación do proxecto
interdisciplinar A pegada do lobo,
desenvolvido ao longo do curso polo grupo de traballo formado por profesores e
profesoras dos departamentos de Inglés, Administrativo, Educación plástica e
visual, Lingua e literatura galegas e Bioloxía e Xeoloxía. O equipo de
profesorado, coordinado polo Xefe do departamento de Bioloxía e Xeoloxía, Dr.
Juan José Hermida Lago, participou en
actividades formativas para mellorar as estratexias de traballo con grupos
heteroxéneos, metodoloxías activas e
avaliación por competencias. Ademais levou a cabo, co alumnado de 4º de ESO e
Administración e Finanzas, traballos de planificación e investigación desde
diversos enfoques (biodiversidade e patrimonio natural, ecoloxía lingüística e
patrimonio cultural, creación artística, literatura galega e inglesa, arte e
natureza, xestión sostible dos recursos do monte, etc.)
O mércores, 30 de maio, iniciará as xornadas o alumnado de 4º de ESO, que presentará
os traballos realizados por eles ao
longo do curso sobre o lobo e o patrimonio natural e cultural con el
relacionado.
A continuación proxectarase o audiovisual A PEGADA DO LOBO.
-Pechará as actividades do día 30 Fernando Javier Costas Goberna coa
conferencia: “A fauna nos gravados
rupestres do suroeste galaico”.
Costas Goberna é membro fundador do Instituto de Estudos Vigueses. Posúe
un longo historial de investigación, tanto sobre a arte rupestre como sobre outros
aspectos do patrimonio histórico e cultural con especial relevancia sobre
elementos clave da nosa contorna coma o mosteiro de Oia. É fundamental o seu
labor de difusión a través de numerosas publicacións monográficas e colectivas entre
as que se poden citar: Petroglifos del
litoral sur de la Ría de Vigo, Los grabados rupestres de Galicia,
La figura
humana en los grabados rupestres prehistóricos del continente europeo,
Arte rupestre
no sur da Ría de Vigo, As pedras e
os xogos. A orixe dos taboleiros de xogo galegos, El Monasterio de
Santa María de Oia y la guerra con Portugal en el siglo XVII…
Tamén desenvolve unha intensa
actividade como conferenciante, e dinamizador cultural en diversas asociacións que
teñen como finalidade promover o coñecemento e recuperación do patrimonio.
- O 31 de maio, ás 12.20 inícianse as actividades coa conferencia de Xosé
Lois Vilar “Toponimia e patrimonio” .
Xosé Lois Vilar, licenciado en Xeografía e Historia, é director da sección de
Arqueoloxía e Prehistoria do Instituto de Estudos Miñoranos e membro da
Asociación Galega de Onomástica. Realizou escavacións e estudos en numerosos
xacementos arqueolóxicos de Galicia e Portugal. É fundamental o seu traballo
como activista cultural e de defensa do patrimonio cultural e ambiental.
Preside a Asociación de defensa medioambiental SOS a Serra da Groba. Conduce
numerosas visitas guiadas aos petróglifos do sur de Galicia.
Pechará as xornadas Pedro Alonso coa conferencia “O lobo, e a xestión sostible do territorio”. Pedro Alonso é biólogo, naturalista e ecoloxista. En 1983 fundou
a asociación ecoloxista “Erva”. En 1989 iniciou o seguimento dos grupos
reprodutores de lobos do suroeste galego. Traballou na monitorización de
poboacións de lobos en Galicia, Castilla-León e Castilla-La Mancha. Realizou
traballos de asesoramento no Plan de xestión do lobo da Xunta de Galicia
elaborando a estratexia de medidas preventivas de ataques á gandería.
Actualmente colabora coa produtora audiovisual IBIS na rodaxe dun documental
sobre o lobo e os pastores de ovellas nas montañas de Ourense.
Coa celebración destas xornadas pretendemos promover o respecto a un animal
que ten un papel protagonista no noso patrimonio natural e cultural, que leva
convivindo connosco desde as orixes da nosa historia. O descoñecemento, as
falsas ideas e actuacións abusivas e agresivas por parte dos humanos levan á
desaparición deste extraordinario animal nas paisaxes das que tradicionalmente
facía parte pero esa destrución tamén acompaña a do noso patrimonio natural e
cultural.Tanto o traballo desenvolvido ao longo do curso no instituto coma o
coñecemento dos especialistas que ditarán as conferencias van encamiñados a
lograr unha nova conciencia nos alumnos e alumnas, que logre evitar os
comportamentos destrutivos e construír espazos de respecto e convivencia.
Os traballos realizados polo alumnado estarán expostos toda a semana no
recibidor do instituto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario