20 de maio de 2018

A GUARDA

A foto guardesa de Otto Wunderlich



Proxecto Socheo / A Guarda


 Descubrimos na base de información Europeana unha fotografía da Guarda realizada polo alemán Otto Wunderlich nunha data englobada no abano entre os anos 1929 e 1936. Tal como podemos ver na biografía do fotógrafo durante este período recorreu España na procura de sitios singulares para facer álbumes que despois comercializaba.  

 Mais imos coa análise da fotografía que destaca pola calidade do material fotográfico e pola súa depurada técnica (vidro á xelatina). Deste xeito vemos unha paisaxe en altura onde podemos contemplar con definición os distintos planos que a comportan a pesares da distancia. 

 Dito isto o primeiro en sinalar é o lugar desde onde foi sacada a foto: desde o Facho do Monte Trega. Nun primeiro plano vemos a haba do monte aínda que non nos permite observar espazos visibles ou excavados do xacemento do Castro do Trega.  

 Nun segundo plano xa nos imos á Guarda onde podemos ver a súa fotografía arredor do outeiro do “Castelo” de Santa Cruz. Un levantamento do terreo que ven potenciado pola conformación en base de socalcos e polo que non foi de extrañar que se emprazara na súa cima unha instalación militar complementando a Atalaia que se atopaba no lado sur da boca do porto.  

 Se atendemos ao urbanismo da Guarda o primeiro que destaca é o espazo do Chan do Conde que nos leva a darnos de fronte co Muro, a muralla medieval da Guarda. Estaba claro que antigamente este eixo axial era o que rexía a vila xa que unía a Ribeira, o Convento das Bieitas, Chan do Conde, porta sur da muralla, rúa Colón, Praza do Reló (Concello), Igrexa Parroquial e, posteriormente, a entrada á fortaleza de Santa Cruz.  

 Outro elemento a destacar é a configuración do casco urbano dentro da muralla: en forma de triangulo cun lado ofrecéndose ao mar e o vértice superior na igrexa parroquial. Este é un esquema típico das vilas mariñeiras galegas (Baiona, Noia, Fisterra…).  

 Sobre o posible peche da muralla da Guarda vemos que no lado oeste o núcleo urbano está moi separado do barrio de Ribadavila. Ese podía ser o límite máis occidental: os muros de peche de atrás dos terreos das casas que se atopan subindo a Rúa Vicente Rodríguez Cachada. Porén, no lado oriental, máis axudado pola pendente, vemos como destaca o muro do Monte Real (praza do mercado) e vemos como se dirixe ao contorno do terreo que estaba ao carón da Igrexa, o que antiguamente chamábase O Eirado. Neste punto cabe preguntarse até que punto esta contrución era por cuestións defensiva ou era un zócalo coa función de conter o terreo e de establecer os límites do espazo urbano da vila.  

 E por último dicir que a fotografía axúdanos a ver cal foi o crecemento da vila da Guarda a ámbolos lados da estrada que unía con Tui e con Baiona. Unha zona onde se situaba os establecementos comerciais e a residencia do que podemos denominar burguesía. Esta disposición “de arriba” choca coa zona mariñeira disposta máis “abaixo”, fora de muralla, no barrio da Marina. Unha disposición no territorio que podemos ver moi ben na foto e así compréndese as relacións sociais internas entre estes dous grupos predominantes da poboación guardesa. Esta supeditación é un dos contidos que engrosa o estupendo libro de Luis Alberto Gárate Castro titulado Jerarquías sociales en el Bajo Miño (Concellos de A Guarda y Oia): espacio, tiempo e identidad en el Bajo Miño (Concellos de A Guarda y Oia): espacio, tiempo e identidad. 

 Polo comentado vemos que esta fotografía guardesa de Otto Wunderlich ten un inmenso aporte documental porque podemos considerala como unha das primeiras “perspectivas aéreas” da vila da Guarda.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario