14 de maio de 2018

A GUARDA

CULTURA

Escolares da Guarda gozan dun espectáculo de maxia na semana das Letras Galegas  

A escritora María Victoria Moreno serviu de fío condutor do show, dirixido polo ilusionista Martín Camiña  

O espectáculo «Ilusións por e para María Victoria Moreno» forma parte da programación cultural organizada pola Consellería de Educación e Cultura do Concello da Guarda
Foto: C. A. G.

Sara Alonso / A Guarda

 Preto de medio millar de cativas e cativos dos centros escolares guardeses gozaron esta mañá do espectáculo de maxia «Ilusións por e para María Victoria Moreno» da man do ilusionista Martín Camiña.   

 A actividade, inicialmente programada para ser celebrada no Auditorio de San Bieito, desenvolveuse finalmente na Casa dos Alonso. Alí, os e as escolares repartíronse en dúas quendas para gozar do espectáculo, no que a obra e figura da escritora María Victoria Moreno serviron de fío condutor. 

 Así, o show mesturou maxia e literatura de xeito ameno e divertido, buscando en todo momento a participación dos pequenos e pequenas, que saíron da actividade cun sorriso. Asistiu o alumando de diferentes cursos de primaria e infantil dos centros educativos A Sangriña, As Solanas, Manuel Rodríguez Sinde, Padres Somascos, San José-HH. Carmelitas e da Escola de Educación Infantil da Gándara, así como alumnado do CEE San Xerome Emiliani.   

 O espectáculo «Ilusións por e para María Victoria Moreno» forma parte da programación cultural organizada pola Consellería de Educación e Cultura do Concello da Guarda con motivo do Día das Letras Galegas, que se conmemora o 17 de maio. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario